Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2019 Páx. 32337

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 28 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de xuño de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais e cun dereito mineiro da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, sita nos concellos da Pastoriza e Castro de Rei (Lugo) (expediente IN407A 2017/4-0).

De conformidade co previsto no artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da resolución indicada no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Naturgy Renovables, S.L.U., con NIF B84160423 e domicilio na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Segundo. Obxecto

Evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Pastoriza-Rodeiro e outras instalacións futuras doutros promotores.

Terceiro. Características do proxecto

Liña aérea de 132 kV, cunha lonxitude de 23.228,97 m (19.027,5 m no concello de Castro de Rei e 4.201,17 m no concello da Pastoriza). A liña ten 85 apoios, orixe na subestación do parque eólico Pastoriza-Rodeiro e fin na subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV. O orzamento do proxecto é de 4.885.854,15 euros.

Cuarto. Consideracións

O citado proxecto someteuse a información pública por Resolución do 30 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 241, do 21.12.2017).

Durante a tramitación do expediente solicitáronse informes de carácter ambiental aos seguintes organismos:

Concello da Pastoriza, Concello de Castro de Rei, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Ordenación Forestal e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Os informes remitíronse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que emitiu a declaración de impacto ambiental o 5.6.2019.

Quinto. Contido da decisión

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a instalación eléctrica Liña colectora Ludrio eixo norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, sita nos concellos da Pastoriza e Castro de Rei (Lugo) e promovida por Naturgy Renovables, S.L.U.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada instalación eléctrica, titulado Modificación do proxecto liña colectora Ludrio eixe norte: 132 kV-parque eólico Pastoriza-Rodeiro-subestación de interconexión Ludrio 132/400 kV, outubro 2018, asinado por declaración responsable do enxeñeiro industrial Alberto Izquerdo Belmonte, colexiado nº 1151 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

4. Declarar a prevalencia da utilidade pública da citada instalación eléctrica sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados: MVMC de Rodela (comunidade de Ludrio), MVMC de Rodela e O Touzón (comunidade de Viladonga), MVMC de Rodela e O Touzón, Gándaras de Castro (comunidade de Ansemar) e MVMC de Mundia en Bozo (comunidade de Loboso), segundo o previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

5. Declarar a prevalencia da utilidade pública da citada instalación eléctrica sobre a concesión de explotación Alicia nº 5917, segundo o previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Sexto. Condicións

A autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se poidan causar ao medio ambiente e do custo de restauración. O importe do aval, que será actualizable, fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 45.887 euros, dos cales 19.666 euros corresponden á fase de obras e 26.221 euros á de desmantelamento e abandono das instalacións.

A dita fianza depositarase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental conforme establece o referido Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

A solicitude de cancelación realizarase a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que a promotora acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

2. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se autoriza.

3. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. Así mesmo, deberase cumprir co disposto na declaración de impacto ambiental formulada o 5.6.2019 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo da presente resolución. Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida na declaración de impacto ambiental:

– Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 5 da DIA.

– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: punto 3 da DIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 1.2 da DIA.

– Medidas de seguimento e órgano encargado do mesmo: punto 4 da DIA.

6. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e comunicará á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

7. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a Xefatura Territorial será a encargada de emitila após as comprobacións técnicas que considere oportunas.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación eléctrica.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas