Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 14 de agosto de 2019 Páx. 36774

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 5 de agosto de 2019 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2019/20.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, regula a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). Así, coa entrada en vigor do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, iníciase unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao diferenciando o máster universitario do programa de doutoramento.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

As universidades, logo de seren autorizadas para implantar os estudos, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición alén dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación alén de dous cursos académicos consecutivos implicará o inicio do procedemento de supresión, que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades na sesión ordinaria do 10 de xuño de 2019, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude das universidades da Coruña (UDC), Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVIGO), para implantar determinados títulos.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se autorice a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2019/20, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos. Autorizado pola presente orde.

2. Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos. Autorizado pola presente orde.

3. Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación. A autorización e implantación deste título inicia o proceso de extinción do grao en Información e Documentación autorizado polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto (DOG 16/09), con número RUCT 2501088.

4. Máster universitario en Técnicas Estatísticas (máster conxunto da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo). A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Técnicas Estatísticas autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), con número RUCT 4310361.

5. Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (Programa de doutoramento conxunto da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo). A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (Programa de doutorado conxunto da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo) autorizado pola Orde do 4 de xullo de 2017 (DOG do 14 de xullo), con número RUCT 5601319.

Artigo 2

Que se autorice á Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2019/20, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Robótica. Autorizado pola presente orde.

2. Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do grao en Xeografía e Ordenación do Territorio autorizado polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto (DOG do 16 de setembro), con número RUCT 2501183.

3. Máster universitario en Condicionantes Xenéticos, Nutricionais e Ambientais do Crecemento e Desenvolvemento Nutrenvigen G+D Factors (máster conxunto da Universidade de Granada, da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade de Zaragoza e da Universidade Rovira i Virgili). Autorizado pola presente orde.

4. Máster universitario en Enxeñaría de Procesado de Alimentos. Autorizado pola presente orde.

5. Máster universitario en Investigación en Ciencias da Visión (máster conxunto da Universidade Complutense de Madrid, da Universidade de Alcalá, da Universidade de Murcia, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Valladolid). A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Investigación en Ciencias da Visión (máster conxunto da Universidade Complutense de Madrid, da Universidade de Alcalá, da Universidade de Murcia, da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade de Navarra e da Universidade de Valladolid) autorizado pola Orde do 30 de maio de 2014 (DOG do 12 de xuño), con número RUCT 4314135.

6. Máster universitario en Psicoloxía. Autorizado pola presente orde.

7. Máster universitario en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións e Psicoloxía Xurídico-Forense. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións e Psicoloxía Xurídico-Forense e Interveción Social, autorizado polo Decreto 150/2010, 16 de setembro (DOG do 23 de setembro), con número RUCT 4312586.

8. Máster universitario en Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais. Autorizado pola presente orde.

9. Máster universitario en Técnicas Estatísticas (máster conxunto da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo ). A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Técnicas Estatísticas autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), con número RUCT 4310361.

10. Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (Programa de doutoramento conxunto da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo). A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (Programa de doutoramento conxunto da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo) autorizado pola Orde do 4 de xullo de 2017 (DOG do 14 de xullo), con número RUCT 5601319.

Artigo 3

Que se autorice a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2019/20, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Técnicas Estatísticas (máster conxunto da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo). A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Técnicas Estatísticas autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), con número RUCT 4310361.

2. Máster universitario en Dirección TIC para a Defensa pola Universidade de Vigo, para impartir no Centro Universitario de Defensa da Escola Naval Militar de Marín. Autorizado pola presente orde.

3. Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (Programa de doutoramento conxunto da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo). A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural (Programa de doutoramento conxunto da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo) autorizado pola Orde do 4 de xullo de 2017 (DOG do 14 de xullo), con número RUCT 5601319.

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional