Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Xoves, 26 de marzo de 2020 Páx. 17413

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO do contido da Resolución do 19 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Picato, sito nos concellos de Guntín e Lugo (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente 116-EOL).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 19 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Picato.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Picato, sito nos concellos de Guntín e Lugo (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cunha potencia de 42 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 384.854 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e así mesmo deberá presentar ante esta dirección xeral un plano «As Built» e outro plano cartográfico en formato «shape» das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. Simultaneamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante á dita xefatura territorial certificado do fabricante en que conste a limitación de potencia das máquinas, que garanta que a potencia evacuada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

8. No caso de que se manifestaren perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Naturgy Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade co artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, que se contarán desde o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 1 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante Resolución do 29 de xaneiro de 2007 pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG núm. 26, do 6 de febreiro) admitiuse a trámite o parque eólico Picato (en diante o parque eólico), cunha potencia de 42 MW e promovido por Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., na actualidade Naturgy Renovables, S.L.U.

2. Con data do 6.3.2007, Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. (en diante, a promotora) solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial e a inscrición no Rexistro de Instalacións de Réxime Especial do parque eólico Picato.

3. Pola Resolución do 17 de febreiro de 2010, da xefatura territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, o estudo de impacto ambiental, a aprobación do proxecto de execución e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.3.2010, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 9.3.2010 e no xornal El Progreso do 4.3.2010. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Guntín e Lugo, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de información pública presentáronse alegacións:

– Respecto que a cualificación dos terreos como solos rústicos de protección de infraestruturas, segundo o proxecto sectorial, impide o aproveitamento forestal das parcelas.

4. Durante o procedemento tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Ministerio de Fomento, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A, e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

5. O 10.1.2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas procedeu a tomar razón da subrogación de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. na posición de Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. no expediente do proxecto do parque eólico Picato.

6. O 13.11.2017, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. solicitou a tramitación do proxecto do parque eólico conforme a disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

7. O 15.2.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o proxecto do parque eólico, consonte a disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. O 12.3.2018, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. solicitou unha modificación do proxecto, para adaptarse á evolución tecnolóxica, consistente no cambio de modelo de aeroxerador e a eliminación de oito dos vinte e un aeroxeradores.

9. O 1.6.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

10. Durante a modificación do proxecto tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Concello de Guntín, Concello de Lugo, Área funcional de Fomento da Delegación de Goberno.

11. O 19.6.2018, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico modificado, establecendo o correspondente condicionado.

12. Durante a tramitación do proxecto modificado do parque eólico, presentáronse alegacións respecto da localización do Túmulo de Coto da Cruz e a súa afección pola última localización proposta das instalacións proxectadas.

13. O 21.12.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante o Anuncio do 26 de decembro de 2018 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019).

14. O 4.11.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón da subrogación nos dereitos e obrigas asumidos por Naturgy Renovables, S.L.U. con respecto do parque eólico Picato, na posición de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.

15. O 27.11.2019, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co documento modificado nº 1 del proxecto execución parque eólico de Picato. Marzo 2018.

16. O 18.11.2019 e o 31.1.2020, Naturgy Renovables, S.L.U. presenta escritos nos que declara responsablemente que o modelo de máquina seleccionado para o parque eólico Picato é Vestas V136-3,45 MW, limitando a potencia en máquina aos 3,3 MW para as posicións dos aeroxeradores 1, 2, 3, 4, 5, 8, 10, 11, 12 e 13, así como 3,0 MW para os aeroxeradores 6, 7 e 9.

17. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 42 MW, segundo informe do xestor de rede.

18. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas