Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 26 de febreiro de 2020 Páx. 13605

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (código de procedemento VI406A, Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020).

BDNS (Identif.): 495377.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da presente convocatoria.

2. Para poderen ser beneficiarios destas subvencións, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria en que o seu prazo de presentación estivese vencido.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

1. Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

2. Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitirlles aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na seguinte orde:

Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.760.0, por importe de 100.000 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2020.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará ao se esgotar a partida orzamentaria contida nesta convocatoria –o que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS– e, en todo caso, o día 30 de abril de 2020.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo