Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 23 de xullo de 2019 Páx. 34169

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de xullo de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao deslindamento parcial do monte de Seoane, no concello da Fonsagrada (expediente 107/77).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 25.6.2019, figura o seguinte acordo:

Monte de Seoane (expediente 107/77), pertencente aos veciños do lugar de Seoane, da parroquia de Lamas de Moreira, do termo municipal da Fonsagrada, clasificado polo xurado o 30.10.1978.

• O 21.11.2017, ten rexistro de entrada unha proposta de deslindamento parcial entre o monte veciñal en man común e propiedades particulares.

• O 11.1.2018 o Servizo de Montes, emite informe favorable á proposta presentada.

• O 23.2.2018, remítese ao Concello da Fonsagrada o anuncio para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.

• O 6.3.2018, publícase no DOG o anuncio polo que se fai pública a proposta de deslindamento e ábrese o período de alegacións.

• Transcorrido o prazo dun mes sen que se presentase alegacións, a comunidade reafírmase na proposta de deslindamento, que é obxecto de informe favorable por parte do Servizo de Montes o 23.4.2019.

• O 23.4.2019, a comunidade presenta a proposta definitiva de deslindamento e achega a memoria e planos, a acta do deslindamento, a acta de conciliación no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución da Fonsagrada, e a acta da asemblea da comunidade de aprobación do deslindamento.

• O 2.5.2019, o Servizo de Montes elabora un informe (2D/2017) co resultado deste deslindamento, e o monte de Seoane queda cunha superficie de 144,3 ha. Achegan os planos resultantes.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 7/2012, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ditará resolución aprobatoria do deslindamento. En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento practicado e realizar as oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 5 de xullo de 2019

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo