Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2019 Páx. 32319

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de xuño de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais e cun dereito mineiro da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, sita nos concellos da Pastoriza e Castro de Rei (Lugo) (expediente IN407A 2017/4-0).

En cumprimento do disposto no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de xuño de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais e cun dereito mineiro da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico da Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, sita nos concellos da Pastoriza e Castro de Rei (Lugo) (expediente IN407A 2017/4-0).

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de xuño de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais e cun dereito mineiro da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, sita nos concellos da Pastoriza e Castro de Rei (Lugo) (expediente IN407A 2017/4-0)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., agora Naturgy Renovables, S.L.U. (en diante, a promotora) en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, así como coa declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV (en diante, a instalación eléctrica), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 16.10.2017 a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial da instalación eléctrica.

Segundo. O 21.12.2017 o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o parque eólico Pastoriza-Rodeiro e a súa liña de evacuación.

Terceiro. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Trátase dunha liña aérea de 132 kV, de 23.228,67 m de lonxitude, dos cales 19.027,50 m corresponden ao concello de Castro de Rei e 4.201,17 m ao concello da Pastoriza. O número de apoios é 85, con orixe na subestación do parque eólico Pastoriza-Rodeiro e final na subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV. O condutor empregado é LA-280 Hawk.

A liña dimensiónase para dobre circuito: o circuíto 1 cun único condutor por fase (símplex) e o circuíto 2 con dous condutores por fase (dúplex). O alcance deste proxecto abrangue unicamente a instalación dos apoios para dobre circuíto e o tendido do circuíto 1 (símplex). O segundo circuíto queda previsto como de reserva para instalacións futuras.

A liña constitúe unha infraestrutura para a evacuación da enerxía xerada polo parque eólico Pastoriza-Rodeiro e outras instalacións futuras doutros promotores. O orzamento do proxecto é de 4.855.854,15 euros.

Cuarto. Por Resolución do 30 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (en diante, a Dirección Xeral), someteuse a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 21.12.2017 e no xornal El Progreso do 27.12.2017. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Pastoriza e Castro de Rei), da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo (en diante, a Xefatura Territorial), da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Lugo e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, recollidas no anexo I desta resolución:

1. Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación cos nomes e apelidos das persoas propietarias e os seus enderezos, coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, co uso do solo e co tipo de aproveitamento.

2. Solicitudes da delimitación in situ da zona afectada.

3. Solicitudes de modificación do trazado.

4. Solicitudes de que se teñan en conta as posibles afeccións de carácter ambiental (valores naturais, paisaxísticos...).

5. Afeccións a montes veciñais en mano común.

6. Solicitudes relacionadas co trámite de expropiación (acordos, valoracións).

Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da instalación eléctrica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (AXI), Begasa, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello de Castro de Rei, Concello da Pastoriza, Deputación Provincial de Lugo, Ministerio de Fomento (Estradas do Estado), Red Eléctrica de España, S.A.U., Redes de Telecomunicacións Galegas Retegal, S.A., Telefónica de España, S.A.

Sexto. Os seguintes organismos: Deputación Provincial de Lugo, Ministerio de Fomento (Estradas do Estado), Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (AXI), Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Red Eléctrica de España, S.A.U., Begasa, S.A., Telefónica de España, S.A. e Cellnex Telecom, S.A. emitiron condicionado técnico e a promotora manifestou a súa conformidade.

Sétimo. O Concello da Pastoriza, o Concello de Castro de Rei e Retegal, S.A. non emitiron condicionado técnico e, reiterada a solicitude, non se recibiu contestación, polo que, de acordo co artigo 127 do Real decreto 1955/2000, se entende a súa conformidade coa autorización da instalación eléctrica.

Oitavo. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitiu o 10.4.2018 informes en que, entre outras consideracións, indicaba que en relación coa súa cartografía hídrica non se cumprían as distancias de seguranza a paralelismos no rego da Quintana.

Noveno. Como consecuencia do indicado no punto anterior, o 28.8.2018 a promotora presentou unha primeira modificación do proxecto, na cal se inclúe nova documentación técnica, ambiental e sectorial e que ten como fin variar o trazado da liña. Entre a dita documentación atopábanse novas separatas técnicas para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Begasa, S.A. e Concello de Castro de Rei.

Décimo. En cumprimento do disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as novas separatas á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Begasa, S.A. e ao Concello de Castro de Rei.

Décimo primeiro. O Concello de Castro de Rei non emitiu condicionado técnico senón un informe de carácter sectorial que se trasladou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para ter en conta na tramitación do proxecto sectorial.

Décimo segundo. Begasa, S.A. emitiu condicionado técnico e a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo terceiro. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitiu informe favorable a esta primeira modificación do proxecto de xeito conxunto coa segunda modificación, detallada no punto seguinte.

Décimo cuarto. O 24.10.2018 a promotora presentou unha segunda modificación do proxecto, na cal se inclúe nova documentación técnica, ambiental e sectorial e que ten como fin dimensionar a liña en dobre circuíto, cun circuíto 1 en configuración símplex e un circuíto 2 en configuración dúplex. Aínda que a liña se dimensiona para unha configuración de dobre circuíto e os apoios que se instalarán serán os correspondentes a unha liña de dobre circuíto, a promotora instalará unicamente o circuíto 1 (símplex). O segundo circuíto da liña queda como unha reserva para instalacións futuras.

Esta segunda modificación do proxecto inclúe a primeira modificación.

Décimo quinto. En cumprimento do disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as novas separatas do segundo modificado do proxecto á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (AXI), Begasa, S.A., Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello de Castro de Rei, Concello da Pastoriza, Deputación Provincial de Lugo, Ministerio de Fomento (Estradas do Estado), Red Eléctrica de España, S.A.U., Redes de Telecomunicacións Galegas Retegal, S.A., Telefónica de España, S.A. e Consellería do Medio Rural.

Décimo sexto. Os seguintes organismos: Deputación Provincial de Lugo, Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (AXI), Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Red Eléctrica de España, S.A.U., Begasa, S.A., Telefónica de España, S.A., Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Consellería do Medio Rural e Redes de Telecomunicacións Galegas Retegal, S.A. emitiron condicionado técnico e a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo sétimo. O Concello da Pastoriza, o Concello de Castro de Rei e o Ministerio de Fomento (Estradas do Estado) non emitiron condicionado técnico e, reiterada a solicitude, non se recibiu contestación, polo que, de acordo co artigo 127 do Real decreto 1955/2000, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación eléctrica.

Décimo oitavo. O 14.3.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal emitiu o informe de aproveitamentos de masas forestais afectadas.

En aplicación do disposto no número 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral acordou a apertura do trámite de audiencia, e outorgou aos titulares dos aproveitamentos forestais afectados un prazo de 15 días para que alegasen e presentasen os documentos e xustificacións que considerasen oportunos.

Déuse trámite de audiencia a: MVMC de Rodela (comunidade de Ludrio), MVMC de Rodela e O Touzón (comunidade de Viladonga), MVMC de Rodela e O Touzón, Gándaras de Castro (comunidade de Ansemar) e MVMC de Mundia en Bozo (comunidade de Loboso).

Non se presentaron alegacións durante o trámite de audiencia. Non obstante, MVMC de Rodela e O Touzón, Gándaras de Castro (comunidade de Ansemar), MVMC de Rodela e O Touzón (comunidade de Viladonga) e MVMC de Rodela (comunidade de Ludrio) presentaron alegacións no trámite de información pública, que foron contestadas pola promotora e remitidas á Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

O 28.9.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal informa, no marco do establecido no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, de que o proxecto é compatible coa xestión pública que se está realizando nos convenios afectados, sempre que a promotora realice un acto de disposición coas comunidades propietarias dos montes, dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no tocante á corta de madeira se soliciten os permisos pertinentes na Administración forestal para poder levala a cabo; e todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 23 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no artigo 68 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Décimo noveno. Con data do 5 de marzo de 2018, a Sección de Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo emitiu informe en que se indicaban os dereitos mineiros afectados pola referida infraestrutura eléctrica: permiso de investigación Ceremar 2ª nº 5518 (solicitado); permiso de investigación Carla nº 5821 (outorgado); concesión de explotación Alicia nº 5917 (outorgada); permiso de investigación Vilaboa nº 6021 (solicitado).

De conformidade co número 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, realizouse o trámite de audiencia cos titulares dos dereitos mineiros outorgados: permiso de investigación Carla nº 5821, e concesión de explotación Alicia nº 5917, que non presentaron ningunha alegación.

De conformidade co número 4 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o 16.10.2018 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Lugo emitiron o informe sobre a compatibilidade/incompatibilidade da instalación eléctrica cos dereitos mineiros afectados. Neste informe conclúese que: «se produce unha incompatibilidade da liña no seu tramo comprendido entre os apoios 53 e 66 coa zona V de explotación do dereito mineiro da concesión de explotación Alicia nº 5917, que impide que se poidan exercer ambos os dereitos á vez tal e como están proxectados na zona sinalada. Na súa consecuencia, como a concesión de explotación Alicia nº 5917 xa foi outorgada, ou ben se promove a modificación da liña no referido tramo de tal forma que se eviten as zonas de explotación mineira xunto coas súas zonas de protección, ou ben, de ser o caso e logo da tramitación oportuna, establecer a prevalencia da liña eléctrica sobre o dereito mineiro co conseguinte resarcimento á promotora polas zonas en que se lle impida a explotación tal e como se atopa no proxecto aprobado».

No citado informe determínase que a instalación eléctrica non interfire co resto de dereitos mineiros mencionados.

Con data 11.2.2019 a promotora da liña presenta un escrito de resposta ao informe técnico de minas do 16.10.2018 acompañado dun estudo de compatibilidade entre a instalación eléctrica e a concesión de explotación Alicia nº 5917. No escrito pon de manifesto:

1º. Que, polo que respecta ao número de apoios que podería incidir no ámbito da explotación, respectando a servidume de cursos hídricos, trataríase de 6 apoios (referenciados como A57, A59, A60, A61, A62, A63) e respectando a zona de dominio público hidráulico, sería de 4 apoios (de A60 a A63). En ningún caso sería de 11 apoios como se establece no informe.

2º. Que a afección da liña co aproveitamento mineral é moi limitada en comparación coa magnitude total do proxecto, ao incidir só coa execución das zapatas dos apoios e poder ser facilmente corrixida mediante a extracción do material escavado durante a construción para a súa acumulación e posta á disposición da empresa mineira.

3º. Con respecto á salvagarda das distancias regulamentarias, defende que se dan as circunstancias para aplicar a excepción prevista no número 6.3 Traballos nas proximidades de liñas eléctricas aéreas da ITC 07.1.03 do Real decreto 863/1985, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento xeral de normas básicas de seguranza mineira.

Con data 11.2.2019 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Lugo emiten informe complementario ao emitido o 16.10.2018 concretando a área de afección da concesión de explotación nunha distancia de 10 metros a cada lado do eixe da liña segundo a ITC 07.1.03 do Real decreto 863/1985, do 2 abril, polo que se aproba o Regulamento xeral de normas básicas de seguranza mineira e que non caben os supostos recollidos no punto 6.3 da referida ITC.

Con data do 7.6.2019 Naturgy Renovables presenta un escrito en que solicita a prevalencia da liña colectora Ludrio eixe norte sobre a concesión de explotación Alicia nº 5917, expoñendo os argumentos que considera oportunos para xustificar a prevalencia da liña eléctrica.

Con data do 14.6.2019 Naturgy Renovables presenta unha declaración responsable de que non foi posible a vía do mutuo acordo co titular da concesión Alicia nº 5917, e concreta a porcentaxe de afección da liña sobre o total da concesión mineira e sobre as zonas de explotación autorizadas.

O 17.6.2019 a Subdirección Xeral de Enerxía emite informe sobre a funcionalidade desta infraestrutura e os datos que constan no expediente polo cal foi declarado de interese especial polo Consello da Xunta de Galicia.

Vixésimo. Segundo o disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, con respecto ao estudo de impacto ambiental correspondente ao proxecto de execución liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, solicitáronse informes aos seguintes organismos, seguindo as indicacións do informe emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 16.10.2017: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello da Pastoriza e Concello de Castro de Rei.

O 4.12.2018 realizouse unha consulta á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para determinar a que organismos era necesario solicitar informe de carácter ambiental sobre as modificacións do proxecto. O 15.1.2019 a DXCACC respondeu indicando que non consideraba preciso solicitar informes.

Cumprida a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o 5.6.2019 a declaración de impacto ambiental correspondente ao proxecto liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV.

Vixésimo primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo emitiu os seguintes informes:

O 9.2.2018, informe do cumprimento das limitacións á constitución de servidume de paso, de acordo co exixido no artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

O 29.3.2019, informe favorable relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, de acordo co exixido no artigo 33.13 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e as características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento, piquetaxe...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. Canto ás alegacións en que se propoñen cambios de trazado da liña eléctrica, indícase o seguinte:

– Aténdese a alegación presentada por Antonio Alonso Campos e Mª Josefa Campos Andión e desprázase o apoio nº 54 da liña.

– Nos casos restantes non se acredita a concorrencia conxunta dos requisitos establecidos no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, necesarios para que resulte posible unha modificación do trazado proxectado (que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, da comunidade autónoma, das provincias ou dos municipios, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada; que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante; e que sexa tecnicamente posible.

3. En relación ás alegacións de carácter ambiental, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o 5.6.2019 a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización da instalación eléctrica, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

4. En relación coas afeccións a montes veciñais en man común, seguiuse o procedemento de concorrencia de utilidade ou interese público e o trámite e declaración de compatibilidade ou prevalencia, de acordo co previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, reflectido no antecedente de feito décimo oitavo da presente resolución.

5. En relación coas alegacións relacionados co trámite de expropiación, non se toman en consideración por non seren obxecto deste procedemento senón do expediente expropiatorio na súa fase de determinación do prezo xusto. A valoración económica das afeccións substanciarase nesta fase, para o cal se tramitarán as correspondentes pezas separadas do prezo xusto, na cal se determinará a indemnización que corresponda e na cal o afectado poderá presentar a súa folla de aprecio en que concretará o valor que considera que lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionan, a fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o prezo xusto en cada caso.

Cuarto. En relación coa prevalencia, cómpre manifestar o seguinte:

O trámite de declaración de compatibilidade ou prevalencia, no caso de concurrencia de utilidades públicas, vén regulado no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, se crea o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Visto o informe de incompatibilidade a que se fai referencia no antecedente de feito décimo noveno, procede, en caso de incompatibilidade, declarar a prevalencia dun dos aproveitamentos.

Canto aos criterios para declarar a prevalencia entre instalacións eléctricas e dereitos mineiros, en ausencia de regulación específica na lexislación sectorial eólica e na do sector eléctrico, poden considerarse os criterios establecidos no artigo 24 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de minaría de Galicia:

«Compatibilidade de dereitos mineiros e con usos de interese público:

1. Se a solicitude dun dereito mineiro afectar un dereito mineiro preexistente ou outros usos de interese público, o órgano mineiro competente pronunciarase sobre a súa compatibilidade ou incompatibilidade, así como sobre a súa prevalencia, a través do procedemento que regulamentariamente se estableza.

2. Para iso terá en conta os seguintes criterios:

a) A viabilidade e interese económico da solicitude, de acordo coa memoria presentada.

b) A súa incidencia no contorno natural e social, a paisaxe e o medio rural.

c) A súa repercusión sobre outras infraestruturas de interese público existentes no territorio afectado (parques eólicos, liñas eléctricas, gasodutos...).

3. Se considera que a solicitude é incompatible con outro dereito mineiro preexistente, o órgano mineiro competente ditará resolución motivada, poñendo fin ao procedemento».

Analizando estes criterios, cómpre destacar que:

1) Canto á viabilidade e interese económico da solicitude:

– A liña colectora de Ludrio eixe norte é unha infraestrutura de evacuación da enerxía xerada no parque eólico de Pastoriza-Rodeiro e ambos están declarados de interese especial por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21.12.2017.

– Os proxectos declarados de interese especial deben executarse antes do 1 de xaneiro de 2020.

– O parque eólico Pastoriza-Rodeiro e a súa infraestrutura de evacuación suporán un investimento de 48 millóns de euros e a creación de 585 postos de traballo directos e 432 indirectos.

– O proxecto colabora co cumprimento de obxectivos renovables europeos, nacionais e autonómicos.

2) Canto á súa incidencia no contorno natural e social, a paisaxe e o medio rural:

– A salvagarda do contorno está garantida xa que o proxecto conta coa pertinente declaración de impacto ambiental.

– Suporá un aforro por emisións evitadas de 78.300 toneladas de CO2.

– O proxecto contribúe á dinamización do medio rural.

– A súa execución suporá importantes ingresos ás entidades locais (impostos, licenzas, canon eólico).

3) No que respecta á repercusión sobre outras infraestruturas de interese público existentes no territorio afectado, a afección da liña eléctrica sobre o dereito mineiro é mínima e non impide o seu desenvolvemento:

– A superficie de solapamento da liña sobre a superficie total da concesión mineira representa só o 0,23 %.

– A superficie de solapamento da liña sobre a superficie das zonas de explotación autorizadas é do 3,22 %.

Polo exposto, esta dirección xeral considera que debe declararse prevalente a liña colectora Ludrio eixe norte sobre a concesión de explotación Alicia nº 5917.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a instalación eléctrica liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, sita nos concellos da Pastoriza e Castro de Rei (Lugo) e promovida por Naturgy Renovables, S.L.U.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada instalación eléctrica, titulado Modificación do proxecto liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, outubro 2018, asinado por declaración responsable do enxeñeiro industrial Alberto Izquerdo Belmonte, colexiado nº 1151 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Cuarto. Declarar a prevalencia da utilidade pública da citada instalación eléctrica sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados: MVMC de Rodela (comunidade de Ludrio), MVMC de Rodela e O Touzón (comunidade de Viladonga), MVMC de Rodela e O Touzón, Gándaras de Castro (comunidade de Ansemar) e MVMC de Mundia en Bozo (comunidade de Loboso), segundo o previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Quinto. Declarar a prevalencia da utilidade pública da citada instalación eléctrica sobre a concesión de explotación Alicia nº 5917, segundo o previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se poidan causar ao medio ambiente e do custo de restauración. O importe do aval, que será actualizable, fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 45.887 euros, dos cales 19.666 euros corresponden á fase de obras e 26.221 euros á de desmantelamento e abandono das instalacións.

A dita fianza depositarase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental conforme establece o referido Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

A solicitude de cancelación realizarase a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que a promotora acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

2. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se autoriza.

3. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguranza.

4. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. Así mesmo, deberase cumprir co disposto na declaración de impacto ambiental formulada o 5.6.2019 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo da presente resolución. Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida na declaración de impacto ambiental:

– Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 5 da DIA.

– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: punto 3 da DIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 1.2 da DIA.

– Medidas de seguimento e órgano encargado del: punto 4 da DIA.

6. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e comunicará á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

7. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a Xefatura Territorial será a encargada de emitila após as comprobacións técnicas que considere oportunas.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación eléctrica.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

ANEXO I

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito cuarto:

Orde

Nome e apelidos persoas alegantes

1

Alfonso Teijeiro Alonso

2

Avelino Veiga García

3

María Carmen Darriba Portela

4

Ramón Rodríguez Pita

5

Xefatura Territorial de Lugo

6

Carmen López Andión

7

Edita Cupeiro Santiso

8

Jaime Abuín Freire

9

Mónica Anllo Eiras

10

Pablo Pardo Cupeiro

11

Jesús Pardeiro Bouso

12

José Carlos Gallego Camba

13

Antonio Anllo Neira

14

Jesús García Canto

15

José García Fernández (MVMC de Ansemar)

16

José Manuel Osorio Lenza (MVMC de Viladonga)

17

Martina Folgueira Aguiar

18

Miguel Ángel Carballeda Barja (MVMC de Ludrio)

19

Xefatura Territorial de Lugo

20

Hermandino Cupeiro Muinelo

21

Antonio Alonso Campos e María Josefa Campos Andión

22

María Manuela Lejo Vázquez

23

Antonio Cabana Canto

24

José Luis Palmeiro López

25

Luis Andión González

26

Xefatura Territorial de Lugo

27

María Carmen Darriba Portela

28

María Carmen Darriba Portela

29

Olivia Lamas Rodríguez

30

Juan José Rodríguez Prieto

31

Anuncia Novo Lage

32

Lorenzo Andión Rivas

33

Gabinete conselleiro

34

Generosa Muninelo Lejo

35

Alcalde do Concello de Castro de Rei

36

María Inés Lanzós Iglesias

37

Xefatura Territorial de Lugo

38

Dori

39

María Carmen

40

Alicia García Abelleira

41

Otilia Lombardía Hermida

42

Pablo Parga Lanzós

43

Francisca Pérez Pérez

44

Manuel Novo Teijeiro

45

Luis Vega González

46

Angélica Iglesia Iglesia

47

Alicia Crecente Pillado

48

Felicitas Villamel López

49

Lourdes Ferreira Falcón (AAVV O Cadaval)

50

Francisco García Carreiras

51

José Luis Otero Cuesta

52

Rubén Crecente Pérez

53

José Corral Cabado

54

José García Fernández (MVMC de Ansemar)

55

Elisa García Abelleira

56

María Justa Lamas Edrosa

57

Marisol e Manuel Lanzós Lamas

58

Severiano Ónega Ares (Fundación Blas do Carboeiro)

59

María Marina Ares García

60

Severiano Ónega Ares (Ónega Ares, S.L.)

61

Xefatura Territorial da Coruña

62

Jesús Carballo Vega

63

Amparo Pérez Rodríguez

64

José María Irimia Fórneas

65

Hortensia Pérez Portela

66

María José Pérez Reija

67

María Amor Leal Lage