Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 10 de decembro de 2019 Páx. 52357

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 4 de decembro de 2019 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Lalín a partir do día 11 de decembro de 2019.

A Secretaría Comarcal de Pontevedra da organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria de folga indefinida no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Lalín (Pontevedra) desde o 11 de decembro de 2019 (incluído), que afectará a totalidade do cadro de persoal.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito debe conciliarse co resto dos dereitos de carácter fundamental da cidadanía, polo que resulta imprescindible adoptar as medidas oportunas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade (entre os que se atopa o da educación), estando obrigada esta Administración, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

En consecuencia, no que respecta aos servizos mínimos que garantan a esencialidade dos dereitos en xogo, a apertura do centro devén obrigatoria para o acceso do alumnado e necesaria para o exercicio do dereito ao traballo (artigo 35 da Constitución) do persoal que non secunde a folga. Por iso, enténdese como servizo mínimo garantir o control de acceso ao centro e edificios vinculados, como mínimo, o acceso do persoal que opte por non exercer o dereito de folga así como o do alumnado, dado que sen a apertura do centro impediríase inxustificadamente o correlativo dereito ao traballo e á educación.

Pero a apertura do centro non só exixe a acción material de «abrir o centro» senón tamén realizar as accións estritamente necesarias da función ou actividade docente e de vixilancia e custodia das instalacións, pois ao tratarse de alumnado menor de idade imponse unha especial dilixencia na eliminación ou minoración de riscos evitables, mediante a adecuada disposición ou mantemento das instalacións, así como o desenvolvemento das tarefas de vixilancia, control e limpeza, e garantir a continuidade mínima do servizo de cociña e comedor. En consecuencia, deberá establecerse como servizo mínimo a presenza durante a folga da persoa pertencente á dirección con capacidade para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores, de persoal subalterno e de persoal do servizo de limpeza e de cociña e comedor.

A duración da folga é un factor relevante porque pode poñer en perigo a educación do alumnado afectado pola convocatoria, non só pola perda potencial de días lectivos, senón que ademais esta perda se produza de forma continuada, polo que a desconexión do alumnado do desenvolvemento da actividade lectiva pode poñer en risco evidente o dereito á educación garantido no artigo 27 da Constitución, e ter consecuencias sobre o rendemento académico.

Por isto e por tratarse dunha convocatoria de folga de carácter indefinido, considerase necesario que, ademais das persoas que se designan para a apertura do centro, para garantir o dereito ao traballo (artigo 35 da Constitución) e a seguridade e custodia do alumnado, se designe un número de profesores suficientes para continuar coas actividades educativas mínimas e fundamentais durante o período que dure a folga.

Polo anterior, ademais dunha persoa do equipo directivo e dunha persoa subalterna e do persoal adscrito aos demais servizos que presta o colexio, fíxanse os docentes necesarios en cada unha das ensinanzas que se imparten en relación co alumnado escolarizado en cada unha das etapas. Así mesmo, tendo en conta que o alumnado que ten necesidades educativas especiais require unha atención individualizada, considérase necesaria a presenza dun profesor ou profesora de educación especial.

Todas as circunstancias antes apuntadas, son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados na presente orde, tentando deste xeito compatibilizar o contido esencial dos dereitos en conflito.

O artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre prestación de servizos esenciais en caso de folga (DOG do 20 de xuño), en caso de exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, faculta a persoa titular da consellería competente por razón do servizo esencial afectado para que, mediante orde determine a actividade mínima necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Por canto antecede, de conformidade co Decreto 155/1988, do 9 de xuño, e demais normativa citada, e oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1. Servizos mínimos

1. Terán a consideración de servizos mínimos os seguintes:

a) A persoa titular da dirección ou un membro do equipo de dirección, e un subalterno ou subalterna ou persoal con funcións análogas.

b) 2 mestras ou mestres de educación infantil.

c) 4 mestres ou mestras de educación primaria.

d) 3 profesoras ou profesores de educación secundaria obrigatoria.

e) 1 profesor ou profesora de educación especial.

f) O 20 por cento do persoal de limpeza e de cociña e comedor.

2. A dirección do centro designará de forma nominal o persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no número 1 deste artigo e procederá á súa publicación no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 2. Limitación de dereitos

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal na devandita situación.

Artigo 3. Garantía das persoas usuarias

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberán observarse as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias do establecemento docente.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional