Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 2 de decembro de 2019 Páx. 51278

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 15 de novembro de 2019 sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital.

A normativa reguladora da xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital atópase recollida, fundamentalmente, na Orde do 27 de xullo de 2000, modificada por senllas ordes do 29 de setembro de 2004 e do 19 de decembro de 2006. Nela prevese un procedemento dirixido a coordinar o tratamento orzamentario deste tipo de ingresos que evite desaxustes no proceso de execución e mellore as condicións necesarias para manter o equilibrio entre ingresos e gastos. A disposición derradeira da citada orde facultaba a Dirección Xeral de Presupostos (actualmente Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos) e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para ditar as resolucións que fosen necesarias para a aplicación do establecido nela. Na súa aplicación, ditáronse dúas resolucións conxuntas, de datas do 5 de setembro de 2000 e do 17 de abril de 2015, aprobando os modelos de documentos de xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital.

A Orde do 27 de xullo de 2000 respondía á finalidade sinalada e adaptábase aos criterios do Sistema europeo de contas, explicitados no SEC 1995, e ao marco de estabilidade entón operativo, instrumentado en virtude dos acordos subscritos entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Estado en desenvolvemento do Pacto de estabilidade e crecemento do programa de converxencia coa Unión Europea.

Con posterioridade, o Regulamento (UE) nº 549/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativo ao Sistema europeo de contas nacionais e rexionais da Unión Europea e, por tanto, de obrigado cumprimento para todos os Estados membros, estableceu unha nova metodoloxía que se concretou no novo Sistema europeo de contas nacionais e rexionais de 2010 (SEC 2010), que substitúe o SEC 1995 aplicado con anterioridade na Unión Europea.

Por outra banda, desde a publicación das ordes mencionadas o marco da disciplina orzamentaria e a sustentabilidade financeira adquiriu suma importancia e experimentou importantes modificacións. No ámbito da nosa comunidade autónoma hai que destacar a Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, coas modificacións previstas na Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. No ámbito estatal está vixente a Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, coas modificacións das leis orgánicas 4/2012, do 28 de setembro, 9/2013, do 20 de decembro, 6/2015, do 12 de xuño e 1/2016, do 31 de outubro.

O marco establecido por este conxunto normativo responde a tres obxectivos: garantir a sustentabilidade financeira de todas as administracións públicas; fortalecer a confianza na estabilidade da economía española; por último, reforzar o compromiso de España coa Unión Europea en materia de estabilidade orzamentaria.

A través das leis orgánicas citadas desenvolveuse o contido do artigo 135 da Constitución española. Esta regulación introduciu no máximo nivel normativo do noso ordenamento xurídico unha regra fiscal que limita o déficit público de carácter estrutural no noso país e ademais dá cumprimento ao Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza na Unión Económica e Monetaria do 2 de marzo de 2012, garantindo unha adaptación continua e automática á normativa europea.

Con anterioridade, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, Lofaxga) previu, no seu título III, o réxime xurídico aplicable a todas as entidades integrantes do sector público autonómico, singularmente os organismos autónomos, axencias públicas e entidades públicas instrumentais de consulta e asesoramento. Estas entidades tamén contan con ingresos que proveñen de transferencias correntes e de capital e os procedementos para a xestión deste tipo de recursos non recollían expresamente a ningunha destas entidades.

A nova regulación do sector público contida na Lofaxga, unida á aplicación dos criterios do novo Sistema de contas nacionais e rexionais de 2010 e o novo marco de estabilidade orzamentaria, requirían dispoñer dunha norma de rango legal en que se recollesen os aspectos substanciais que afectan o procedemento de xestión orzamentaria dos ingresos que proceden de transferencias correntes e de capital. Neste ámbito, a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, introduce unha modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, dirixida ao establecemento dunha regulación máis sistemática e completa da xestión económica e financeira para a que recolle, nos artigos 78 e 79 do mencionado texto refundido, as fases dos dereitos económicos e un conxunto de normas especiais aplicables na xestión orzamentaria dos dereitos económicos provenientes de transferencias correntes e de capital, respectivamente.

Finalmente, esta modificación do texto refundido recolle, ante a especificidade técnica propia destes procedementos de xestión orzamentaria, unha habilitación expresa para o desenvolvemento das normas especiais previstas no artigo 79 do texto refundido a través de orde da persoa titular da consellería competente en materia de facenda. Habilitación que se materializa por medio da presente norma que permitirá completar adecuadamente a xestión dos dereitos económicos que orixinan as transferencias correntes e de capital recibidas pola Administración xeral e as entidades recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma con carácter limitativo.

A presente orde consta de 16 artigos, unha disposición adicional, unha derrogatoria e dúas disposicións derradeiras e estrutúrase en catro capítulos. No primeiro recóllense as disposicións xerais relativas ao obxecto e ámbito de aplicación da orde.

No segundo capítulo regúlase o procedemento de xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital e comprende cinco seccións: a primeira refírese aos órganos competentes para a xestión orzamentaria dos ingresos; a segunda fai referencia ás fases da devandita xestión e á súa documentación; a terceira ao compromiso de ingreso; a cuarta ao contraído do recurso e, finalmente, a quinta á súa recadación.

No terceiro capítulo regúlanse os procedementos de ingresos relativos aos anticipos de fondos europeos e, por último, o capítulo cuarto regula a identificación dos ingresos e o procedemento para a devolución dos ingresos por transferencias correntes e de capital.

O contido da presente orde adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

Como consecuencia, por proposta da dirección xeral competente en materia de orzamentos, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, cos informes preceptivos e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto da presente orde é o desenvolvemento do procedemento de xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, que comprende o conxunto de actuacións necesarias para establecer o dereito á súa percepción e a determinación da súa contía, a recadación e a contabilización do recurso.

2. O establecido nesta orde será de aplicación á xestión dos ingresos orzamentarios dos capítulos IV e VII que afecten o ámbito subxectivo do orzamento consolidado do sector público autonómico que abrangue:

a) Administración xeral da Comunidade Autónoma.

b) Organismos autónomos.

c) Axencias públicas autonómicas.

d) Restantes entidades públicas instrumentais cuxa normativa específica confira carácter limitativo aos créditos do seu orzamento de gastos.

CAPÍTULO II

Procedemento de xestión orzamentaria dos ingresos procedentes
de transferencias correntes e de capital

Sección 1ª. Órganos competentes

Artigo 2. Órganos competentes para a xestión orzamentaria

Coas especificacións que se establecen nos artigos seguintes para cada fase, a competencia para a realización dos actos de xestión orzamentaria, conforme o disposto no artigo 79.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, corresponde:

a) Á dirección xeral competente en materia de orzamentos, a través do órgano que teña atribuída a xestión orzamentaria de ingresos:

1. Cando se trate de ingresos que corresponden ao orzamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

2. Cando se trate de ingresos que corresponden ás entidades sinaladas nas letras b), c) e d) do artigo 1.2 e se modifiquen as previsións iniciais dos seus orzamentos.

b) Aos órganos que, dentro das entidades sinaladas nas letras b), c) e d) do artigo 1.2, teñan atribuída a xestión orzamentaria, cando se trate dos ingresos que corresponden aos seus orzamentos e non se modifiquen as súas previsións iniciais.

Sección 2ª. Fases da xestión orzamentaria e os seus documentos

Artigo 3. Fases da xestión orzamentaria dos dereitos económicos por transferencias correntes e de capital

1. A xestión orzamentaria dos dereitos económicos que proveñan das actuacións recollidas no punto 1 do artigo 1 desta orde realizarase conforme as fases previstas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. A acumulación de varias fases da xestión orzamentaria nun só acto realizarase conforme o disposto nos artigos 10 e 12.

Artigo 4. Documentos de xestión orzamentaria

1. Con carácter xeral, a instrumentación do proceso de xestión dos ingresos realizarase a través dos documentos I, que se obterán polos procedementos e medios informáticos que se establezan, conforme os tipos seguintes:

a) O documento «ICI» formalizará o acto administrativo de recoñecemento do compromiso de ingreso.

b) O documento «IC» formalizará o acto administrativo de contraído do recurso.

c) O documento «ICC» formalizará conxuntamente as fases de compromiso de ingreso e de contraído do recurso.

d) O documento «IR» formalizará a recadación do recurso.

e) O documento «ICCR» formalizará o conxunto das operacións de compromiso de ingreso, contraído e recadación do recurso.

f) O documento «ICR» formalizará conxuntamente as operacións de contraído e de recadación do recurso.

2. Nos casos de modificación das previsións iniciais a súa instrumentación realizarase a través dos documentos MI, que se obterán polos procedementos e medios informáticos que se establezan, conforme os tipos seguintes:

a) Modificación de previsións e compromisos de ingreso, que se formalizará en documento MICI.

b) Modificación de previsións, compromiso de ingreso e contraído do recurso, que se formalizará en documento MICC.

c) Modificación de previsións, compromiso de ingreso, contraído e recadación do recurso, que se formalizará en documento MICCR.

Sección 3ª. Compromiso de ingreso

Artigo 5. Recoñecemento do compromiso de ingreso

1. O acto administrativo de recoñecemento do compromiso de ingreso realizarao o órgano que teña atribuída a xestión de ingresos da dirección xeral con competencia en materia de orzamentos, tomando como base as aplicacións e os importes incluídos nos estados de ingresos do orzamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma aprobados pola lei de orzamentos de cada exercicio. Os documentos correspondentes a estes actos identificarán e determinarán as previsións iniciais do orzamento de ingresos e poderán instrumentarse por procedementos automáticos.

2. As modificacións das previsións iniciais e a determinación das previsións definitivas do orzamento de ingresos, tanto da Administración xeral da Comunidade Autónoma como das demais entidades do artigo 1.2, realizaraas o órgano que teña atribuída a xestión de ingresos da dirección xeral con competencia en materia de orzamentos e axustaranse ás seguintes regras:

a) Procederá a modificación á baixa das previsións iniciais nos casos en que se efectúen baixas por anulación de créditos orzamentarios relativos a gastos con financiamento afectado, sempre que o recurso previsto inicialmente se deixase de percibir.

b) Procederá a modificación á alza das previsións iniciais no caso de que deban recoñecerse compromisos de ingresos que non figuren orzados inicialmente. O compromiso de ingreso efectuarao o órgano anteriormente mencionado á vista do documento que, conforme o establecido no artigo 78.1.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, teña a consideración de título habilitante do compromiso firme do organismo ou entidade transferente de contraer a obrigación no momento en que se xustifique a contraprestación correspondente ou á vista do ingreso xa producido.

c) Tamén procederá modificar á alza as previsións iniciais cando se formalicen os compromisos de ingresos que fosen procedentes, conforme o disposto no artigo 71 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para o financiamento das incorporacións de créditos efectuadas durante o exercicio.

Cando estes compromisos de ingresos correspondan ao Fondo de Compensación Interterritorial, a súa formalización realizarase con arranxo ao informe emitido pola dirección xeral competente para a programación e xestión do mencionado fondo sobre os ingresos pendentes de recibir ao 1 de xaneiro de cada ano.

Cando estes compromisos de ingresos correspondan a fondos e subvencións finalistas procedentes da Unión Europea, a súa formalización realizarase con arranxo ao informe emitido pola dirección xeral ou organismo responsable do respectivo fondo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sobre os importes programados, en execución e certificados ao 1 de xaneiro de cada ano.

d) O resultado de aplicar sobre as previsións iniciais o sinalado nas letras anteriores dará lugar á determinación das previsións definitivas dos ingresos orzamentarios.

3. Aos órganos establecidos na letra b) do artigo 2, corresponderá a formalización do compromiso dos ingresos previstos inicialmente nos orzamentos das axencias públicas, os organismos autónomos e demais entidades públicas instrumentais sinaladas no artigo 1.2.

Artigo 6. Tramitación do compromiso de ingreso

1. No momento da entrada en vigor da lei anual de orzamentos expediranse documentos «ICI» polo importe das previsións iniciais de cada unha das partidas de ingresos dos capítulos IV e VII.

2. Igualmente darán lugar á tramitación dos correspondentes documentos «MICI» os supostos de modificacións das previsións iniciais establecidos no número 2 do artigo 5.

3. Unha vez tramitados pola dirección xeral competente en materia de orzamentos, os documentos remitiranse á intervención delegada da consellería competente en materia de facenda para a súa contabilización, salvo no caso das modificacións das previsións iniciais das entidades instrumentais a que se refiren as letras b), c) e d) do artigo 1.2, no cal a remisión se realizará ao departamento contable da entidade correspondente.

Artigo 7. Xeración de crédito ou ampliación con base no compromiso de ingreso

1. A formalización de compromisos de ingresos non orzados inicialmente poderá dar lugar á xeración de crédito nos casos previstos no artigo 69 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ou á ampliación de crédito indicada no artigo 64.

Nestes casos, os expedientes de formalización do compromiso de ingreso e de xeración de crédito ou ampliación tramitaraos simultaneamente a dirección xeral con competencia en materia de orzamentos a través dos órganos competentes, respectivamente, para a súa xestión. O expediente de formalización do compromiso de ingreso axustarase ao sinalado no artigo 79.2 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e realizarase:

a) Por solicitude das consellerías, axencias públicas, organismos autónomos e demais entidades públicas instrumentais sinaladas no artigo 1.2 desta orde.

O modelo de solicitude será o establecido no anexo I desta orde. Remitirase á dirección xeral competente en materia de orzamentos coa documentación acreditativa do compromiso adquirido polo organismo transferente de contraer a obrigación no momento en que se realice ou xustifique a contraprestación correspondente e acompañando ao expediente de xeración de crédito. Con todo, cando a xeración de crédito se tramitase no exercicio orzamentario seguinte, a formalización do compromiso de ingreso realizarase separadamente no exercicio que lle corresponde.

Para o seguimento das seguintes fases, deberán remitir á dirección xeral competente en materia de orzamentos copia dos documentos que corresponde emitir ás entidades públicas instrumentais, de maneira que poida controlar se o compromiso de ingreso, que deu lugar á xeración de crédito solicitada, alcanzou as fases de contraído e de recadación do recurso.

b) De oficio, exclusivamente para as transferencias que integran o sistema de financiamento das comunidades autónomas.

2. No suposto de expedientes financiados con fondos e proxectos da Unión Europea ou dos fondos de compensación interterritorial, a dirección xeral ou organismo responsable do respectivo fondo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia informará sobre o dereito para percibir os recursos que procedan.

Os informes a que se refire este número serán emitidos a pedimento do órgano competente en materia de xestión de ingresos da dirección xeral con competencia en materia de orzamentos durante a fase de instrución do expediente de formalización do compromiso de ingresos.

Sección 4ª. Contraído do recurso

Artigo 8. Contraído do recurso e as súas modificacións

1. O contraído dos recursos procedentes da Unión Europea efectuarase conforme o disposto no artigo 79.3 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. A eventual anulación dunha certificación de gasto financiado con fondos europeos, como consecuencia de descertificacións ou outras situacións con efectos equivalentes, determinará a cancelación do contraído do recurso. Esta cancelación realizarase no exercicio en que foron formalizados os actos de xestión a que esa certificación deu lugar, sempre que sexa o mesmo que o da descertificación ou situación equivalente.

Se o recurso se contraeu nun exercicio xa pechado, as descertificacións e as situacións con efectos equivalentes darán lugar á compensación cos recursos contraídos no exercicio en que as ditas situacións teñen lugar e, tamén nos posteriores, se isto fose necesario para alcanzar o importe total que corresponde a elas.

Procederase á anulación de recursos contraídos en exercicios anteriores, cando non fose posible compensar os recursos nos exercicios posteriores conforme o procedemento anteriormente descrito.

3. No suposto de ingresos que non procedan dos orzamentos comunitarios, considerarase que concorren as condicións necesarias para o contraído do recurso en calquera dos seguintes casos:

a) Cando exista constancia de que a Administración ou entidade da que proceda a transferencia ditou o acto de recoñecemento da obrigación de pagamento.

b) Cando se teña coñecemento de que a Administración ou entidade transferente imputou a operación ao seu orzamento de gastos.

c) Cando se reciban os fondos líquidos da transferencia.

Artigo 9. Tramitación do contraído do recurso

1. O contraído do recurso, cando o ingreso corresponde á Administración xeral da Comunidade Autónoma, será formalizado polo órgano competente en materia de xestión de ingresos da dirección xeral con competencia en materia de orzamentos, en documento «IC» que remitirá á intervención delegada da consellería competente en materia de facenda para a súa contabilización.

2. Ao devandito órgano tamén lle corresponderá a formalización do contraído do recurso no caso de transferencias procedentes da Unión Europea.

Na tramitación destas transferencias será necesario que, os órganos ou organismos da comunidade autónoma que están encargados de xustificar ante o organismo estatal correspondente a realización de gastos financiados con recursos da Unión Europea, comuniquen, á unidade competente en materia de xestión de ingresos da dirección xeral con competencia en materia de orzamentos, a información relativa ás certificacións de gastos remitidas á correspondente autoridade de xestión ou de pagamentos mediante os seguintes modelos:

a) Anexo II «Información relativa a gastos financiados con fondos europeos (excepto Feaga, Feader, e iniciativas e proxectos comunitarios)».

b) Anexo III «Información relativa a gastos financiados polo Feaga».

c) Anexo IV «Información relativa a gastos financiados polo Feader».

d) Anexo V «Información relativa a gastos financiados co Programa de cooperación transfronteriza España-Portugal. POCTEP.

e) Anexo VI «Información relativa a gastos financiados con iniciativas e proxectos comunitarios» acompañado da documentación acreditativa da aprobación do proxecto en caso de non se remitir con anterioridade.

3. A formalización do contraído do recurso nos orzamentos das entidades establecidas nas letras b), c) e d) do artigo 1.2 realizarase polos seus órganos competentes en materia de ingresos, sempre que non se trate de transferencias procedentes da Unión Europea.

Artigo 10. Tramitación conxunta do compromiso de ingreso e do contraído do recurso

1. Cando se cumpran as condicións necesarias para o contraído do recurso e non se emitise con anterioridade o documento «ICI» ou «MICI» que corresponda, o órgano competente en materia de xestión de ingresos da dirección xeral con competencia en materia de orzamentos expedirá o documento «ICC» ou «MICC» que sexa procedente polos procedementos e medios informáticos que se establezan e remitirao á Intervención Delegada para a súa contabilización.

2. As axencias públicas, os organismos autónomos e as demais entidades públicas instrumentais sinaladas no artigo 1.2 realizarán respecto dos seus orzamentos de ingresos o desenvolvemento do trámite descrito no punto anterior, salvo que, por tratarse de transferencias procedentes da Unión Europea, resulte aplicable o disposto nos artigos 7, 8 e 9.

Tamén se exceptúa o suposto en que a tramitación conxunta do compromiso de ingreso e do contraído do recurso se deriva dunha solicitude de xeración ou ampliación de crédito, caso en que a dirección xeral competente en materia de orzamentos tramitará ambos os expedientes e expedirá documento «MICC» polos procedementos e medios informáticos que se establezan.

Neste último caso, para o seguimento da seguinte fase do ingreso, deberán remitir á dirección xeral competente en materia de orzamentos copia dos documentos que corresponde emitir ás entidades públicas instrumentais, de maneira que poida controlar se o compromiso de ingreso e contraído do recurso, que dan lugar á xeración de crédito solicitada, alcanzou a fase de recadación do recurso.

Sección 5ª. Recadación do recurso

Artigo 11. Recadación do recurso

A recadación do recurso, producida por ingreso en contas da Tesourería ou, de ser o caso, o ingreso en formalización, dará lugar á expedición de documento «IR».

Artigo 12. Tramitación conxunta do compromiso de ingreso, do contraído e do recadado do recurso

1. A Intervención Delegada da consellería competente en materia de facenda comunicará, mediante os procedementos e medios informáticos do sistema de xestión contable, ao órgano competente en materia de xestión de ingresos da dirección xeral con competencia en materia de orzamentos, o ingreso en contas da Administración xeral, para que esta proceda, se non se emitise con anterioridade o documento «ICI», «MICI», «ICC» ou «MICC» que corresponda, á tramitación conxunta das distintas fases de xestión orzamentaria dos ingresos a través do documento «ICCR» ou «MICCR» que sexa procedente e remitirao á mencionada intervención delegada para a súa contabilización.

2. Logo de xustificación, a dirección xeral competente en materia de orzamentos tamén tramitará conxuntamente as distintas fases a través dos documentos «ICCR» ou «MICCR» que correspondan, tras a recadación do recurso producida en formalización.

3. O procedemento descrito nos números anteriores será igualmente utilizado polas entidades sinaladas nas letras b), c) e d) do artigo 1.2 na xestión dos seus ingresos, salvo que, por tratarse de transferencias procedentes da Unión Europea, resulte aplicable o disposto nos artigos 7, 8, 9 e 10.

Tamén quedan exceptuados os supostos en que a tramitación do ingreso concorra cunha solicitude de xeración ou ampliación de crédito. Neste caso a dirección xeral con competencia en materia de orzamentos tramitará ambos os expedientes e a unidade competente en materia de xestión de ingresos expedirá o documento «ICC» ou «MICC» polos procedementos e medios informáticos que se establezan, mentres que a entidade expedirá o documento «IR», que remitirá copia ao centro directivo mencionado.

4. Naqueles supostos en que só se proceda á tramitación conxunta do contraído e do recadado do recurso, tanto a dirección xeral competente en materia de orzamentos como as entidades sinaladas nas letras b), c) e d) do artigo 1.2, utilizarán o documento «ICR» na xestión do ingreso da súa competencia.

CAPÍTULO III

Anticipos de fondos europeos

Artigo 13. Procedemento de ingresos recibidos como anticipos de fondos europeos

1. Os anticipos de fondos europeos percibidos para financiar gastos en fase de execución xestionaranse conforme o disposto nos números 4 e 5 do artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. Os órganos ou organismos da comunidade autónoma que estean encargados de xustificar ante o organismo estatal correspondente a realización de gastos financiados con recursos da Unión Europea, comunicarán á dirección xeral competente en materia de orzamentos a información relativa aos anticipos recibidos en contas da Administración xeral, mediante os seguintes modelos:

a) Anexo II «Información relativa a gastos financiados con fondos europeos (excepto Feaga, Feader, e iniciativas e proxectos comunitarios)».

b) Anexo III «Información relativa a gastos financiados polo Feaga».

c) Anexo IV «Información relativa a gastos financiados polo Feader».

d) Anexo V «Información relativa a gastos financiados co Programa de cooperación transfronteiriza España-Portugal. POCTEP».

e) Anexo VI «Información relativa a gastos financiados con iniciativas e proxectos comunitarios» acompañado da documentación acreditativa da aprobación do proxecto en caso de non se remitir con anterioridade.

Artigo 14. Xestión orzamentaria dos anticipos reembolsables de fondos europeos

1. Cando a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou os seus entes instrumentais con orzamento limitativo, resulten beneficiarios de axudas financiadas con fondos europeos xestionados pola Administración Xeral do Estado para os que se conveña a realización de anticipos reembolsables, a xestión orzamentaria axustarase ao establecido neste artigo.

2. O anticipo recibido rexistrarase como ingreso da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do ente instrumental que resulte beneficiario da axuda. Este ingreso aplicarase no capítulo IX «pasivos financeiros» do seu orzamento.

3. Os gastos realizados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma ou as súas entidades instrumentais xustificaranse ao órgano da Administración do Estado que actúe como organismo intermedio na xestión do fondo europeo que vaia financiar as actuacións.

4. O organismo estatal responsable na xestión do fondo certificará os gastos elixibles xustificados ante a autoridade de xestión do fondo europeo e comunicarao ao beneficiario.

5. Recibida a comunicación, a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou o ente instrumental recoñecerán a axuda recibida da Unión Europea, para o que procederán a formalizar a cancelación da débeda rexistrada no momento do anticipo, mediante pagamento no capítulo IX do orzamento de gastos e desconto no artigo 49 «Transferencias correntes do exterior» ou 79 «Transferencias de capital do exterior», segundo corresponda á súa natureza económica.

CAPÍTULO IV

Identificación e devolución de ingresos procedentes de transferencias

Artigo 15. Ingresos sen identificar

1. Conforme o disposto no artigo 79.6 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, os ingresos que non poidan ser identificados polo órgano competente en materia de ingresos da dirección xeral con competencia en materia de orzamentos, ao non figurar claramente especificada a súa procedencia, quedarán contabilizados en contas extraorzamentarias.

2. Os centros xestores de gastos financiados con ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, así como calquera que poida dispoñer de información, colaborará co órgano mencionado no punto anterior para a correcta identificación dos recursos recibidos e atenderán os requirimentos de información que desde o mesmo se realicen.

Artigo 16. Devolución de ingresos indebidos

1. A devolución de ingresos procedentes de transferencias correntes ou de capital realizarase conforme o disposto no artigo 79.7 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. O expediente de devolución iniciarase ante a dirección xeral competente en materia de orzamentos, acompañando a documentación correspondente á resolución ou acordo en que se concrete a súa exixencia. O órgano competente en materia de ingresos expedira informe sobre a citada devolución que se comunicará ao centro directivo ou entidade solicitante.

O solicitante incorporará este informe e instará a tramitación da execución material da devolución ante a dirección xeral competente en materia de tesouraría ou o responsable da tesouraría da entidade pública instrumental competente para a xestión da conta contra a que corresponda o cargo do mandamento de pagamento.

3. Co obxecto de manter o equilibrio orzamentario, a dirección xeral competente en materia de orzamentos poderá requirir do órgano ou entidade solicitante da devolución, que comunique os créditos do seu orzamento de gastos que financiarán a devolución realizada.

4. En ningún caso o expediente de devolución incluirá as cantidades exixidas por xuros ou conceptos análogos. A devolución das devanditas cantidades será a cargo do xestor da transferencia.

Disposición adicional única. Modelos de documentos

Os modelos dos documentos a que se refire o artigo 4 desta orde son os aprobados polas resolucións conxuntas da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con datas do 3 de setembro de 1996, do 5 de setembro de 2000 e do 17 de abril de 2015, ou aqueles outros que os substitúan.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 27 de xullo de 2000, sobre desenvolvemento da xestión orzamentaria e contabilización dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital, así como as disposicións de igual ou inferior rango no que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Habilítase a dirección xeral competente en materia de orzamentos e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para adoptar todos os actos necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela 15 de novembro de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Solicitude de formalización do compromiso de ingreso

Visto o expediente tramitado pola Dirección Xeral de …../Departamento de ….. desta consellería/organismo autónomo/axencia pública autonómica/…, do que se deriva a existencia dun compromiso de ingreso a favor da Facenda da Comunidade Autónoma que se ingresará en contas da Administración xeral/organismo autónomo/axencia pública autonómica/…, por importe de ….. euros, que non financia expedientes amparados por créditos recollidos inicialmente no orzamento de gastos e que ten a súa orixe en ……

RESOLVO:

1. Propoñer á persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos a oportuna formalización do compromiso de ingreso.

2. Remitir o expediente á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para o seu correspondente trámite.

…., ...... de ........................... de ….

«Sinatura»

Asdo: .......................................................................

O conselleiro/director do organismo autónomo/da axencia pública autonómica/…

ANEXO II

Información relativa a gastos financiados con fondos europeos
(excepto Feaga, Feader e iniciativas e proxectos comunitarios)

I. Datos identificativos do fondo

Nome do fondo:

Unidade administradora receptora da certificación:

II. Solicitude de pagamento

Número da solicitude de reembolso/certificación:

Data ata a que corresponde o gasto certificado:

Data de remisión da solicitude á unidade administradora:

Data da solicitude anteriormente enviada:

* Código

Gasto elixible

Axuda solicitada

(Financiamento UE)

Total

* Código:

A: Anticipo

I: Solicitude de pagamento intermedio

SF: Solicitude de saldo final

D: Descertificación

M: Modificacións comunicadas polos órganos competentes no procedemento de xestión do fondo.

(«Nome e cargo») acredita a veracidade dos datos arriba consignados.

…., ...... de ........................... de ….

«Sinatura»

Secretaría Xeral de …./Dirección Xeral de …

ANEXO III

Información relativa a gastos financiados polo Feaga

I. Comunicacións de pagamentos ao Fega correspondentes ao mes de:

Ingresos Feaga xestionados por:

Líquido Feaga acumulado

Líquido Feaga do mes

Acumulado

Conta

Acumulado

Conta

Concepto/data/referencia/

(«Nome e cargo») acredita a veracidade dos datos arriba consignados.

…., ...... de ........................... de ….

«Sinatura»

Secretaría Xeral de…./Dirección Xeral de…

ANEXO IV

Información relativa a gastos financiados polo Feader

I. Comunicacións de pagamentos ao Fega correspondentes ao mes de:

Acumulado cof. nacional

Cof. nacional

Acumulado Feader total

Feader total

Acumulado Feader capítulo 7

Feader capítulo 7

Acumulado Feader capítulo 6

Feader capítulo 6

Concepto/ conta

(«Nome e cargo») acredita a veracidade dos datos arriba consignados.

…., ...... de ........................... de ….

«Sinatura»

Secretaría Xeral de…./Dirección Xeral de…

ANEXO V

Información relativa a gastos financiados con POCTEP

I. Datos identificativos do proxecto

Nome e código do proxecto:

Iniciativa comunitaria: INTERREG (Programa de cooperación transfronteiriza España-Portugal-POCTEP)

Fondo europeo que cofinancia: Feder (75 %)

Beneficiario principal do proxecto:

Unidade administradora receptora da certificación: Mº de Facenda (D.X. Fondos Europeos)

Data autorización tratamento extraorzamentario (se for o caso):

Beneficiario:

Consellería:

Dirección xeral/entidade:

II. Solicitude de pagamento

Nº solicitude

Ano de realización do gasto

Data remisión á unidade administradora receptora

(*) Código

Total gasto elixible (€)

Importe Feder (€)

Total

(*) Código:

A: Anticipo

I: Solicitude de pagamento intermedio

SF: Solicitude de saldo final

D: Descertificación

M: Modificacións comunicadas polos órganos competentes no procedemento de xestión do fondo.

(«Nome e cargo») acredita que os datos consignados corresponden cos da plataforma oficial do Programa COOPERA 2020.

…., ...... de ........................... de ….

«Sinatura»

Dirección Xeral de......

ANEXO VI

Información relativa a gastos financiados con iniciativas e proxectos comunitarios

I. Datos identificativos do proxecto

Nome e código do proxecto:

Iniciativa comunitaria:

Fondo Europeo que cofinancia:

Unidade administradora receptora da certificación:

Data autorización tratamento extraorzamentario (se for o caso):

Beneficiario:

Consellería /entidade:

Dirección xeral:

Persoa de contacto:

Correo electrónico: Teléfono:

II. Solicitude de pagamento

Ano de realización do gasto:

Número da solicitude/certificación:

Data de remisión á unidade administradora receptora:

Beneficiario

* Código

Total gasto elixible

Importe financiamento UE

**Importe capítulo IV

**Importe capítulo VII

Xefe de fila/entidade representante/promotor:

Socio 1: (se for o caso)

Socio 2: (se for o caso)

Socio 3: (se for o caso)

Socio 4: (se for o caso)

Total

* Código:

A: Anticipo

I: Solicitude de pagamento intermedio

SF: Solicitude de saldo final

D: Descertificación

M: Modificacións comunicadas polos órganos competentes no procedemento de xestión do fondo.

** Importe capítulos: do importe do financiamento UE deberá indicar o que corresponde ao capítulo IV (financiamento do gasto corrente) e ao VII (financiamento do gasto de capital).

(«Nome e cargo») acredita a veracidade dos datos arriba consignados.

…., ...... de ........................... de ….

«Sinatura»

Secretaría Xeral de…./Dirección Xeral de…