Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Xoves, 26 de marzo de 2020 Páx. 17401

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Picato, sito nos concellos de Guntín e Lugo (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente 116 EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., na actualidade Naturgy Renovables, S.L.U., en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Picato, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 29 de xaneiro de 2007 pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG núm. 26, do 6 de febreiro) admitiuse a trámite o parque eólico Picato (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 42 MW e promovido por Enel Unión Fenosa Renovables, S.A.

Segundo. Con data do 6.3.2007, Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (en diante, a promotora) solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial e a inscrición no Rexistro de Instalacións de Réxime Especial do parque eólico Picato.

Terceiro. O 3.12.2009, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial) emitiu informe sobre as instalacións electromecánicas descritas no proxecto de execución do parque eólico.

Cuarto. Pola Resolución do 17 de febreiro de 2010, a xefatura territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, o estudo de impacto ambiental, a aprobación do proxecto de execución e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.3.2010, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 9.3.2010 e no xornal El Progreso do 4.3.2010. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Guntín e Lugo, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

– Alegacións respecto da cualificación dos terreos como solos rústicos de protección de infraestruturas, segundo o proxecto sectorial que impide o aproveitamento forestal das parcelas.

Quinto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Ministerio de Fomento, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A., e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Sexto. O 10.1.2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas procedeu a tomar razón da subrogación de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. na posición de Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. no expediente do proxecto do parque eólico Picato.

Sétimo. O13.10.2011, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Oitavo. En escrito do 3.2.2012, o Ministerio de Fomento achegou o correspondente condicionado técnico ao proxecto do parque eólico respecto da autovía A-54, do cal, o 22.2.2012, a promotora amosou a súa conformidade.

Noveno. O 12.3.2014, Retegal, S.A. emitiu condicionado en que informou da necesidade de compromiso por parte da promotora de asumir os custos de realizar estudos de afección á cobertura e corrección de defectos futuros, derivados da construción do parque eólico. O 2.4.2014, a promotora comunica a súa conformidade co condicionado.

Décimo. O 9.4.2014, Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunicou que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lles comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións, sen prexuízo de requirir o compromiso da promotora de corrixir as posibles deficiencias que se poidan producir na recepción do sinal de televisión derivada da construción do parque eólico. Con data do 8.5.2014, a promotora manifesta a súa conformidade.

Décimo primeiro. O 21.4.2017, a promotora, co obxecto de valorar unha modificación do proxecto, achegou o documento addenda ao estudo de impacto ambiental e valoración das modificacións do proxecto parque eólico Picato, 13 de abril de 2016.

Décimo segundo. O 29.9.2017 a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e, o 9.11.2017, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiron informes relativos á valoración ambiental do documento indicado no punto anterior.

Décimo terceiro. O 13.11.2017, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. solicitou a tramitación do proxecto do parque eólico conforme a disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Décimo cuarto. O 15.2.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o proxecto do parque eólico, consonte a disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo quinto. O 12.3.2018, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. solicitou unha modificación do proxecto, para adaptarse á evolución tecnolóxica, consistente no cambio de modelo de aeroxerador e a eliminación de oito dos vinte e un aeroxeradores, xunto coa presentación do documento valoración ambiental da modificación do modelo de aeroxerador. Parque eólico Picato. Concello de Guntín e Lugo (Lugo). Marzo 2018.

Décimo sexto. O 10.4.2018, a promotora presentou o documento modificado nº 1 do proxecto execución parque eólico de Picato. Marzo 2018.

Décimo sétimo. O 1.6.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo oitavo. O 6.6.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe respecto da modificación do 12.3.2018, en que manifestou a necesidade de contar cos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e Instituto de Estudos do Territorio.

Décimo noveno. O 19.6.2018, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico modificado, establecendo o correspondente condicionado.

Vixésimo. O 28.6.2018, solicitáronse e, o 24.1.2019, reiteráronse os condicionados técnicos ao Concello de Guntín, ao Concello de Lugo e á Área funcional de Fomento da Delegación de Goberno.

Vixésimo primeiro. O 10.7.2018, o Instituto de Estudos do Territorio, o 11.7.2018, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e, o 26.7.2018, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiron informes relativos á valoración ambiental do proxecto modificado do parque eólico recollido na epígrafe décimo quinta. O 7.8.2018, a promotora amosou a súa conformidade cos citados informes.

Vixésimo segundo. O 20.8.2018, Retegal, S.A. achegou o correspondente condicionado técnico, onde comunicou a necesidade de que a promotora se comprometa á realización de medidas de cobertura nas localidades da contorna e, de ser o caso, ao restablecemento da calidade e da correcta recepción dos sinais de TDT. O 30.8.2018, a promotora manifestou a súa conformidade co indicado neste.

Vixésimo terceiro. Durante a tramitación do proxecto modificado do parque eólico, presentáronse alegacións respecto da localización do túmulo de Coto da Cruz e a súa afección pola última localización proposta das instalacións proxectadas.

Vixésimo cuarto. O 21.12.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante Anuncio do 26 de decembro de 2018 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019).

Vixésimo quinto. O 4.11.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón da subrogación nos dereitos e obrigas asumidos por Naturgy Renovables, S.L.U. con respecto do parque eólico Picato, na posición de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.

Vixésimo sexto. O 27.11.2019, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co documento modificado nº 1 do proxecto execución parque eólico de Picato. Marzo 2018.

Vixésimo sétimo. O 18.11.2019 e o 31.1.2020, Naturgy Renovables, S.L.U. presenta escritos nos que declara responsablemente que o modelo de máquina seleccionado para o parque eólico Picato é Vestas V136-3,45 MW, limitando a potencia en máquina aos 3,3 MW para as posicións dos aeroxeradores 1, 2, 3, 4, 5, 8, 10, 11, 12 e 13, así como 3,0 MW para os aeroxeradores 6, 7 e 9.

Vixésimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 42 MW, segundo informe do xestor de rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas nos antecedentes de feito, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta no informe o que fai referencia o artigo 13.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En calquera caso non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

2. En relación coas alegacións que fan referencia á afección sobre o patrimonio cultural, débese indicar que o proxecto conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 26.7.2018 e foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 21.12.2018, que se fixo pública polo Anuncio do 26 de decembro de 2018 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019). Por outra banda, a declaración de impacto ambiental establece a necesidade de realizar un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de implantación, execución e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Picato, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 21.12.2018, e recollida no feito vixésimo cuarto desta resolución:

a) Na epígrafe 4 da DIA recóllese a proposta de resolución, que literalmente di: «Logo de examinar a documentación que constitúe o expediente ambiental, este servizo de avaliación ambiental de proxectos considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais das condicións incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as que se recollen ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre elas, prevalecerá o disposto nesta proposta de DlA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións parque eólico Picato.

Na epígrafe 3 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

3.2. Protección da atmosfera.

3.3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.4. Protección do solo e infraestruturas.

3.5. Xestión de residuos.

3.6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

3.7. Protección do patrimonio cultural.

3.8. Integración paisaxística e restauración.

3.9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

3.10. Outras condicións.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Picato, sito nos concellos de Guntín e Lugo (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cunha potencia de 42 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Picato, composto polos documentos: proxecto de execución parque eólico Picato. Xullo 2009, asinado polo enxeñeiro industrial José Ramón Álvarez Arnau e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e modificado nº 1 do proxecto de execución parque eólico de Picato. Marzo 2018, asinado pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.

Domicilio social: avenida de Arteixo, nº 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Picato.

Potencia autorizada: 42 MW.

Produción neta: 144.835 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.449 horas.

Concellos afectados: Guntín e Lugo (Lugo).

Orzamento de execución material: 33.911.599 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

VA

600.875,34

4.760.785,89

VB

606.875,34

4.756.785,89

VC

610.875,34

4.759.785,89

VD

613.875,34

4.756.785,89

VE

608.875,34

4.752.785,89

VF

602.875,34

4.752.785,89

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A01

606.450

4.756.393

A02

606.632

4.756.317

A03

606.827

4.756.285

A04

607.035

4.756.265

A05

607.263

4.756.316

A06

609.375

4.756.386

A07

609.650

4.756.386

A08

609.825

4.756.286

A09

610.109

4.756.253

A10

610.065

4.754.817

A11

610.201

4.754.649

A12

610.138

4.754.277

A13

610.341

4.754.231

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

610.203

4.755.948

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 13 aeroxeradores de 82 metros de altura de buxa e 136 metros de diámetro de rotor, modelo Vestas V136-3,45 MW cunha potencia nominal unitaria limitada a 3.300 kW para as posicións dos aeroxeradores 1, 2, 3, 4, 5, 8, 10, 11, 12 e 13, así como 3.000 kW para os aeroxeradores 6, 7 e 9.

– 13 centros de transformación de 4.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, refrixeración AN e conexión Dyn5, instalados individualmente no interior de cada aeroxerador coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 82 metros de altura, equipada con viraventos, anemómetros, medidores de temperatura, medidores de presión e rexistrador de datos.

– Subestación transformadora, cun transformador de potencia de intemperie 20/220 kV de 45 MVA, refrixeración ONAN/ONAF e conexión YNd11, un transformador de servizos auxiliares 20/0,4-0,23 kV de 100 kVA, refrixeración AN e conexión Dyn11, xunto cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– Liñas eléctricas subterráneas de 20 kV de tensión nominal, en condutor RHZ1-2OL directamente enterrado en gabias, para a evacuación de enerxía xerada e a interconexión entre os centros de transformación e subestación transformadora 20/220 kV.

– Camiños ou vías para o acceso aos aeroxeradores, torre meteorolóxica, edificio de control e subestación eléctrica.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 384.854 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano «As Built» e outro plano cartográfico en formato «shape» das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. Simultaneamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a dita xefatura territorial, certificado do fabricante en que conste a limitación de potencia das máquinas, que garanta que a potencia evacuada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

8. No caso de que se manifestaren perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Naturgy Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade co artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 1 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito cuarto:

Mª Ángeles Arias Sánchez, o 23.4.2010; José Gorgoso Mourelos, o 23.4.2010; Pedro Trabazo Gandoy en representación propia e da MVMC Montes Gomelle, o 23.4.2010; Pedro Trabazo Gandoy, o 23.4.2010; Francisco Vázquez Mourelos, o 30.4.2010.

2. Alegacións presentadas durante a tramitación do modificado indicado no antecedente de feito vixésimo terceiro:

José Antonio Aldariz Rodríguez, o 17.10.2018; Manuel Vázquez Gorgoso, o 17.10.2018; José Rodríguez Berbetoros, o 17.10.2018; José Manuel Yáñez Castro, o 17.10.2018; José Luis Carreira Vázquez, o 7.10.2018; José Rodríguez Berbetoros, José Antonio Aldariz Rodríguez, José Manuel Yáñez Castro e Manuel Vázquez Gorgoso, o 25.2.2019.