Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43167

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2019 pola que se convoca un curso de transparencia e Administración electrónica no ámbito da Administración local para persoal da Administración local de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito con data do 26 de xuño de 2019, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso: transparencia e Administración electrónica no ámbito da Administración local para persoal da Administración local de Galicia que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderán participar nas accións formativas convocadas mediante esta resolución as persoas que ocupen os postos de habilitación nacional correspondentes á Secretaría, Intervención e Tesouraría, o persoal directivo e o restante persoal empregado público que preste servizo no Concello de Pontevedra e no seu organismo autónomo e na Deputación Provincial de Pontevedra, que se atopen en situación de servizo activo, permiso por maternidade/paternidade, adopción ou excedencia polo coidado dun/ha fillo/a ou dun/ha familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2019, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro (DOG núm. 25, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Q.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento da actividade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima dun día anterior ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades impartidas na modalidade presencial:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas horas da actividade formativa non poderán superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade.

d) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia a un mínimo do 90 % da duración da actividade.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, o alumnado deberá responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba.

– Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Concello de Pontevedra poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello de Pontevedra resérvanse o dereito para suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Concello de Pontevedra garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19059.

Transparencia e Administración electrónica no ámbito da Administración local.

1. Obxectivos.

Formar o persoal habilitado nacional do Concello e da Deputación Provincial de Pontevedra e demais persoal empregado público, en materia de transparencia e de Administración electrónica, perfeccionando os seus coñecementos para a súa aplicación no seus postos de traballo.

Metodoloxía: a formación tentará conseguir o obxectivo proposto combinando espazos teóricos con experiencias reais doutras administracións e estableceranse espazos de intercambio e discusión que propicien a aprendizaxe colectiva.

2. Destinatarios/as.

Persoal que ocupe os postos de habilitación nacional de Secretaría, Intervención e Tesouraría, persoal directivo e demais persoal empregado público que preste servizo no Concello de Pontevedra e o seu organismo autónomo e na Deputación Provincial de Pontevedra, e que realice tarefas relacionadas co curso.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 21 h.

Datas: do 11 ao 19 de novembro de 2019.

Horario: das 17.00 ás 20.00 horas, excepto o día 15 de novembro con horario das 16.00 ás 19.00 horas.

Lugar: salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación Provincial de Pontevedra, avenida Montero Ríos, s/n.

Prazas: 60.

4. Contido.

1. Transparencia. Especial referencia á normativa aplicable no ámbito local. Aplicación práctica da normativa de transparencia na Administración local.

2. Publicidade activa: concepto, contido, deberes e límites. Medios a través dos cales deben cumprirse os deberes.

3. Dereito de acceso á información pública e o control do seu exercicio. Límites de acceso e procedementos para o seu exercicio. As reclamacións en materia de acceso na información pública. Principais criterios dos órganos competentes para resolver as reclamacións en materia de acceso á información pública.

4. Ponderación entre o dereito á protección de datos e o dereito de acceso á información.

5. A Administración electrónica ao servizo da cidadanía: aplicacións públicas que facilitan las relaciones cos cidadáns. Desenvolvemento das TIC cara un municipio homoxéneo e intercomunicado.

6. Reutilización da información no sector público ao servizo da transparencia.

7. A Administración electrónica ao servizo da cidadanía: aspectos xerais e necesarios para o funcionamento electrónico da Administración pública. Medidas que se deben aplicar para a efectividade da transparencia na Administración electrónica.

8. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.