Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Xoves, 12 de marzo de 2020 Páx. 15825

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de museos correspondentes ao Programa 2020 (código de procedemento CT110B).

A Consellería de Cultura e Turismo é o órgano da Administración autonómica que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio museístico de Galicia. Son as súas funcións a protección, o inventario, a restauración e a difusión do patrimonio cultural de Galicia custodiado neles, así como o coidado, a dotación, a instalación e a promoción de museos e coleccións visitables.

Para impulsar a formación do futuro persoal técnico en materia de museos e posibilitar a súa aprendizaxe, a Consellería de Cultura e Turismo convoca bolsas de formación que contribúan, na medida das posibilidades orzamentarias, a ampliar esta formación.

A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico, polo que é preciso poñer un límite no desfrute das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posibles, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras da concesión destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras do procedemento CT110B bolsas de formación en materia de museos, e procédese á convocatoria do Programa 2020 en museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo.

2. O persoal bolseiro realizará a súa actividade en diversos museos propios e xestionados, e na Subdirección Xeral de Arquivos e Museos da Consellería de Cultura e Turismo. Serán tutelados, dirixidos e coordinados polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Políticas Culturais.

3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

4. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica que será impartida por persoal técnico da Dirección Xeral de Políticas Culturais.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Dispoñer da seguinte titulación:

a) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en museos, ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que se acredite un mínimo de 100 créditos nestas materias para cada unha das especialidades seguintes:

1º. Historia da arte.

2º. Arqueoloxía.

b) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en restauración de fondos de museos, ter grao ou diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de:

1º. Arqueoloxía.

2º. Pintura ou escultura.

2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel de iniciación, mediante certificación oficial ou certificado Celga 3.

3. Non desfrutar destas bolsas con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria, nun período de tempo igual ou superior a doce (12) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral de Políticas Culturais, logo de iniciado o período de vixencia.

4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionada/o por infracción cometida durante o desfrute dunha bolsa concedida para a formación en materia de museos.

6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude de bolsa para unha especialidade como máximo.

Artigo 3. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de bolsas convocadas será de oito (8), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 9 desta convocatoria. Das oito (8) bolsas convocadas farase unha reserva de tres (3) bolsas destinadas exclusivamente a persoas graduadas ou con titulación equivalente que rematasen os estudos no curso 2014/15 ou posteriores. No caso de quedar deserta a reserva de praza nalgunha das especialidades, acudirase á listaxe na modalidade xeral da especialidade correspondente.

2. As bolsas terán unha duración de 6 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, de acordo co centro de destino.

3. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe total de corenta e cinco mil cincocentos vinte euros (45.520,00 €).

4. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, dous mil trescentos vinte e tres euros con sesenta e oito céntimos (2.323,68 €) con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Con este obxecto aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe, establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento. O cálculo das cotizacións faise tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2020 máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

Se é o caso, farase unha modificación orzamentaria para adecuar esta previsión ao gasto real. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

5. O importe bruto de cada bolsa será de cinco mil seiscentos noventa euros (5.690,00  €).

6. As bolsas poderán ser prorrogadas automaticamente ata outros 6 meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2021.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo I).

Consonte o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 10.2 da Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia, poderase establecer a obriga de relacionarse a través dos medios electrónicos co sector público autonómico para determinados procedementos e certos colectivos de persoas físicas respecto dos cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

No caso específico da presente orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento CT110B bolsas de formación en materia de museos, concorren as circunstancias indicadas no parágrafo anterior ao tratarse de solicitantes con formación universitaria que teñen acceso e dispoñen dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación ordenada segundo as alíneas do artigo 9:

a) Copia do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

b) Certificado de Celga 3 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c) Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

d) Poder de representación da persoa representante; a representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado do Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Atriga.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

2. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e o sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Criterios de valoración

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Expediente académico.

O expediente académico da persoa solicitante terase en conta cunha valoración máxima de catro (4) puntos.

b) Formación complementaria.

1º. Cursos de posgrao, de especialización e másteres relacionados coa especialidade do campo a que se opta e coa xestión de museos, museoloxía, xestión cultural ou do patrimonio cultural organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais cunha duración mínima de 30 créditos: 2 puntos, ata un máximo de 4 puntos.

2º. Cursos relacionados coa especialidade do campo a que se opta e coa xestión de museos, museoloxía, xestión cultural ou do patrimonio cultural organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais:

– Cursos con acreditación expresa igual ou superior a 10 horas de duración: 0,10 puntos, ata un máximo de 1 punto.

– Cursos con acreditación expresa igual ou superior a 25 horas de duración: 0,20 puntos, ata un máximo de 1 punto.

– Cursos con acreditación expresa igual ou superior a 40 horas: 0,30 puntos, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Cursos con acreditación expresa igual ou superior a 60 horas: 0,50 puntos, ata un máximo de 2 puntos.

– Cursos con acreditación igual ou superior a 100 horas: 0,70 puntos, ata un máximo de 2,80 puntos.

– Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

3º. Congresos, xornadas, seminarios e coloquios relacionados coa especialidade do campo a que se opta e coa xestión de museos, museoloxía, xestión cultural ou do patrimonio cultural: 0,10 puntos, ata un máximo de 1 punto.

Aos cursos e congresos, xornadas, seminarios e coloquios non específicos que se acrediten, correspondentes ás alíneas a) e b), deberá xuntarse o seu correspondente programa para comprobar a relación coa especialidade.

4º. Cursos de informática aplicada á documentación en museos: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Artigo 10. Instrución e avaliación

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Dirección Xeral de Políticas Culturais, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida, poderase reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida; outorgaráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que se non o fixeren, se darán por desistidos da súa solicitude de acordo co artigo 73.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión técnica composta pola titular da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos, que a presidirá, nela actuarán como vogais dúas persoas técnicas do Servizo de Museos. Exercerá as funcións de secretaria a titular do Servizo de Museos. En caso de ausencia dalgunha das persoas da comisión, correspóndelle ao titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais nomear suplente. A comisión elaborará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A Dirección Xeral de Políticas Culturais, á vista do expediente e do informe da Comisión de Avaliación, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada. A proposta de resolución provisional farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Turismo e nos dos seus departamentos territoriais. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

4. Unha vez examinadas as alegacións presentadas, se é o caso, por parte das persoas solicitantes, formularase a proposta de resolución definitiva, conforme o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Resolución e recursos

1. A Dirección Xeral de Políticas Culturais elevaralle o informe xunto coa proposta de resolución definitiva ao titular da Consellería de Cultura e Turismo, que resolverá sobre a concesión das bolsas.

2. O titular da Consellería de Cultura e Turismo resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse rexeitadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.

3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas. Poderán ser designadas, ademais, as persoas suplentes, en orde de prioridade, que serán notificadas como adxudicatarias de forma sucesiva cando non se puidese formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa o rexeitamento do resto de solicitudes.

4. A resolución de adxudicación, que se notificará nos termos previstos no artigo 7, pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 114 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data da súa notificación ás persoas interesadas, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a data de notificación.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Aceptación das bolsas

1. As persoas que resultasen adxudicatarias dunha das bolsas convocadas elixirán o seu destino por orde de puntuación.

Non obstante, para aqueles centros que xa contaran con persoal bolseiro na convocatoria anterior, terá preferencia o persoal bolseiro que xa estivese destinados neles.

2. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que se poidan producir.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes á notificación da resolución definitiva, as persoas beneficiarias das bolsas deberán comunicar á Dirección Xeral de Políticas Culturais a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non comparecer no centro de destino na data estipulada, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Políticas Culturais procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 14. Pagamento das bolsas e xustificación

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación. Terá unha periodicidade mensual, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, unha vez que o persoal bolseiro presentase a documentación fixada no artigo 15.d).

2. Ás persoas adxudicatarias das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15. Obrigas das persoas bolseiras

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, quedan obrigadas a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado na data que estipule a Dirección Xeral de Políticas Culturais. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida.

b) Asistir aos centros onde resulten destinadas de acordo coas directrices que fixen as persoas responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido no centro de destino.

c) Seguir as indicacións técnicas da Dirección do museo e dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente aos servizos técnicos coordinadores informe da actividade realizada e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa correspondente ás actividades desenvolvidas durante o tempo de desfrute da bolsa.

e) Presentar, antes do primeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) Así mesmo, antes do primeiro pagamento, deberán presentar unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 16. Desenvolvemento das bolsas

1. Poderase autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do persoal bolseiro ao destino adxudicado, por un prazo máximo de quince días naturais, por petición da persoa interesada, logo do informe favorable da Dirección do museo correspondente.

2. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá autorizar a interrupción temporal do desfrute da bolsa no caso de interrupcións motivadas por enfermidade ou accidente, risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade, debidamente acreditadas. A dotación da bolsa será do 100 % e o período interrompido poderá engadirse á data prevista para a finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan e, en todo caso, nas interrupcións por maternidade.

3. O pagamento da dotación económica da bolsa proporcional á duración do período de interrupción procederá só se é recuperado e sempre que sexa posible dentro do exercicio orzamentario e se as dispoñibilidades orzamentarias o permiten.

4. Por petición do persoal bolseiro, ao remate da bolsa, a Dirección Xeral de Políticas Culturais, logo de informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa dela.

5. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura e Turismo, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

6. Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, as persoas bolseiras deberán contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura e Turismo e do centro onde estivesen destinadas.

7. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 18. Renuncias, revogación e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Políticas Culturais, polo menos con sete días de antelación á data en que solicite que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa o persoal bolseiro poderá proporlle á Dirección Xeral de Políticas Culturais a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora cando proceda nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Disposición adicional única. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Cultura e Turismo, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia coa finalidade de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Políticas Culturais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file