Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 29 de maio de 2019 Páx. 26327

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Porriño

EDICTO (397/2017).

Sentenza: 87/2018.

Procedemento: more uxorio nº 397/2017.

O Porriño, 10 de decembro de 2018.

Vistos por min, Rosa Mª López Barral, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Porriño, os autos seguidos neste xulgado baixo número 397/2017, sobre garda e custodia e alimentos respecto de fillo menor de idade, con intervención do Ministerio Fiscal, en que son parte:

– Demandante: Magali Martínez López, representada polo procurador dos tribunais Pablo Insua Lagarón e asistida polo letrado Mario Bommatí del Peso.

– Demandado: Jaime Bouzón Domínguez, en situación de rebeldía procesual.

En virtude das facultades que me foron conferidas e en nome do rei, dito a presente resolución.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Procedente da oficina de repartición tivo entrada neste xulgado demanda de mutuo acordo sobre garda, custodia e alimentos respecto dun fillo menor de idade subscrita polo procurador dos tribunais Pablo Insua Lagarón, que actúa na representación arriba indicada, fronte a Jaime Bouzón Domínguez, na cal tras expoñer os feitos e citar os fundamentos de dereito que considerou de aplicación e que constan no escrito de demanda, rematou suplicando ao xulgado que ditase sentenza nos termos indicados no suplico desta.

Segundo. Admitida a trámite a demanda acordouse polo Decreto do 18 de outubro de 2017, dar traslado da demanda ao demandado e ao Ministerio Fiscal, emprazándoos para que a contesten no prazo de 20 días.

Terceiro. O Ministerio Fiscal contestou a demanda en escrito do 27 de outubro de 2017; non obstante, non foi posible localizar o demandado a pesar das xestións realizadas e, mediante dilixencia de ordenación do 28 de xuño de 2018 acordouse emprazar o demandado por medio de edictos.

Por dilixencia de ordenación do 4 de setembro de 2018 acordouse declarar o demandado en situación procesual de rebeldía e notificar a devandita resolución mediante edictos, citando as partes para a celebración do xuízo, que finalmente tivo lugar o día 5 de decembro de 2018, en que se practicou a proba que, unha vez proposta, foi admitida, quedando os autos vistos para sentenza.

Cuarto. Na tramitación deste procedemento observáronse os termos e demais previsións legais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Dispón o artigo 770 da Lei de axuizamento civil, na súa regra sexta, que nos procesos que versen exclusivamente sobre garda e custodia de fillos menores ou sobre alimentos reclamados en nome dos fillos menores, para a adopción das medidas preventivas que sexan adecuadas aos ditos procesos se seguirán os trámites establecidos na lei para a adopción de medidas previas, simultáneas ou definitivas nos procesos de nulidade, separación ou divorcio.

Polo tanto, cando se trata de resolver cuestións relativas á patria potestade, garda e custodia de fillos, réxime de visitas, pensión de alimentos ou cuestións relativas ás relacións paterno-filiais, a propia lei prevé a remisión ao procedemento previsto no artigo 770 da LAC, para aqueles casos en que non haxa acordo entre os solicitantes das medidas.

Segundo. Patria potestade e garda e custodia. No presente caso das probas practicadas, da declaración da denunciante e da exploración da menor Samara Martínez Bouzón, resulta acreditado que o demandado marchou cando Samara era moi pequena e desde entón non se ocupou nin preocupou pola súa filla, que actualmente ten 14 anos. Así, Samara manifesta que non coñece o seu pai, que nunca o viu, nin se puxo en contacto con ela, punto tamén afirmado pola demandante. Diso despréndese que quedou acreditado un grave e reiterado incumprimento por parte do demandado dos seus máis elementais deberes asistenciais de toda índole cara á súa filla, pois tras o seu nacemento se foi e nin a chamou, nin a visitou, nin lle ofreceu axuda, nin económica, nin afectiva, nin de ningún tipo, o que evidencia unha absoluta renuncia das súas obrigas como pai, polo que resulta procedente atribuír a Magali Martínez a garda e custodia, así como o exercicio exclusivo da patria potestade da menor, ao ter sido ela a que se encargou do seu coidado desde que naceu, ao que o Ministerio Fiscal non se opuxo, e iso de conformidade co disposto no artigo 170 do Código civil en relación co disposto nos artigos 154 e seguintes e concordantes do mesmo corpo legal.

Terceiro. Réxime de visitas. Non procede establecer ningún tipo de réxime de visitas da menor, tendo en conta a idade desta, 14 anos, que se descoñecen as actuais circunstancias do demandado, así como o seu actual paradoiro e que se desentendeu da súa filla desde o seu nacemento.

Cuarto. Pensión de alimentos. En relación coa pensión alimenticia que o Sr. Bouzón Domínguez debe aboar á súa filla, virá determinada polas necesidades da súa filla e pola capacidade económica do demandado.

Non se constataron gastos especiais da menor, polo que é presumible que sexan os propios dunha adolescente da súa idade; consta que está a estudar 3º da ESO nun instituto público.

As circunstancias do demandado son descoñecidas, pois permaneceu en situación de rebeldía. Con todo, do informe de vida laboral despréndese que o Sr. Bouzón Domínguez traballou ata o día 31 de agosto de 2018. Non obstante, no ano 2017 unicamente percibiu 2.035 euros, polo que considero prudente fixar o mínimo vital de 120 euros mensuais, pensión que será ingresada nos termos que se acordarán nesta resolución.

Quinto. Dada a especial natureza deste proceso, non se fai especial pronunciamento en canto ás custas.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que debo estimar e estimo a demanda formulada por Magali Martínez López, representada polo procurador dos tribunais Pablo Insua Lagarón, fronte a Jaime Bouzón Domínguez, declarado en situación de rebeldía procesual, e no que interveu o Ministerio Fiscal, e en consecuencia:

1. Atribúeselle a Magali Martínez López o exercicio exclusivo da patria potestade e a garda e custodia da súa filla menor Samara Bouzón Martínez.

2. O Sr. Bouzón Domínguez satisfará en concepto de alimentos a favor da súa filla menor a cantidade 120 € mensuais, cantidade que será aboada dentro dos cinco primeiros días de cada mes na conta corrente que para o efecto designe a nai e que será actualizada anualmente conforme a variación do índice de prezos de consumo que indique o Instituto Nacional de Estatística ou organismo que o substitúa.

Non se fai especial pronunciamento en canto ás custas.

Notifíquese esta resolución ás partes e ao Ministerio Fiscal e fágaselles saber que contra esta cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, que se preparará, de ser o caso, ante este xulgado, no prazo de cinco días a partir da súa notificación.

Así, por esta miña sentenza, da cal se expedirá testemuño para a súa unión aos autos, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Rosa Mª López Barral, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Porriño.