Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 18 de outubro de 2019 Páx. 45831

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 3 de outubro de 2019 pola que se modifica a Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, crea a Axencia Turismo de Galicia, entidade co obxectivo básico de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo. Entre o seu obxecto atópase o impulso á innovación, investigación, formación e cualificación das empresas e profesionais do sector turístico. Dentro da Axencia Turismo de Galicia atópase o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) que, entre as súas funcións, ten o desenvolvemento da docencia e a investigación conforme as exixencias metodolóxicas e substantivas propias de toda institución do ámbito universitario.

Mediante a Orde do 4 de xullo de 2014 (DOG núm. 128, do 8 de xullo) fixáronse os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións impartidas polo Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

A citada orde foi modificada pola Orde do 6 de setembro de 2016 (DOG núm. 187, do 30 de setembro), no que respecta á denominación da titulación Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, que pasa a denominarse Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

Así mesmo, pola Orde do 22 de agosto de 2017 (DOG núm. 168, do 5 de setembro) modificouse o seu artigo 3, relativo á actualización dos prezos, que quedou redactado como segue: «os prezos privados correspondentes ás ensinanzas establecidas nesta norma actualizaranse cada curso académico na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice de prezos de consumo (IPC) para a Comunidade Autónoma de Galicia no mes de abril anterior ao inicio de cada curso, mediante resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia».

A Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española, estableceu un novo réxime de actualización dos valores monetarios. Segundo a dita lei, a indexación con base en índices xerais, como é o índice de prezos ao consumo (IPC), non está xustificada nin produce beneficios para o conxunto da economía.

Polo exposto, procede modificar a devandita Orde do 4 de xullo de 2014 no que respecta á actualización dos prezos privados nela establecidos, de acordo coa Lei 2/2015, do 30 de marzo. Así mesmo, fíxanse os prezos privados para o alumnado que obteña unha bolsa ou axuda ao estudo.

A presente orde consta dun único artigo, no cal se modifican os artigos 3 e 6 e o anexo.

Na súa virtude, vista a proposta formulada pola Axencia Turismo de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único. Modificación da Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia

Un. O artigo 3 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Actualización dos prezos

Os prezos privados correspondentes ás ensinanzas establecidos nesta norma actualizaranse cada curso académico na mesma proporción que o coeficiente de actualización establecido para os tipos de taxas de contía fixa na Lei de acompañamento á Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia».

Dous. O artigo 6 queda redactado como segue:

«Artigo 6. Bolsas

1. Os/as alumnos/as que, ao formalizar a súa matrícula, reúnan as condicións para solicitar unha bolsa ou axuda ao estudo deberán facer a correspondente reserva de praza para o curso en que se matriculen. Se posteriormente non obteñen a condición de bolseiro ou se lles fose revogada a bolsa concedida, estarán obrigados ao aboamento do prezo correspondente á matrícula que efectuaron, descontando a cantidade adiantada en concepto de reserva de praza.

2. As bolsas, que serán outorgadas a través da tramitación das correspondentes convocatorias anuais, suporán un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación en réxime externo, segundo aparece reflectido no anexo. As bolsas poden ser de dous tipos:

Tipo I: supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.

Tipo II: supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación».

Tres. O anexo queda redactado como segue:

«ANEXO

Prezos privados dos estudos

1. Prezos matrícula ordinaria por titulación:

• Titulación matrícula Diploma Superior en Xestión Hoteleira: 7.711,44 €:

– Alumnado beneficiario dunha bolsa do tipo I: 1.542,29 €.

– Alumnado beneficiario dunha bolsa do tipo II: 3.855,72 €.

• Titulación matrícula Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña: 7.084,24 €:

– Alumnado beneficiario dunha bolsa do tipo II: 3.542,12 €.

2. Prezos reserva praza e outros:

• Reserva de praza: 411,28 €.

• Dereitos de matrícula por materia: 246,77 €.

• Dereitos a exame en 3ª convocatoria e extraordinaria: 246,77 €.

3. Conceptos que inclúe a matrícula ordinaria:

• Dereitos de matrícula.

• Apertura de expediente e servizos xerais.

• Docencia: sesións teóricas e prácticas/sesións de titoría.

• Dereitos de exame de 1ª e 2ª convocatoria.

• Uniformes de prácticas.

• Set de utensilios de traballo (para cociña e servizos).

• Excursións de interese docente organizadas polo CSHG.

• Seguro de accidentes (válido por un ano natural).

• Media pensión (almorzo e comida de luns a venres) durante todo o curso (incluído o período de exames finais de 1ª convocatoria), menos os períodos de vacacións.

• Alta de socio, como alumno/a, no Club de Antigos Alumnos.

• Uso de instalacións deportivas: pistas de tenis, fútbol sala, ximnasio».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo