Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 17 de setembro de 2019 Páx. 40427

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de agosto de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Proxecto de ordenación do medio rural do concello de Mondariz-Balneario.

O Concello de Mondariz-Balneario remite a modificación puntual referida de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e aos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O concello de Mondariz-Balneario dispón dun Proxecto de ordenación do medio rural aprobado definitivamente o 17.1.2001 (BOP do 5 de febreiro).

I.2. Mediante Resolución do 11.7.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formula o informe ambiental estratéxico da modificación puntual (MP) (DOG do 3 de agosto, expediente 2016AAE1874 e código 1784/2016).

I.3. Constan informes, do técnico municipal do 18.1.2017 e do secretario interventor do 18.1.2017.

I.4. A modificación puntual apróbase inicialmente polo Pleno Municipal do 25.1.2017, expoñéndose ao público polo prazo de dous meses, mediante Anuncio do 23.2.2017 no DOG e no xornal Faro de Vigo.

I.5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados os informes de consulta ambiental previstos no documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, recibíndose contestación do Instituto de Estudos do Territorio (informe do 3.7.2017) e do Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas (informe do 7.8.2017).

Foron solicitados os informes sectoriais autonómicos a: Instituto de Estudos do Territorio (8.5.2017), Dirección Xeral de Enerxía e Minas (informe do 9.3.2017), Axencia Galega de Infraestruturas (informe do 22.2.2017), Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe do 24.2.2017), Dirección Xeral de Patrimonio Natural (informes de 30.6.2017 e 14.8.2018), Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal (informe do 10.8.2017), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informes de 1.6.2017 e 15.5.2018) e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 4.7.2017).

Non foi recibida contestación de Augas de Galicia nin da Deputación Provincial.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Ponteareas e Mondariz, recibíndose a contestación favorable de Ponteareas.

I.6. O Concello solicita informes sectoriais ao Ministerio de Defensa (informe do 8.4.2019), Delegación do Goberno (informe do 14.5.2019), Confederación Hidrográfica Miño-Sil (informe do 27.3.2017), Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital (informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 21.12.2017), Ministerio de Economía e Facenda (consta certificado municipal de non terse emitido) e Consellería de Facenda (informe do 9.1.2018).

I.7. Mediante Resolución do 6.11.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a Declaración ambiental estratéxica (DOG do 29 de novembro).

I.8. Constan informe técnico municipal favorable do 20.5.2019; informe-proposta xurídico do 22.1.2019; e informe favorable do secretario interventor do 27.3.2019.

I.9. O Pleno do Concello do 25.1.2019 aproba provisionalmente a modificación puntual número 3 do Proxecto de ordenación do medio rural.

II. Obxecto da modificación puntual.

A modificación puntual ten por obxecto:

a) Modificación da Ficha do catálogo do elemento catalogado Escola Fogar Divino Maestro, para adaptar o nivel de protección aos elementos que é preciso salvagardar.

b) Modificación do réxime de usos das ordenanzas: 1. Edificacións protexidas; 2. Contorno de edificacións protexidas; 7. Hoteis e 8. Docente, coa finalidade de ampliar os usos permitidos que potencien a rehabilitación das edificacións existentes.

c) Modificación do réxime urbanístico da parcela catastral 4253001NG4745S0001YI, de 13.121 m2, contigua ao Gran Hotel, e na que se sitúan dúas edificacións catalogadas: o Chalé de Don Jaime e o edificio en ruínas da antiga lavandería, actualmente de titularidade pública. A zona verde muda a súa cualificación de solo urbano-espazo libre privado a solo urbano-espazo libre público (ordenanza 5.1. zonas verdes públicas). Modifícase o apartado 4. Condicións de uso da ordenanza 1, no apartado relativo á antiga lavandería, recollendo a súa cualificación como equipamento público e o seu destino a Museo da Auga, que se regula por unha nova ordenanza 6.5 Equipamento cultural: Museo da Auga.

d) Normativa máis detallada das Condicións xerais de estética e integración ambiental.

e) Incluír unha ordenanza que regule os muros de contención e os peches de parcela.

f) Reclasificar un ámbito de 2.137 m2 entre os núcleos rurais de San Pedro (Mondariz Balneario) e O Escobeiro (Mondariz), de solo rústico común a solo de núcleo rural, para incluílo no núcleo de San Pedro.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para a modificación do planeamento urbanístico poden fundamentarse pola introdución de novos equipamentos e usos dotacionais, a adecuación da normativa á lexislación vixente, a protección do patrimonio cunha regulación específica das condicións estéticas e de integración ambiental, a ampliación do réxime de usos para potenciar a rehabilitación do patrimonio construído, etc.

III.2. O documento da MP incorporou os condicionantes derivados dos informes sectoriais.

III.3. Canto ao cumprimento das observacións formuladas no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 22.6.2016, no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, pode sinalarse:

– Determinacións de carácter xeral: cumprimentáronse as cuestións indicadas.

– Clasificación e determinacións do solo urbano: nas ordenanzas 7. Hoteis e 8. Docente recupérase a diferencia entre uso principal e usos complementarios, incluíndose os novos usos permitidos como usos principais dentro delas, polo que a denominación destas ordenanzas leva a confusión, ao prever como usos principais outros distintos aos previstos na súa denominación, como son os hoteleiros e docentes respectivamente.

– Clasificación e determinacións do solo de núcleo rural: a documentación necesaria para a delimitación do núcleo rural non cumpre cos requisitos sinalados no artigo 55 da LSG e nos artigos 122 e seguintes e 189 e seguintes do RLSG.

– Achégase a documentación requirida, xustificándose en relación coa obtención do equipamento Museo da Auga, de titularidade municipal, que a viabilidade da construción queda supeditada a subvencións e non afectará á facenda pública local.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 3 do Proxecto de ordenación do medio rural do Concello de Mondariz-Balneario, condicionada a:

– Modificar a denominación das ordenanzas 7. Hoteis e 8. Docente, de cara a eliminar posibles ambigüidades.

– Completar a documentación requirida na redelimitación do núcleo rural de San Pedro.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do Solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda