Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 30 de outubro de 2019 Páx. 47088

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de outubro de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade da Resolución do 16 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Arca-Nigoi, sector Arca (A Estrada-Pontevedra).

O 16 de setembro de 2019 o director xeral de Desenvolvemento Rural ditou a seguinte resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona de Arca-Nigoi, sector Arca (A Estrada-Pontevedra):

O acordo de concentración parcelaria da zona de Arca-Nigoi, sector Arca (A Estrada-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral competente na materia con data do 13 de xaneiro de 2012, encontrándose na actualidade pendente de declaración de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello da Estrada solicitou a cesión da titularidade do predio nº 725 para destinalo a área recreativa.

Vista a proposta da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dado o destino para o que se solicita o referido predio, e respecto do que se entende que é perfectamente subsumible no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Arca-Nigoi, sector Arca (A Estrada-Pontevedra), e adxudicar ao Concello da Estrada a titularidade do predio nº 725, que causa baixa no Fondo de terras da zona, para ser destinado a área recreativa.

Transcorridos cinco anos desde a cesión da propiedade sen que o predio fose destinado aos fins para os que é adxudicado, a titularidade do referido predio reverterá sobre o Fondo de terras da zona, o patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

2. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello da Estrada.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Pontevedra, 15 de outubro de 2019

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra