Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 26 de febreiro de 2020 Páx. 13608

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (código de procedemento VI426C, subvencións do Programa Rehaluga, dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras).

BDNS (Identif.): 495379.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Encontrarse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia no momento da concesión da subvención.

b) Non estar incursa nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas nas cales se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na seguinte orde:

Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga, dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.780.7, por un importe de 20.000 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2020.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará no momento de esgotamento do crédito orzamentario –que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS– e, en todo caso, o día 10 de novembro de 2020.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo