Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43175

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2019 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas para a xestión das actuacións para a execución das obras de ampliación do Hospital de Montecelo, que pasará a denominarse Gran Montecelo.

De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 13 de setembro de 2019, do Servizo Galego de Saúde, pola que se lle encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a execución das obras de ampliación do Hospital de Montecelo, que pasará a denominarse Gran Montecelo.

– Actividade: a Axencia asumirá a xestión das actuacións para a execución das obras de ampliación do Hospital de Montecelo, que pasará a denominarse Gran Montecelo.

Para a realización desta encomenda de xestión, a Axencia Galega de Infraestruturas asume a posición de órgano encomendado e desenvolverá todos aqueles actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de persoa contratista, adxudicación e execución de obras públicas.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta resolución de encomenda de xestión constitúe o instrumento xurídico polo cal se regula a prestación encomendada que desenvolverá a Axencia Galega de Infraestruturas, consonte o establecido no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, en relación co artigo 8 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co artigo 6.3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, é un negocio xurídico excluído do ámbito de aplicación desta lei.

No non previsto nestas condicións básicas de execución, a esta encomenda de xestión seralle de aplicación o Acordo de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 15 de xullo de 2015.

– Prazo de vixencia: estenderase desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía das obras.

O dito prazo prorrogarase automaticamente por períodos dun ano, agás que algunha das partes exprese a vontade da súa resolución cunha antelación mínima dun mes á data de remate deste e, en todo caso, ata que as obras sexan recibidas pola Administración.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente do Servizo Galego de Saúde