Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2019 Páx. 25467

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis

EDICTO de notificación de sentenza (455/2017).

Demandante: Compañía Vinícola del Norte de España, S.A.

Letrado: Pau Donat i Balcells.

Procurador: Antonio Fernández García.

Demandado: Herrera Solar Fotovoltaica número 37, S.L. (rebeldía).

Obxecto: reclamación de pagamento de facturas derivadas de contrato de fornecemento.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 5.12.2017 a Compañía Vinícola del Norte de España, S.A. presentou demanda de xuízo ordinario dirixida contra Herrera Solar Fotovoltaica número 37, S.L. na cal reclama o pagamento de diversas facturas derivadas do contrato de fornecemento existente entre as partes.

Segundo. Transcorrido o prazo concedido á demandada sen que esta presentase contestación, por dilixencia de ordenación do 5 de decembro de 2018 foi declarada en rebeldía.

Terceiro. Á audiencia previa compareceu a parte demandante debidamente asistida e representada e propuxo como proba exclusivamente a documental.

Propóndose como proba exclusivamente a documental, os autos quedaron vistos para resolver.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Tal como di a sentenza do Tribunal Supremo do 7 de febreiro de 2002, o «concepto de contrato de fornecemento, que, como di a sentenza desta Sala do 8 de xullo de 1988, non pode identificarse co de compravenda, aínda que é afín a esta. Regúlase polo previsto polas partes, en prol do principio de autonomía da vontade (artigo 1255 do Código civil) e, na súa falta, pola normativa da compravenda (artigos 1445 e ss. do Código civil e, se for o caso, se é mercantil, 325 e ss. do Código de comercio) e, en último lugar, polas normas xerais das obrigacións e contratos. Na compravenda, a cousa vendida entrégase dunha soa vez ou en actos distintos, pero refírense en todo caso a unha cousa unitaria e no contrato de subministración, a obrigación de entrega cúmprese de maneira sucesiva; as partes obríganse á entrega de cousas e ao pagamento do seu prezo, en entregas e pagamentos sucesivos e en períodos determinados ou determinables. Neste sentido, son de ver as sentenzas do 20 de maio de 1986, 10 de setembro de 1987, a citada do 8 de xullo de 1988 e, por último, a do 28 de febreiro de 1996. É esencial a obrigación do fornecido-comprador de pagamento do prezo, conforme o artigo 339, […], sendo a xurisprudencia máis reiterada a que se refire á reclamación do cumprimento de tal obrigación; así, sentenzas, entre outras, do 21 de setembro de 1998, 17 de abril de 1999, 25 de novembro de 1999, 1 de xuño de 2000».

Da copia dos correos electrónicos habidos entre as partes que se achegan coa demanda resulta a existencia dunha relación de fornecemento de mercadorías entre a entidade demandante e a demanda (documentos 4 e 9).

Coa demanda achéganse, así mesmo, os albarás que acreditan a entrega dos pedidos efectuados no almacén indicado pola demandada nas datas 25.11.2015 e 14.12.2015 (documentos 3, 7 e 8).

Das facturas achegadas coa demanda (documentos 1, e 6) dedúcese que o importe total dos materiais fornecidos ascende á cantidade de 10.061,23 euros.

Segundo. Sinala o artigo 5 a Lei 3/2004, de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, que «o obrigado ao pagamento da débeda pecuniaria xurdida como contraprestación en operacións comerciais incorrerá en demora e deberá pagar o xuro pactado no contrato ou o fixado por esta lei automaticamente polo mero incumprimento do pagamento no prazo pactado ou legalmente establecido, sen necesidade de aviso de vencemento nin intimación ningunha por parte do acredor».

Neste caso, e de conformidade co establecido na Lei 3/2004, de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, procede condenar a entidade demandada a aboar o xuro o que se refire o artigo 7 da lei desde a data do vencemento sinalado nas propias facturas:

En concreto, a cantidade de 6.964,83 euros producirá o xuro a que se refire o artigo 7 da Lei 3/2004 desde o día 20.11.2017 (factura 18-43-179, documento nº 21 da demanda).

A cantidade de 3.096,40 euros producirá o xuro a que se refire o artigo 7 da Lei 3/2004 desde o día 20.11.2017 (factura 18-43-180, documento nº 5 da demanda).

Terceiro. De conformidade co previsto no artigo 394.1 da Lei de axuizamento civil, «nos procesos declarativos, as custas da primeira instancia imporanse á parte que vise rexeitadas todas as súas pretensións, salvo que o tribunal aprecie que o caso presentaba serias dúbidas de feito ou de dereito».

Neste caso, estímanse na súa integridade as pretensións contidas na demanda, polo que procede impoñer ao demandado o aboamento das custas procesuais, ao non presentar o caso serias dúbidas de feito nin de dereito.

Decido:

Estimar na súa integridade a demanda interposta por Compañía Vinícola do Norte de España, S.A. contra Herrera Solar Fotovoltaica número 37, S.L. e, en consecuencia, condénase a entidade demandada a aboar á demandante a cantidade de dez mil sesenta e un euros con vinte e tres céntimos (10.061,23 €).

Así mesmo, condénase a entidade demandada a aboar o xuro a que se refire o artigo 7 da Lei 3/2004 nos seguintes termos:

• A cantidade de 6.964,83 euros producirá o xuro a que se refire o artigo 7 da Lei 3/2004 desde o día 20.11.2017 (factura 18-43-179).

• A cantidade de 3.096,40 euros producirá o xuro a que se refire o artigo 7 da Lei 3/2004 desde o día 20.11.2017 (factura 18-43-180).

Imponse á parte demandada o pagamento das custas procesuais.

Notifíquese esta resolución ás partes, facéndolles saber que non é firme e que contra ela cabe recurso de apelación, que se poderá interpor ante este xulgado no termo de vinte días desde a notificación, logo da constitución do depósito de 50 euros na conta deste xulgado.

Así o acorda Cristina Sánchez Neira, maxistrada titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis.