Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 26 de febreiro de 2020 Páx. 13597

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (código de procedemento VI408H, Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021, correspondente ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas).

BDNS (Identif.): 496882.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. No ámbito da área de rehabilitación e renovación urbana (en diante, ARI) dos Camiños de Santiago, poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións desta convocatoria:

a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

b) As agrupacións de persoas propietarias.

c) As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.

2. No ámbito da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ademais das recollidas no punto anterior, tamén poderán ser persoas beneficiarias das subvencións nesta convocatoria:

– As persoas físicas con algún dereito real sobre un edificio ou vivenda situado neste ámbito.

– As persoas titulares dunha concesión sobre un edificio ou vivenda situado neste ámbito.

Para seren beneficiarias destas subvencións, as persoas e entidades sinaladas nos puntos anteriores deberán estar en posesión da correspondente cualificación definitiva da actuación outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

Poderán ser beneficiarias desta convocatoria de subvencións do Plan 2018-2021 as persoas e entidades que, estando en posesión da cualificación definitiva da actuación conforme a normativa da prórroga do Plan 2013-2016, non obtivesen as subvencións con anterioridade, salvo nos supostos en que lle fose denegada por non cumprir os requisitos exixidos.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións, para o ano 2020, do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural correspondente ás ARI dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que se tramitarán co código de procedemento VI408H.

As subvencións desta convocatoria están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación e renovación de edificios e vivendas situados nos ámbitos da ARI dos Camiños de Santiago e da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas rexeranse polas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 20 de xuño de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 124, do 2 de xullo).

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución:

ARI Camiños de Santiago

Aplicación 07.83.451A.780.6

Importe 2020

Proxecto 201800007 FFE

1.000.000 €

Proxecto 20180003 FCA

150.000 €

ARI Illas Atlánticas

Aplicación 07.83.451A.780.6

Importe 2020

Proxecto 20180007-FFE

85.000 €

Proxecto 201800003-FCA

15.000 €

2. A contía máxima das axudas previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, non poderá exceder, de forma individualizada, o 40 % do custo subvencionable da actuación.

No caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, esta porcentaxe máxima poderá ser do 75 % se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria, promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite na unidade de convivencia da persoa propietaria, promotora da actuación e residente na vivenda, que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

3. A contía máxima calcularase multiplicando o número de vivendas polas axudas unitarias establecidas a continuación:

a) Ata 12.000 euros, por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética nos termos establecidos no artigo 36 do Real decreto 109/2018, do 9 de marzo.

No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementaranse estas contías con 120 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderase incrementar en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declarados ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos, será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.

b) Ata 8.000 euros, por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, para actuacións de conservación, da mellora na seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, nos termos establecidos no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e para as actuacións de mantemento e intervención sinaladas no artigo 51.1.c) do citado real decreto e no ordinal noveno das bases reguladoras.

No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementaranse estas contías con 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderase incrementar en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declarados ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos, será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.

c) Ata 30.000 euros, por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.

4. Así mesmo, de conformidade co artigo 61 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, as axudas unitarias previstas no número 3 incrementaranse nun 25 % cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

5. O IGVS, con cargo aos seus orzamentos, subvencionará as actuacións nas ARI do Camiño de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, coa contía máxima seguinte:

– Ata 4.000 euros, por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación e/ou renovación, sen que a subvención poida exceder o 10 % do orzamento protexido de actuación da vivenda ou do edificio.

– Ata 1.000 euros, por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación e/ou renovación, se se adapta á Guía de cores e materiais aprobada pola Xunta de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará ao se esgotar a partida orzamentaria contida nesta convocatoria –o que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS– e, en todo caso, o día 30 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo