Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 24 de xullo de 2019 Páx. 34216

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de xullo de 2019 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria».

De acordo co previsto no punto 6 do artigo 8 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, o día 24.12.2018 publicouse no Boletín Oficial del Estado a resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pola que se daba publicidade á solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria», en que se recollían os enderezos electrónicos onde se podían consultar tanto o seu prego de condicións modificado como o documento único e pola que se abría un prazo para que calquera persoa física ou xurídica establecida ou con residencia legal en España cuxos lexítimos intereses considerase afectados, puidese opoñerse ao rexistro da devandita modificación mediante a correspondente declaración de oposición. Co mesmo obxectivo tamén se deu publicidade da devandita solicitude no Diario Oficial de Galicia do día 3.1.2019. A solicitude fora presentada ante a Consellería do Medio Rural polos elaboradores de viño desta indicación xeográfica o día 17.7.2018.

Xunto coa publicidade da solicitude estableceuse un prazo de dous meses, contados desde a publicación máis tardía de ambas, para a presentación de declaracións de oposición.

O devandito prazo legal transcorreu sen que se formulase ningunha oposición. Seguíronse todos os trámites preceptivos e constan acreditados no procedemento os fundamentos para a decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria».

Polo tanto, tendo en conta o establecido no Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007; de acordo co previsto no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e segundo o previsto nos artigos 13 e 15 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, e de acordo coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar decisión favorable en relación coa inscrición da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria» no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Segundo. Ordenar a publicación como anexo desta orde da nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria», sobre a cal se basea esta decisión favorable. O devandito prego de condicións e o documento único figuran tamén na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/tramitacion/IGP_BARBANZA_e_IRIA_Pliego_de_condiciones_CCC_julio_2019.pdf

https://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/tramitacion/Documento_unico_IGP_BARBANZA_E_IRIA_2018_julio_2019.pdf

O citado documento único ofrece un resumo fidedigno do prego de condicións.

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de inscrición á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP)

«Barbanza e Iria»

1. Nome que se debe protexer.

«Barbanza e Iria»

2. Descrición dos viños.

Son viños brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os Regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007. No momento da súa posta ao consumo o viño terá as seguintes características:

2.a) Características analíticas.

– Gradación alcohólica adquirida mínima (% vol.):

• Viños monovarietais: 11 % vol.

• Resto dos viños: 10 % vol.

– Gradación alcohólica total mínima (%):

• Viños monovarietais: 11 % vol.

• Resto dos viños: 10 % vol.

– Contido máximo en azucres totais: cumpriranse os requisitos que se recollen no anexo XIV, parte B, do regulamento (CE) núm. 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo, para que os viños teñan a consideración de «secos».

– Acidez total mínima: 5,0 g/l de ácido tartárico.

– Acidez volátil máxima: 0,9 g/l de ácido acético (15 meq/l) tanto para os viños brancos como para os tintos. No caso dos viños que se comercialicen con polo menos un ano de envellecemento este límite elevarase a 1 g/l de ácido acético (16,66 meq/l).

– Contido máximo de dióxido de xofre total:

• 175 mg/l para os viños brancos.

• 150 mg/l para os viños tintos.

2.b) Principais características organolépticas.

Os viños obtidos serán viños lixeiros, limpos, brillantes e ben cubertos de cor en fase visual; con aromas francos en que se aprecien as características propias da materia prima de que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas; en boca serán suaves, frescos, saborosos e equilibrados e, finalmente, con pequenos toques de acidez.

3. Prácticas enolóxicas específicas.

As prácticas de elaboración levaranse a cabo de forma controlada, co obxectivo de que o viño resultante manteña os atributos fisicoquímicos e organolépticos da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria.

O rendemento na extracción do mosto e a súa separación dos bagazos non será superior a 67 litros de mosto por cada 100 kg de uva.

4. Demarcación da zona xeográfica.

Os viños designados coa indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria» deberán proceder exclusivamente de viñedos da zona de produción e elaboración, constituída polos terreos aptos para a produción de uva dos termos municipais de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga, así como as parroquias de Camboño, Fruíme e Tállara do termo municipal de Lousame; as parroquias de Iria Flavia e Padrón do termo municipal de Padrón, e as parroquias de Baroña, Caamaño, Queiruga, Ribasieira, San Pedro de Muro e Xuño do termo municipal de Porto do Son.

A maior parte desta zona xeográfica atópase na provincia da Coruña coa excepción dos termos municipais de Catoira, Valga e Pontecesures, que pertencen á provincia de Pontevedra. No anexo I deste prego de condicións recóllese graficamente o territorio desta indicación xeográfica e a súa localización en Europa.

5. Rendemento máximo.

As producións máximas de uva admitida por hectárea serán de 12.000 kg para as variedades brancas e de 8.000 kg/ha para as variedades tintas.

Dado que na elaboración destes viños non se permiten rendementos superiores a 67 litros de mosto por cada 100 kg de uva, as producións máximas de viño admitidas por hectárea serán 80,40 hl para os viños obtidos a partir de uvas brancas e 53,60 hl para os viños obtidos a partir de uvas tintas.

6. Variedades de uvas de vinificación.

Os viños elaboraranse exclusivamente con uvas das seguintes variedades:

– Variedades brancas: Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira (Loureiro Branco ou Marqués), Treixadura, Albarín Branco (Branco lexítimo), Chenin Blanc (Agudelo) e Torrontés.

– Variedades tintas: Brancellao, Caíño Tinto, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía, Sousón e Merenzao.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

a) Factores naturais e humanos.

Dentro da enorme heteroxeneidade climática que presenta Galicia como consecuencia da directa influencia mariña e o relevo do territorio, a comarca do Barbanza presenta un clima claramente determinado que podemos clasificar como oceánico-húmido, con temperaturas medias anuais de 15 ºC e precipitacións desde os 1.800 aos 2.200 mm.

Dentro desta comarca, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo áchase por baixo dos 150 m s.n.m., situada en zona costeira (zona baixa do litoral marítimo norte da Ría de Arousa, así como no curso inferior e desembocadura do río Ulla cara á mencionada ría), en terreos de val fluvial e zonas de penechaira, con suaves pendentes, con clara orientación sur, protexida pola serra do Barbanza que exerce un importante efecto barreira sobre a penetración dos ventos oceánicos, o que representa as condicións idóneas para unha área de gran produtividade agrícola.

A comarca agrícola en que se producen os viños de Barbanza e Iria goza dunhas 1.400 horas de sol ao ano e de temperaturas suaves con amplitude térmica reducida, entre 8 e 15 ºC, con temperaturas elevadas no período invernal (por encima dos 10 ºC de temperatura media no mes de xaneiro), con práctica ausencia de xeadas e cunhas precipitacións que se sitúan entre os 1.200 e 1.400 mm, ao que debe unirse unha peculiar orientación da serra do Barbanza que produce unha debilitación estival das precipitacións, que ao combinarse con temperaturas relativamente altas na mesma época induce a valores elevados de evapotranspiración (superior a 800 mm) e consecuentemente, unha acusada influencia mediterránea neste período, con temperaturas medias entre 15 e 24 ºC, o que claramente beneficia o cultivo do viñedo.

A maioría dos solos son moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e ricos en materia orgánica no seu estrato superficial polo abundante depósito de sedimentos e materiais recentes nas ladeiras e pequenos vales desta comarca. Son, na súa maioría, solos antigos, profundos e de cor escura polo seu contido en materia orgánica, o que os fai cálidos para o cultivo.

O substrato litolóxico está constituído na súa maior parte por afloramentos graníticos do período Herciniano e rocas sedimentarias escasamente metamorfizadas.

A proporción de elementos grosos é moderada, o que achega alta permeabilidade e facilidade de labra, presentando unha textura lixeira, sendo a máis habitual franca ou franco-areosa, con boa drenaxe e adecuada aireación.

Estes solos son ademais soltos e moderadamente ácidos, especialmente en zonas de ladeira de escasa pendente, resultando favorables para a consecución de excelentes calidades.

O vínculo destes viños coa súa zona xeográfica baséase tamén na reputación obtida no mercado. Está reputación, recoñecida mesmo con anterioridade á obtención formal da protección, reflíctese en datos tales como:

– Hai xa máis de 400 anos, a principios do século XVII, cando estas terras pertencían ao Arciprestado de Iria, os documentos eclesiásticos dinnos que «todo alcanza moi boa terra de pan trigo, paínzo, centeo e viñas en que se recolle razoable viño».

– Nesta época, nas rendas da Reitoría de San Pedro de Dimo (Catoira) facíase a seguinte repartición «os froitos fanse vinte e catro partes: as once lévaas o cura e as dez o cabido de Santiago, e as tres o colexio maior da dita cidade. Vale a parte do cura corenta cargas de todo pan e dúas pipas de viño».

– Pascual Madoz no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar (1845) comenta que estas terras teñen «boa ventilación, con clima temperado e saudable. O terreo participa de monte e chan, é de boa calidade. Produce cereais, legumes, hortalizas, froitas e bastante viño».

b) Detalles do produto.

Son viños que deben manter, como atributo fundamental, a súa xuventude, lixeireza e suavidade, tanto en cor como aroma e sabor, ademais dunha gradación alcohólica moderada.

Os viños brancos presentan tons amarelos dourados brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final.

Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermello picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave con aromas de froitas vermellas e silvestres cun toque final lixeiramente tánico.

c) Interacción causal.

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que alcanzou, basicamente no mercado galego.

Os viños elaborados conforme as prescricións deste prego son fiel reflexo dos efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o efecto do factor humano que se concreta no adecuado axuste varietal (o viño é elaborado maioritariamente con variedades autóctonas da zona, adaptadas ao medio natural), a implantación das viñas nos solos francos, profundos e permeables, característicos desta área xeográfica (que foron secularmente escollidos polos viticultores, coa sabedoría que dan os anos de experiencia) e as correctas prácticas culturais, entre as que destaca a poda e condución das viñas, que se realiza manualmente e con mestría para facer un adecuado control do potencial vitivinícola.

Todas estas condicións tenden a conferir aos viños producidos nesta comarca equilibrio e harmonía, excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.

A especificidade dos viños desta comarca e a súa reputación serviron como base para que a Administración española os recoñecese como «viño da terra» no ano 2006.

8. Requisitos aplicables.

a) Marco xurídico.

Lexislación nacional:

– Orde APA/1406/2007, do 25 de abril, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, pola que se publica a Orde do 11 de decembro de 2006, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, pola que se recoñece a indicación xeográfica protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria e se establecen as normas da súa utilización nos viños de mesa producidos na área xeográfica delimitada, e as súas modificacións posteriores:

– Orde ARM/3246/2008, do 24 de outubro, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, pola que se publica a Orde do 28 de abril de 2008, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que modifica a Orde do 11 de decembro de 2006.

b) Requisitos adicionais.

En particular esta norma establece, entre outras obrigas, as seguintes:

– Requisitos para a elaboración e o embotellado:

• Nas adegas de elaboración e/ou embotellado unicamente se elaborarán e embotellarán viños producidos a partir de uvas da zona delimitada.

• As adegas de elaboración deberán comunicar á autoridade de control, cunha antelación mínima de sete días, a data de recepción da vendima, e deberán notificar tamén a finalización desta nun prazo de 48 horas. Presentarán tamén á autoridade de control, antes do 10 de decembro de cada ano, as declaracións de entrada de uva e de produción de viño da campaña.

• Na elaboración de viños monovarietais, polo menos o 85 % da uva utilizada será desa variedade.

• Os viños serán elaborados e embotellados na zona xeográfica de produción delimitada. O transporte e embotellado fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellado en orixe permite preservar as características e calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polas adegas da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria, fan necesario o envasado en orixe, preservando así todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

• As adegas comercializadoras son responsables de que os viños que comercialicen cumpran as exixencias da norma e someterán a todas as partidas de viño, entendendo por partida aquel volume de viño delimitado pola adega que presenta características homoxéneas, ás necesarias análises, que poderán ser realizadas cos medios propios da adega sempre que queden reflectidas nun documento que inclúa a identificación da partida. Este documento estará ao dispor da autoridade de control.

• O embotellado destes viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.

– Requisitos de etiquetaxe:

• O viño comercializarase coas correspondentes contraetiquetas fornecidas pola autoridade de control logo de solicitude por parte das adegas; nestas solicitudes as adegas identificarán a/as partida/s a embotellar e achegarán os correspondentes datos analíticos favorables para considerar estes viños como aptos.

• Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada fornecida pola autoridade de control, que incluirá o logotipo da indicación xeográfica que figura no anexo deste prego de condicións.

• Para a indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria» o termo tradicional a que se refire o artigo 112.a) do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, é «viño da terra». Tal mención tradicional poderá substituír na etiquetaxe dos viños a expresión «indicación xeográfica protexida».

9. Controis.

a) Autoridade competente.

Nome: Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Enderezo: avda. Camiño Francés, 10, 15781 Santiago de Compostela.

Teléfono: 0034 981 54 00 55.

Fax: 0034 981 54 66 51.

Correo electrónico: agacal.certificacion@xunta.gal

A Agacal é unha axencia, dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, encargada da comprobación do cumprimento do prego de condicións.

b) Tarefas de control.

b.1) Alcance dos controis.

– Análises químicas:

A Agacal verifica que os elaboradores realizan análises químicas de todas as partidas de viño para comprobar que cumpren os requisitos establecidos no punto 2 deste prego de condicións.

A Agacal entrega contraetiquetas cunha codificación específica para cada botella de cada partida destinada a ser comercializada coa indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria que se axuste aos parámetros establecidos. As partidas que non reúnan as características analíticas do punto 2 deste prego de condicións non obterán as contraetiquetas e non poderán ser comercializadas baixo o nome da indicación xeográfica protexida.

– Operadores:

A Agacal comproba que os operadores teñen capacidade para cumprir os requisitos do prego de condicións. En particular comproba que os elaboradores dispoñen dun sistema de autocontrol e rastrexabilidade que permite acreditar as especificacións en canto a procedencia de uva, variedades empregadas, rendementos de produción, rendementos de extracción de mosto e análise dos parámetros químicos.

– Produtos:

A Agacal, mediante toma de mostras, verifica que o viño comercializado baixo a indicación xeográfica cumpre as especificacións establecidas no punto 2, utiliza adecuadamente a contraetiqueta asignada e que se cumpren as demais condicións que se recollen neste prego de condicións.

b.2) Metodoloxía nos controis na verificación anual.

– Controis sistemáticos.

A Agacal realiza controis sistemáticos do sistema de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño baixo o amparo da indicación xeográfica protexida cos obxectivos seguintes:

• Verificar que a uva, o mosto e o viño son orixinarios da zona de produción.

• Controlar o cumprimento das especificacións no referente a variedades e rendemento de produción de uva.

• Comprobar que se realiza unha xestión da rastrexabilidade desde a produción de uva ata o envasado.

• Comprobar que se realizan análises químicas de todas as partidas de viño que permitan acreditar o cumprimento das características definidas no punto 2 deste prego de condicións.

– Controis aleatorios.

A Agacal fai controis aleatorios para comprobar a rastrexabilidade das partidas e o cumprimento dos parámetros analíticos.

ANEXO I

Situación e delimitación da zona xeográfica

missing image file

ANEXO II

Logotipo da indicación xeográfica protexida

«Barbanza e Iria»

missing image file