Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 29 de novembro de 2019 Páx. 51064

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de novembro de 2019 pola que se modifica a Orde do 19 de setembro de 2019 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia (código de procedemento MR711B).

O Consello de Dirección da Agader ten manifestado que o procedemento de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia estea sometido a prazos. Porén, para que estas previsións se recollan na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) en relación co procedemento MR711B, cómpre que figuren expresamente na orde de que se trata.

En consecuencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modifícase a Orde do 19 de setembro de 2019 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia (código de procedemento MR711B), nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 2, que queda redactado como segue:

«Artigo 2. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes. Prazo de resolución

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou desde a páxina web do Banco de Terras de Galicia (https://sitegal.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para:

As administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Establécense dous períodos anuais para a presentación das solicitudes. O primeiro abarcará os meses de marzo e abril, e o segundo os meses de outubro e novembro. Fóra destes prazos, as solicitudes inadmitiranse por extemporáneas.

Non será necesario que se dite un acordo de iniciación expreso para cada un dos prazos e considérase como data do acordo de iniciación o primeiro día natural do primeiro mes de cada un dos prazos de cada ano. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para ditar resolución expresa sobre a solicitude de concesión do arrendamento e para notificala será de cinco (5) meses contados desde o día seguinte ao acordo de iniciación. Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo».

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural