Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 13 de marzo de 2020 Páx. 16349

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2018/467-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: CS e recuamento LMT SDM-702 derivada ao CT Automoto.

Situación: Vigo.

Características técnicas: LMT subterránea a 15 kV con condutor RHZ1 en tres actuacións:

• Actuación 1: 24 metros; orixe na LMTS SDM-710, entre os CT avenida de Madrid, 197 e Pizarro 16, e final no centro de seccionamento proxectado (CS).

• Actuación 2: 124 metros; orixe no CS proxectado e final no CT Automoto.

• Actuación 3, 113 metros; orixe no CS proxectado e final no CT Veimsa.

Centro de seccionamento, 4L, con celas compactas con corte en SF6, situado na avenida de Madrid, 131, Vigo (Pontevedra).

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 1 de abril de 2019, no BOP do 28 de marzo de 2019, no xornal Faro de Vigo do 21 de marzo de 2019 e no taboleiro de anuncios do Concello de Vigo. Tamén se notificou individualmente aos titulares coñecidos dos predios afectados pola instalación, de acordo coa relación de bens afectados facilitada pola empresa peticionaria.

Durante o mencionado trámite, o 26 de abril de 2019 recibíronse as alegacións de Daniel Alonso González. O 3 de xullo de 2019, Francisco Javier Ramos Díaz, en representación da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., entregou a esta xefatura territorial escrito de contestación de alegacións.

Unha vez examinados os escritos conclúese que:

Primeiro. Daniel Alonso alega no seu escrito que non é titular do predio número 1 da relación de bens de dereitos que se xunta á Resolución do 5 de marzo de 2019, pola que se somete a información pública a petición de declaración de utilidade pública da instalación eléctrica. Afirma que a titularidade corresponde á sociedade Daniel Alonso y Otros, C.B. e, polo tanto, a raíz dese erro, procede a paralización do expediente ata a súa emenda. A este respecto, cabe indicar que, conforme o artigo 140 do Real decreto 1955/2000, esta xefatura territorial non é competente para pronunciarse sobre a cuestión da titularidade do predio, conforme o artigo 140 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. O reclamante manifesta a falta de interese público da expropiación que se tramita no procedemento. Porén, o obxecto a que alude o proxecto é a pretensión de mellora da rede de distribución de media tensión existente correspondente á liña SDM-702 (liña Vilar), procedente da subestación de Sárdoma, que alimenta unha parte do concello de Vigo.

Terceiro. Nas súas alegacións Daniel Alonso tamén sinala que a expropiación lle causaría unha serie de prexuízos que non concreta e propón dúas variantes ao proxecto. Na primeira variante o trazado da liña discorre polo interior dunha nave industrial existente. Neste punto cabe indicar, conforme o artigo 162 do Real decreto 1955/2000, que quedan prohibidas as construcións de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores incrementada coas distancias mínimas de seguridade regulamentarias.

En relación coa segunda variante presentada cabe indicar, segundo o artigo 162 do Real decreto 1955/2000, que a variación do trazado non pode ser superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorre sobre a propiedade do solicitante. Así mesmo, tamén se observa que esta variante afectaría terceiros.

Cuarto. Tendo en conta todo o anterior, procede a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG num. 203, do 25 de outubro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados polo dita instalación, cuxas características se axustarán en todas ás súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente o seu dereito.

Pontevedra, 21 de febreiro de 2020

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra