Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 10 de xullo de 2019 Páx. 32476

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2019 pola que se amplían os prazos máximos de execución e de presentación da solicitude de cobramento da Resolución do 19 de xullo de 2018, pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos piloto Industria 4.0 (III Piloto Industria 4.0 2018) en Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Mediante Resolución do 19 de xullo de 2018 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos piloto Industria 4.0 (III Piloto Industria 4.0 2018) en Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 148, do 3 de agosto).

No parágrafo segundo do resolvo cuarto establécese que o prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 15 de outubro de 2019 e que as pemes beneficiarias deberán presentar a solicitude de cobramento, como máximo, o 31 de outubro de 2019.

Así mesmo, no parágrafo terceiro do resolvo cuarto establécese que os organismos intermedios deberán presentar a solicitude de cobramento da parte variable do premio, como máximo, o 31 de outubro de 2019.

Tendo en conta a escasa marxe de tempo para desenvolver todos os investimentos e actuacións que van realizar as empresas, ademais das características técnicas e de innovación de cada proxecto, xa que todos eles se desenvolven dentro do ámbito de tecnoloxías innovadoras e co fin de posibilitar a realización dos proxectos en prol da eficiencia do propio programa, cómpre ampliar o prazo máximo de execución e, en consonancia, o de presentación da solicitude de cobramento, fixados inicialmente nas bases reguladoras, e a distribución plurianual dos créditos dispoñibles.

Por todo o anterior, e de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Fixar no 31 de marzo de 2020 a data límite para a execución dos proxectos establecida no parágrafo segundo do resolvo cuarto da Resolución do 19 de xullo de 2018 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos piloto Industria 4.0 (III Piloto Industria 4.0 2018) en Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2

Fixar no 15 de abril de 2020 a data límite para presentar a solicitude de cobramento, tanto para as pemes beneficiarias como para os organismos intermedios, establecidas nos parágrafos segundo e terceiro do resolvo cuarto da dita resolución.

Artigo 3

Os créditos dispoñibles establecidos no resolvo terceiro da nomeada resolución terán a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Orzamento 2019

Orzamento 2020

09.A1.741.A.7706

3.059.705,57 €

09.A1.741.A.7820

30.000,00 €

120.000,00 €

Artigo 4

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica