Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 10 de xullo de 2019 Páx. 32470

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2019 pola que se convoca o VII Congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro: reformas de 2018, economía, sociedade e cultura dixitais.

Conforme os fins que asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o VII Congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro: reformas de 2018, economía, sociedade e cultura dixitais, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O congreso analizará as reformas normativas de 2018 en materia de prevención e represión do branqueo de diñeiro, así como a súa incidencia na economía, sociedade e cultura dixitais, e conta cos máis destacados especialistas nacionais na materia. En particular, analizaranse a Directiva de 2018/843 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio, pola que se modifica a Directiva 2015/849, relativa á prevención da utilización do sistema financeiro para o branqueo de capitais ou o financiamento do terrorismo, e a nova normativa de prevención do mesmo ano que, mediante o Real decreto lei 11/2018, do 31 de agosto, modificou a Lei 10/2010, do 28 de abril, de prevención do branqueo de capitais e do financiamento do terrorismo.

O obxectivo principal do congreso é atender a manifesta demanda social, científica e económica sobre a prevención e represión do branqueo de diñeiro. Sobre todo preténdese, neste ámbito sometido a constantes modificacións nas normativas nacionais e internacionais, actualizar e perfeccionar a discusión e formación, ante as reformas dos últimos meses, penais, tributarias, administrativas e comunitarias.

Destacarase especialmente a incidencia da normativa de prevención do branqueo na actividade administrativa e as obrigacións e deberes do persoal ao servizo da Administración pública. Destacarase, ademais, o evidente perigo que presentan as novas tecnoloxías no branqueo de diñeiro, como advirte a Directiva de 2018/843 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio, perigo a que se suma a posibilidade de que se instrumentalice o persoal empregado público, entidades financeiras, empresas, economistas e avogados para o branqueo de diñeiro.

2. Contidos.

O Congreso dividirase en dúas seccións:

a) Sección profesional, financeira, administrativa, constitucional, económica e tecnolóxica.

Nela trataranse os seguintes temas:

• A creación dun organismo autorregulador para a avogacía e os órganos centralizados de prevención das profesións colexiadas recoñecidos polo artigo 27.1 da Lei 10/2010, do 28 de abril, sobre prevención do branqueo, modificado polo Real decreto lei 11/2018, do 31 de agosto.

• Medidas reforzadas de dilixencia debida en relación cos países de alto risco no marco da loita antibranqueo do RDL 11/2018.

• As sancións administrativas do Real decreto lei 11/2018 e o principio non bis in idem respecto ás sancións penais e tributarias.

• A agravación das sancións administrativas en materia de branqueo polo RDL 11/2018, do 31 de agosto.

• A constitucionalidade do RDL 11/2018, a súa extraordinaria e urxente necesidade.

• As canles de denuncia do RDL 11/2018 e o dereito á protección de datos.

• As estatísticas sobre aplicación da normativa administrativa en España da Lei de 2010 de prevención do branqueo e a súa reforma de 2018.

• Os perigos que para o branqueo representan as lotarías e os xogos de azar electrónicos segundo o RDL 11/2018.

b) Sección penal.

Nela abordaranse:

• O branqueo de diñeiro, a responsabilidade criminal das persoas xurídicas e a titularidade real segundo a Directiva de 2018 e o RDL 11/2018, do 31 de agosto.

• O tipo agravado do branqueo por pertenza a unha organización criminal e o acceso dos grupos terroristas ás institucións financeiras internacionais segundo a Directiva de 2018.

• O uso das tarxetas de prepagamento para o branqueo e o financiamento do terrorismo e a Directiva de 2018.

• As diferenzas entre branqueo de diñeiro e financiamento do terrorismo.

• A orde socioeconómica como ben xurídico protexido polo tipo penal do branqueo de diñeiro.

• A análise estatística do volume e evolución do delito de branqueo de diñeiro en España ata 2019.

• As relacións do branqueo de diñeiro co delito fiscal e a tributación de actividades ilícitas.

• O compliance e as políticas e procedementos do artigo 26 da Lei 10/2010, do 28 de abril, sobre prevención do branqueo, modificado polo RDL 11/2018, do 31 de agosto.

• O delito de branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico e as novas tendencias de financiamento do terrorismo advertidas pola Directiva de 2018.

3. Persoas destinatarias.

O congreso está dirixido ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: xoves e venres, 18 e 19 de xullo de 2019.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 20 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

1º. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán achegarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula/. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2º. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 16 de xullo de 2019.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 9.00 ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas admitidas.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participaren nesta actividade, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas polas persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de un día antes do comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. Asistencia e puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade.

c) Faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do congreso emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública