Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2020 Páx. 2319

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2020 pola que se modifica a Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a xeodestinos de Galicia, para o desenvolvemento de actuacións de dinamización turística, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

O 19 de decembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 241, a Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a xeodestinos de Galicia, para o desenvolvemento de actuacións de dinamización turística, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501C).

O artigo 3.2 das bases reguladoras dispón:

«Unicamente será subvencionable un proxecto por xeodestino solicitante. Se existise máis dunha solicitude por territorio, a subvención será adxudicada de acordo coa seguinte orde de prelación:

• Mancomunidades e consorcios.

• Grupos de desenvolvemento rural.

• Outras asociacións legalmente constituídas.

No caso de que se presenten dúas ou máis solicitudes nas categorías indicadas, adxudicarase á entidade que agrupe o maior número de concellos do xeodestino».

Dado o mapa de xeodestinos existente e a convivencia nalgún destes territorios claramente diferenciados, cómpre modificar o citado artigo 3.2 de xeito que ningún territorio quede excluído das accións de dinamización turística cuxo desenvolvemento constitúe o obxecto da presente convocatoria.

Polo exposto,

RESOLVO:

1. Modificar o artigo 3.2 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a xeodestinos de Galicia, para o desenvolvemento de actuacións de dinamización turística, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, que queda redactado como segue:

«2. Só se admitirá unha solicitude por entidade xestora.

Poderanse subvencionar varios proxectos por xeodestino sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

– Que se trate de territorios diferenciados dentro los límites do xeodestino.

– Ningún concello poderá participar en máis dunha proposta.

– Que os proxectos se presenten por entidades xestoras diferenciadas.

No caso de admisión de máis dun proxecto para un xeodestino, valoración establecida no punto 1.a) do artigo 6 destas bases, o territorio dividirase seguindo unha repartición de todos os concellos entre as propostas.

Se existisen varias solicitudes por territorio, a subvención será adxudicada de acordo coa seguinte orde de prelación:

• Mancomunidades e consorcios.

• Grupos de desenvolvemento rural.

• Outras asociacións legalmente constituídas».

2. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, implicará a apertura dun novo prazo para presentar solicitudes, que será dun mes a partir do día seguinte ao da citada publicación.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia