Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2019 Páx. 25186

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 50/2019, do 2 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, da estrada EP-0202 (PO-255-Pazos) desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+340.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Ponte Caldelas asinaron un convenio de colaboración, o día 22 de xuño de 2018, para levar a cabo a execución do proxecto de construción de senda peonil na EP-0206 Ponte Caldelas-Parada-Xustáns. Este convenio recollía na súa cláusula cuarta a obriga do Concello de Ponte Caldelas de solicitar a transferencia da vía EP-0202 (PO-255-Pazos) duns 340 metros de lonxitude, unha vez realizadas as obras recollidas no proxecto.

O Pleno da Corporación provincial, o día 30 de novembro de 2018, aprobou a proposta do cambio de titularidade a prol do Concello de Ponte Caldelas.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de maio de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, da estrada EP-0202 (PO-255- Pazos), desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+340.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ponte Caldelas deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Ponte Caldelas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade