Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 5 de xullo de 2019 Páx. 31900

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Verín

ANUNCIO da aprobación inicial do Instrumento de ordenación provisional.

O Pleno do Concello de Verín, en sesión ordinaria de data 22 de abril de 2019, adoptou o seguinte acordo:

Logo de ver o documento técnico denominado Instrumento de ordenación provisional, redactado por Otima, S.L., e presentado neste concello o 13 de febreiro de 2019, e de acordo co disposto no artigo 93.3 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, en relación co artigo 22.2.c) da Lei 7/1985, de bases de réxime local, proponse que o Pleno do Concello de Verín adopte o seguinte acordo:

Primeiro. De acordo co disposto no artigo 88.5 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, tomar coñecemento e aprobar o estudo específico da situación derivada da anulación do Plan xeral de ordenación municipal de Verín, do 7 de decembro de 2012, tal e como dito estudo foi elaborado por Otima, S.L. e sometido a informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, con data 23 de maio de 2018, e pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático con data 11 de decembro de 2017.

Segundo. Aprobar inicialmente a proposta de instrumento de ordenación provisional segundo o documento técnico redactado por Otima S.L., e presentado neste concello o 13 de febreiro de 2019, e que se tramita no expediente administrativo 3921/2017.

Terceiro. Someter o instrumento de ordenación provisional inicialmente aprobado a información pública polo prazo de vinte (20) días hábiles mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nun dos xornais de maior difusión na provincia e na sede electrónica do concello.

Así mesmo, notificarase individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

Durante o mesmo tempo no que se realiza o trámite de información pública, solicitaranse das administracións públicas competentes os informes sectoriais e as consultas que resulten preceptivas. Os informes sectoriais autonómicos deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes, transcorrido o cal entenderanse emitidos con carácter favorable.

Cuarto. Declarar a suspensión polo prazo máximo de dous anos do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e demolición nos ámbitos do territorio nos que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente, nos termos previstos na lexislación vixente e de acordo co reflectido no resumo executivo incorporado ao instrumento de ordenación provisional inicialmente aprobado. Esta suspensión levantarase, en todo caso, unha vez aprobado definitivamente o dito instrumento.

En particular, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenza afectará as seguintes zonas:

a) En todas as zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de viario, infrestructuras, equipamentos ou espazos libres (de entre as establecidas en calquera dos dous documentos - NSM ou IOP), en calquera clase de solo. Non se entenderán suspendidos os procedementos de calquera clase (obras, proxectos, plans ou as súas modificacións) en zonas con esta cualificación (viario, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres), sempre que tales procedementos teñan por obxecto a materialización de sistemas infraestruturais ou dotacionais deste tipo, aínda que no planeamento vixente ou en trámite estea cualificado de xeito diferente ao que se pretende materializar (neste caso deberase tramitar o procedemento que corresponda para validar ese cambio).

b) No solo urbano non consolidado do IOP suspenderanse por defecto en todos os casos, pero permitirase tramitar a súa ordenación detallada en paralelo a tramitación do IOP, sempre que a tramitación se adapte aos requirimentos legais establecidos. No caso de ámbitos de planeamento que promovan e tramiten as administracións (municipais ou supramunicipais), non se verán afectados pola presente suspensión de licenzas, sempre que se adapten aos requirimentos legais establecidos.

c) No solo urbano consolidado e nos núcleos rurais (de entre os establecidos en calquera dos dous documentos) suspenderanse só naquelas zonas en que non se poidan cumprir ambas as ordenacións ou normativas simultaneamente (NSP de 1986 vixentes e IOP), e sobre todo naquelas zonas afectadas por viario, infraestructuras, equipamentos ou espazos libres xa definidas no punto a). A respecto das tipoloxías edificatorias, dos usos pormenorizados e dos parámetros concretos de ordenación que establezan en cada zona ambos os documentos (cando estes poidan compatibilizarse nunha proposta de actuación concreta sen incorrer en incumprimentos normativos), os proxectos sometidos a licenza non poderán superar o valor máis baixo (de entre os dous documentos) no caso de alturas, fondos, volume, edificabilidade (entre outros parámetros de aproveitamento), e por outra banda no caso doutros parámetros que se regulan en sentido inverso aos anteriormente citados (cesións, espazos libres, espazos comunitarios ou públicos, etc.) non poderán ser inferiores ao valor máis alto (de entre os establecidos nos dous documentos). Se hai variacións nas aliñacións, admitirase a combinación delas que proporcione unha maior cesión de espazo público.

d) En todos os elementos do catálogo nos que se establezan modificacións no presente IOP a respecto das establecidas no catálogo orixinal do PXOM 2012 (actualmente vixente), consideraranse tamén suspendidas as licenzas únicamente naqueles parámetros que se poidan ver afectados polas citadas modificacións, pero poderase permitir a actuación se se adoptan os parámetros de maior pretección de ambas as regulacións.

Nos casos do grupo c) anterior en que se poida acadar unha solicitude cun acordo volumétrico intermedio entre os plans de aplicación coordenada (NSP vixentes e IOP), serán os servizos técnicos municipais os que determinen a congruencia das solicitudes e a súa integración na ordenación urbanística final, sen superar o valor máis desfavorable para cada parámetro volumétrico de entre os que os citados plans outorguen, e prevalecendo sempre a ordenación máis restritiva (menor altura, fondos ou volume e maiores cesións, espazos públicos, etc.) ou a maior protección das establecidas en ambos os documentos).

Esta suspensión non afectará (artigo 86.3 do RLSG):

a) As obras de mantemento, conservación e reforma, agás en caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas en razóns de urxencia ou que supoñan o aumento do volumen edificado.

b) As licenzas de primeira ocupación.

c) Os proxectos que cumpran simultaneamente o instrumento de planeamento en vigor e o IOP inicialmente aprobado.

d) Os actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos e actividades autorizados polo novo planeamento.

e) A autorización de proxectos técnicos de execución de obra maior cando conste a concesión da previa licenza municipal de obras con base nun proxecto técnico de carácter básico.

En tanto dure a suspensión de licenzas, poderán autorizarse usos e obras provisionais nos termos do artigo 89 da LSG e 204 do RLSG (artigo 47.5 da LSG).

Verín, 27 de xuño de 2019

Gerardo Seoane Fidalgo
Alcalde