Antecedentes:
Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 103, do 31 de maio de 2018, publicouse o Anuncio do 3 de maio de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-537, treito: parques empresariais (puntos quilométricos 0+000-2+030), e na OU- 536, treito: A Derrasa (puntos quilométricos 7+180-7+940), de clave OU/16/269.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.
Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 17 de xuño de 2019 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-537, treito: parques empresariais (puntos quilométricos 0+000-2+030), e na OU-536, treito: A Derrasa (puntos quilométricos 7+180-7+940), de clave OU/16/269.06.
Este proxecto de construción ten por obxecto a xustificación e definición das obras que se levarán a cabo para a construción de dous itinerarios peonís e ciclistas na OU-537 e na OU-536 nos concellos de San Cibrao das Viñas e O Pereiro de Aguiar, cuns beneficios esperados, entre outros, como a mellora da mobilidade, a mellora da calidade do aire, da saúde, da igualdade e benestar da economía, do patrimonio e do urbanismo.
A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.
Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de xullo de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
Artigo único
Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na OU-537, treito: parques empresariais (puntos quilométricos 0+000-2+030), e na OU-536, treito: A Derrasa (puntos quilométricos 7+180-7+940), de clave OU/16/269.06.
Santiago de Compostela, once de xullo de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade