Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 17 de xullo de 2019 Páx. 33420

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 3 de xullo de 2019 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal da Fonsagrada.

O Concello da Fonsagrada eleva, para a súa aprobación definitiva, o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación redactada por DVEGA, S.L.; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Planeamento municipal vixente.

O Concello da Fonsagrada dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP) aprobadas definitivamente pola Comisión provincial de urbanismo o 18.12.1984, que conteñen a delimitación dos núcleos rurais e a análise do medio rural; con dúas modificacións puntuais: unha no solo urbano, aprobada o 10.6.1994; e outra para a ampliación do museo etnográfico, aprobada o 26.7.2010.

2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O concello está afectado polos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal de:

• Parque eólico da Fonsagrada. AD 20.2.2003 (DOG do 28.3.2003).

• Liña de alta tensión 132 kV sub. P.E. Punago - sub. P.E. A Fonsagrada. AD 17.6.2004 (DOG do 28.7.2004).

Así mesmo, está afectado polos plans sectoriais de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal (AD 2.5.2013, DOG do 17.6.2013); polo Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (AD 30.4.2014, DOG do 28.5.2014); e polo plan sectorial eólico (AD 5.12.2002, DOG do 3.1.2003).

3. Tramitación.

1. O 2.10.2013 a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial (IPAI) do PXOM da Fonsagrada.

2. Constan informes municipais previos á aprobación inicial da Secretaría, do 18.6.2013; e do enxeñeiro da edificación e arquitecto técnico, do 26.6.2013.

3. O Concello Pleno do 26.6.2014 acordou aprobar inicialmente o PXOM e sometelo a información pública mediante anuncios nos diarios El Progreso do 2.7.2014 e La Voz de Galicia do 9.7.2014, así como no DOG do 21.7.2014.

Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Baleira, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Taramundi, Santa Eulalia de Oscos, Grandas de Salime e Ibias; e solicitáronse informes aos organismos de carácter sectorial.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental elaborou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM o 13.6.2017 (DOG núm. 129, do 7.7.2017).

5. Con carácter previo á aprobación provisional, constan informes municipais da secretaria e o enxeñeiro da edificación e arquitecto técnico, ambos os dous do 5.7.2017.

6. O Plan xeral foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 13.7.2017.

7. Conforme ao artigo 85.7 da LOUG, e co fin de comprobar a integridade documental tanto do plan como do expediente e das actuacións administrativas realizadas polo concello, examinouse a documentación presentada e detectáronse unha serie de deficiencias, polo que o 16.10.2017 requiriuse ao Concello para emendalas.

8. Como consecuencia das subsanacións requiridas, elabórase un novo documento informado pola secretaria accidental o 1.10.2018 e polo enxeñeiro da edificación e arquitecto técnico o 8.10.2018.

9. Este documento sométese a nova aprobación plenaria o 10.10.2018.

10. Mediante a Orde do 18.3.2019 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM da Fonsagrada, e sinalou as deficiencias que cumpría emendar.

11. Consta informe do enxeñeiro da edificación e arquitecto técnico do concello, así como do secretario municipal, ambos do 24.4.2019.

12. O Plan xeral foi sometido a nova aprobación plenaria na sesión do 24.4.2019.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación do PXOM da Fonsagrada con dilixencia de aprobación provisional do 24.4.2019; e posta en relación coas condicións formuladas na Orde de non aprobación do PXOM emitida por esta consellería o 18.3.2019, así como os cambios introducidos con posterioridade a ela; púidose comprobar, en xeral, o seu cumprimento.

Porén, cómpre sinalar:

1. Expediente administrativo.

Para cumprir o informe da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal do 7.7.2016, debe constar na normativa o disposto no artigo 23 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (modificado pola recente Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas).

2. Cuestións de carácter xeral.

O límite oficial do concello é o grafado polo IGN, que quedará reflectido nos planos.

3. Estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións urbanísticas.

1. Os terreos ocupados polas depuradoras existentes, cualifícanse como equipamento local, debendo cualificarse como sistema xeral de infraestruturas ou servizos urbanos.

2. Na AR-2 non se garante o cumprimento do artigo 27.3 da Lei 13/2010, do 17 decembro, do comercio interior de Galicia, para o solo urbano non consolidado.

4. Clasificación e determinacións nas distintas clases de solo.

4.1. Solo urbano.

1. No sur do solo urbano (quinteiro de ordenanza 01 ás beiras da rúa das Rodas e quinteiro de ordenanza 01 na LU-730; e quinteiro ao sueste do Campo da Feira) deberá eliminarse a posibilidade de prolongar as plantas baixas cara ao solo rústico, porque non se axusta ao artigo 91 da LSG.

2. Tamén deberá eliminarse a prolongación das plantas baixas da ordenanza 01 nos encontros con ordenanzas de tipoloxías recuadas sinalados na Orde do 18.3.2019. A prolongación cara á medianeira non resolve o problema, especialmente se non se harmoniza cos recuados previstos nas ordenanzas de edificación illada: na rúa Marmoiral, encontro entre ordenanza 01 e ordenanza 04; na rúa Burón, encontro entre ordenanza 01 e ordenanza 04; na avenida de Galicia (estrada LU-530), encontro entre ordenanza 01 e 06; encontro entre ordenanza 01 e 04 fronte á Casa da Cultura e fronte á pista cuberta de deportes).

3. Nos planos de ordenación e xestión do solo urbano recolleranse os ámbitos afectados polas novas actuacións illadas incluídas no estudo económico.

4.2. Solo urbanizable.

1. A clasificación de solo urbanizable SUDI-2 terá prevalencia sobre a liña delimitadora do solo rústico de protección de infraestruturas correspondente á liña eléctrica, grafada por erro.

4.3. Solo de núcleo rural.

1. Considerarase prevalente a parcela mínima indicada nos planos de ordenación nos núcleos de:

Parroquia de Carballido: parcela mínima de 600 m2 nos núcleos 04/08 A Rebordela; 04/09 Río de Sabugo; e 04/10 Sequeiros.

Parroquia de Cereixido: parcela mínima de 500 m2 no núcleo 05/07 O Vao.

Parroquia de Lamas de Moreira: parcela mínima de 500 m2 no núcleo 11/06 Louxas; e parcela mínima de 800 m2 no núcleo 11/14 Vilaboal de Arriba.

2. Na folla 5 do plano de clasificación, a trama de solo rústico de protección de patrimonio superponse ao núcleo rural 23/03 Cerdeiras (Santo André de Logares). Prevalecerá a clasificación de NR.

4.4. Solo rústico.

1. De conformidade co disposto no artigo 34.4 da LSG, nas zonas onde os solos rústicos de especial protección agropecuaria, forestal, etc, se intersecan co solo rústico de protección de augas, todas deben superpoñerse.

2. Así mesmo, incluiranse no solo rústico de protección de infraestruturas os terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección, o que inclúe as comunicacións e telecomunicacións (antena de telecomunicacións de nova implantación RTGR27018_2700829-01 do Plan sectorial de infraestruturas de Retegal, conforme ao seu artigo 24); e os terreos das instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga sinaladas no plano de información número 15 (depósitos de augas existentes e programados, depuradoras).

5. Normativa.

1. A ordenanza O-2 non establece dotación mínima de aparcadoiros, en relación co sinalado no artigo 7.2. Esta ordenanza semella estar incompleta, pois remite a un esquema que non se achega; así mesmo, esta folla está sen dilixenciar.

2. Corrixirase o erro de remisión no artigo 19.3_3 (o 38.9 non existe, debe ser o 37.9).

3. Revisarase a redacción do artigo 34.3 da normativa, pois a disposición transitoria cuarta da LSG non é aplicable en solo de núcleo rural.

4. Estableceranse limitacións para corpos voados pechados en vías estreitas en solo de núcleo rural.

5. Conforme o informe sobre a adecuación do PXOM ás determinacións da memoria ambiental do 23.10.2017, a normativa do solo rústico debe recoller que nos ámbitos sinalados como «Outros espazos de interese» no mapa anexo a ese informe, condicionaranse as actividades que impliquen movementos de terra, muros de contención, depósitos de materiais, almacenamento e parques de maquinaria, construcións e instalacións para equipamentos e dotacións públicas ou privadas e instalacións para actividades deportivas ou recreativas, á realización dunha valoración da afección a estes hábitats naturais de interese comunitario e, se é o caso, ao establecemento das medidas precisas para evitar a súa degradación.

6. O artigo 38.3.c) da normativa non recolle correctamente o anexo II da Lei 7/2012, de montes de Galicia (letras d, i e j).

7. Non se actualizou a lexislación autonómica en materia de accesibilidade (Lei 10/2014) nos artigos 1.1 e 49.2; e nos artigos 9.1._2.b), 42.3_2, 57.13 e 57.16 mantéñense disposicións derrogadas pola Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia (D133/2008, D442/90).

8. O artigo 40 da LSG non contempla edificios de singular valor arquitectónico, polo que cómpre corrixir o artigo 37.9_5 da normativa.

6. Estratexia de actuación, estudo económico e memoria de sustentabilidade económica.

1. Corrixirase a estratexia de actuación, xa que a actuación B-3 (sistema xeral de zonas verdes V-05A) está incluído no sector SUDI-2.

2. Completarase o estudo económico e a memoria de sustentabilidade, engadindo referencias aos aspectos sinalados polo artigo 22.5 Real decreto lexislativo 7/2015.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do Planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal da Fonsagrada, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas anteriormente. Con este fin, o concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento a esas consideracións.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Fonsagrada, 3 de xullo de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda