Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Xoves, 12 de marzo de 2020 Páx. 15823

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 44/2020, do 27 de febreiro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de actuacións no Camiño Portugués en Santiago de Compostela, treito rúa Escurrida-Ponte Vella, de clave AC/18/024.06, no concello de Santiago de Compostela.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 23, do 1 de febreiro de 2019, publicouse o Anuncio do 24 de xaneiro de 2019, polo que se somete ao trámite de información pública o documento básico de actuacións no Camiño Portugués en Santiago de Compostela, treito rúa Escurrida-Ponte Vella, de clave AC/18/024.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos certificados presentados, o 17 de febreiro de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción de actuacións no Camiño Portugués en Santiago de Compostela, treito rúa Escurrida-Ponte Vella, de clave AC/18/024.06.

Este trazado ten por obxecto buscar unha visión integral do Camiño de Santiago como fenómeno patrimonial, cultural e territorial único, independentemente dos diferentes itinerarios que conflúen no centro histórico compostelano: o Camiño Inglés, o Camiño Francés, o Camiño da Vía da Prata, o Camiño Portugués e o Camiño de Fisterra.

Este proxecto ten como finalidade acadar unha imaxe identitaria internacional común ao longo do Camiño, concretamente para mellorar a integración do peregrino na entrada da cidade de Santiago de Compostela, facilitando a dita percepción e diminuíndo a tensión de tráfico sobre o Camiño, así como favorecendo a mobilidade peonil nesta área ao priorizar ao peregrino sobre o tráfico rodado.

Froito de todo isto, elabórase este documento básico de actuacións no Camiño Portugués en Santiago de Compostela, treito rúa Escurrida-Ponte Vella, de clave AC/18/024.06, no ámbito do Camiño Portugués, na zona pertencente a Conxo de Abaixo, concretamente na intersección da rúa da Volta do Castro; co obxecto de acadar a mellora da mobilidade e a rede de transportes ao longo do Camiño, incrementando a seguridade vial; todo isto, dentro dunha mellora da percepción visual.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de febreiro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de actuacións no Camiño Portugués en Santiago de Compostela, treito rúa Escurrida-Ponte Vella, de clave AC/18/024.06.

Santiago de Compostela, vinte e sete de febreiro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade