Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2019 Páx. 25188

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 51/2019, do 9 de maio, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de fomento da mobilidade sustentable, senda na LU-621, treito A Pobra de San Xiao-Urbanización de Valdriz, coa clave LU/16/251.06, no concello de Láncara.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 192, do 8 de outubro de 2018, publicouse o Anuncio do 1 de outubro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de fomento da mobilidade sustentable, senda na LU-621, treito A Pobra de San Xiao-Urbanización de Valdriz, coa clave LU/16/251.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 24 de abril de 2019 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de fomento da mobilidade sustentable, senda na LU-621, treito A Pobra de San Xiao-Urbanización de Valdriz, coa clave LU/16/251.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a execución dunha senda compartida peón-bici, pola marxe esquerda da estrada LU-621, desde o punto quilométrico 0+580 ao 1+040, no concello de Láncara, cunha lonxitude total de actuación de 460 metros.

Os beneficios esperados con esta iniciativa son, entre outros, a mellora da mobilidade, a mellora da calidade do aire, da saúde, da igualdade e benestar da economía, do patrimonio e do urbanismo.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de maio de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de fomento da mobilidade sustentable, senda na LU-621, treito A Pobra de San Xiao-Urbanización de Valdriz, coa clave LU/16/251.06.

Santiago de Compostela, nove de maio dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade