Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 17 de setembro de 2019 Páx. 40432

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 9 de agosto de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias municipais do concello de Salvaterra de Miño referida ao uso de garaxe.

O Concello de Salvaterra de Miño remite a documentación relativa á modificación puntual referida, de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e aos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Salvaterra de Miño conta cunhas normas subsidiarias municipais (NSM), aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo o 12.6.1993 (BOP do 26.7.1993); cunha modificación puntual das NSM Normativa de garaxes que desenvolve o apartado 3.4.10 Uso garaxe da normativa, aprobada definitivamente o 3.5.2005.

I.2. Mediante Resolución do 16.5.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual (MP) (DOG do 14.6.2017, expediente 2017AAE2017 e código 1916/2017).

I.3. Constan informe técnico municipal do 21.6.2017; e informe xurídico da Secretaría municipal do 21.6.2017.

I.4. A modificación puntual apróbase inicialmente polo Pleno do 26.6.2017, expoñéndose ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 26.7.2017 e no periódico Faro de Vigo do 5.7.2017.

I.5. Segundo o artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais a: Instituto de Estudos do Territorio (informe do 22.3.2018), Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe do 7.2.2018), Axencia Galega de Infraestruturas (informe do 23.2.2018), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 8.1.2018), Dirección Xeral de Enerxía e Minas (informe do 6.2.2018) e Deputación Provincial de Pontevedra (19.1.2018).

Non se recibiu contestación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes das neves, Ponteareas, Salceda de Caselas e Tui, recibíndose a contestación favorable do Concello de Ponteareas.

I.6. O Concello de Salvaterra de Miño solicita informes sectoriais a: Delegación do Goberno (que non deu resposta), Confederación Hidrográfica Miño-Sil (informe do 20.12.2018), Ministerio de Economía e Empresa (informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 10.12.2018), Ministerio de Fomento (informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do 18.1.2019), e Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria (que non deu resposta).

I.7. Constan informe técnico municipal favorable do 15.3.2019; informe xurídico do 20.3.2019 e informe favorable da Intervención municipal do 15.5.2019.

I.8. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente esta modificación o 3.4.2019.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxecto da modificación puntual é unha serie de cambios na normativa destinados a:

a) Resolver as incongruencias entre a redacción orixinal das NSM e a súa modificación de 2005 que establece tres clases dentro dese uso, fronte ás dúas iniciais. Sen embargo, a modificación do apartado 3.4.10 non ten correspondencia na redacción doutros artigos da normativa, na que se segue a referir ás dúas categorías.

b) Permitir o uso garaxe «clase a) aparcadoiro con uso transitorio ou de rotación» nos «espazos libres de uso privado» dos planos de ordenación das NSM (planos 2.2, 2.4, 2.5 e 2.8). Na redacción orixinal destas ordenanzas, o uso garaxe aparece como permitido a nivel xeral, pero non no caso concreto dos espazos libres de uso privado.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para calquera modificación do planeamento, xustifícanse na eliminación da disfunción entre as diferentes partes da normativa urbanística. A posibilidade de permitir o uso aparcamento «clase a) aparcadoiro público» nos espazos libres de uso privado, xustifícase en atención á crecente demanda de aparcamento no concello.

III.2. Nos informes sectoriais recabados, non se manifestaron obxeccións á MP.

III.3. Foron emendadas as consideracións do informe da DX de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 2.5.2017, emitido no trámite de consultas previsto do artigo 60.4 da LSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Salvaterra de Miño, referida ao uso de garaxe.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda