Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 7 de agosto de 2019 Páx. 36099

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 22 de xullo de 2019 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-225, treito Alba-San Caetano, puntos quilométricos (pp.qq.) 0+000-1+080, de clave PO/16/264.06.

Con data do 18 de xullo de 2019, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017; Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 214, do 9 de novembro de 2018, publicouse o Anuncio do 30 de outubro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-225. Treito Alba-San Caetano, puntos quilométricos (pp.qq.) 0+000-1+080, de clave PO/16/264.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública as persoas interesadas formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública durante un período de trinta días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Que, simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, se someteu a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

Terceiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia está delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

De acordo con todo o exposto, e tras os informes, certificados e alegacións presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto construción fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-225, treito Alba-San Caetano, puntos quilométricos (pp.qq.) 0+000-1+080, de clave PO/16/264.06, coas seguintes consideracións:

• Para mellorar a seguridade viaria, incrementándose a visibilidade, modifícase o punto de cruzamento da senda desde o p.q. 0+910 ao punto 0+820, o que comporta o recuamento do muro existente nunha lonxitude aproximada de 20 m e a desafectación das parcelas da marxe oposta.

• De acordo co informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, modifícase lixeiramente a rasante da senda proxectada desde o 0+380 ata 0+620, e acondiciónase o adro da igrexa.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Pontevedra deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2019

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas