Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 26 de febreiro de 2020 Páx. 13602

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (código de procedemento VI422F, subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, para o exercicio 2020, con carácter plurianual).

BDNS (Identif.): 495255.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da presente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria en que o seu prazo de presentación estivese vencido.

d) Estar adherido ou en proceso de adhesión ao Convenio de colaboración asinado entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 ou norma que o substitúa.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade e as adxudiquen, en réxime de alugamento, conforme o procedemento establecido no Programa de vivendas baleiras ou norma que o substitúa, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na seguinte orde:

Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 152.850 € para a anualidade 2020 e por importe de 1.666.210 € para a anualidade 2021.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará no momento de se esgotar o crédito orzamentario –que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS– e, en todo caso, o día 30 de abril de 2020.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo