Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 2 de decembro de 2019 Páx. 51299

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de novembro de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño no polígono industrial de Torneiros.

O Concello do Porriño remite documentación relativa á modificación puntual do PXOM a súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada por NORAI, Noroeste de Arquitectura e Enxeñaría, S.L., con dilixencia de aprobación provisional do 6.5.2019; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O concello do Porriño conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 26.6.2003, publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) do 21.10.2003 e no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 21.10.2003.

Por orde do 14.12.2009, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou definitivamente a MP do PXOM do Porriño no lugar de Torneiros, co obxecto de redistribuír o aproveitamento urbanístico dentro da parcela onde se sitúan as instalacións da empresa Lonza Biologics Porriño, S.L.; e refundir as dúas ordenanzas de aplicación nunha soa denominada 6bis.

I.2. Mediante orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 10.12.2018 resolveuse non outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño, no polígono industrial de Torneiros. Requiriuse ao Concello que redactase os documentos modificados que emendasen as deficiencias sinaladas nesa resolución e, logo dos trámites oportunos, elevase esa documentación ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

I.3. O Concello remite a emenda da documentación requirida, dilixenciada polo secretario municipal conforme se corresponde coa documentación aprobada provisionalmente polo Pleno municipal na sesión do día 6.5.2019.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación achegada, púidose comprobar que se axusta á normativa urbanística aplicable, pois que dá cumprimento ao requirido na Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 10.12.2018.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño no polígono industrial de Torneiros.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello.

5º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda