Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Xoves, 12 de marzo de 2020 Páx. 15844

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

EXTRACTO da Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de museos correspondentes ao Programa 2020 (código de procedemento CT110B).

BDNS (Identif.): 498834.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Dispor da seguinte titulación:

a) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en museos, ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) na cal se acredite un mínimo de 100 créditos nestas materias para cada unha das especialidades seguintes:

1º. Historia da arte.

2º. Arqueoloxía.

b) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en restauración de fondos de museos, ter grao ou diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de:

1º. Arqueoloxía.

2º. Pintura ou escultura.

2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel de iniciación, mediante certificación oficial ou certificado Celga 3.

3. Non desfrutar destas bolsas con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria de bolsas, nun período de tempo igual ou superior a doce (12) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral de Políticas Culturais, logo de iniciado o período de vixencia.

4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionada/o por infracción cometida durante o desfrute dunha bolsa concedida para a formación en materia de museos.

6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude de bolsa para unha especialidade como máximo.

Segundo. Obxecto

As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas con procesos técnicos que se realizan no ámbito dos museos e os seus fondos museográficos. As persoas bolseiras serán tuteladas, coordinadas e dirixidas polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Políticas Culturais.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de museos correspondentes ao Programa 2020 (código de procedemento CT110B).

Cuarto. Importe

Para a concesión das bolsas destinarase un crédito total de 47.843,68 €, coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

• 11.20.432A.480.2: 45.520,00 €.

• 11.20.432A.484.0: 2.323,68 €.

Número de bolsas: oito (8).

Duración máxima: seis (6) meses. Poderanse prorrogar ata outros seis (6) meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2021.

Importe bruto mensual de cada bolsa: 948,33 €.

A Consellería de Cultura e Turismo destinará 48,41 € por persoa bolseira e mes en concepto de cotizacións á Seguridade Social.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo