Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2019 Páx. 24649

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de maio de 2019, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se anuncia a toma de posesión provisional dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Quins (Melón-Ourense).

En cumprimento do disposto polo artigo 37 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu con data do 10 de abril de 2019, poñer a disposición as leiras para a toma de posesión provisional dos predios resultantes do proceso de reestruturación parcelaria da zona de Quins (Melón-Ourense).

A data para a toma de posesión dos novos predios é o 3 de xuño de 2019. No caso de que existan colleitas pendentes de recoller nas parcelas antigas de labradío ou arborado que se pretenda retirar en parcelas que non estean clasificadas como monte alto, poderán ser retiradas antes do 3 de novembro de 2019.

Para o caso de que se pretenda retirar arborado, deberá contarse co preceptivo permiso do Servizo de Montes, e xestionándose o aproveitamento con suxeición ao establecido no Decreto 50/2014, do 10 de abril, e na Orde do 20 de abril de 2018 que modifica os seus anexos II, III e VI.

No prazo de dous meses contados a partir do seguinte ao da data establecida para a posta á disposición dos predios, poderá reclamar por defecto de superficie nos predios que lle foron atribuídos, achegando unha medición pericial asinada por técnico competente, sobre diferenzas de superficie superiores ás marxes de tolerancia admitidas, conforme o disposto no antedito artigo 37. As persoas propietarias das parcelas de achega deben permitir aos titulares dos novos predios o acceso a eles para proceder á medición destes, no caso de ser necesario.

Debe terse en conta que:

1. A falta de superficie dun predio non será compensada cando exista exceso de superficie no conxunto dos predios atribuídos ao mesmo propietario, e esta sexa suficiente para compensar en valor de puntuación o conxunto das atribucións.

2. Non se admitirá reclamación no caso de que o predio obxecto da mesma coincida exactamente, na súa delimitación cartográfica, coa parcela achegada polo mesmo titular.

3. Impedir ou obstaculizar a toma de posesión é considerada unha infracción moi grave (artigo 90 da Lei 4/2015) sancionada con multa de 1.501 a 6.000 euros.

4. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a toma de posesión poderá darse, logo de apercibimento, mediante compulsión directa sobre as persoas que a impidan.

5. Os planos do acordo, o número dos marcos e as súas coordenadas están accesibles na internet, na páxina web da Consellería do Medio Rural, que se indica abaixo:

https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracións-parcelarias-publicacions

Ourense, 13 de maio de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Xefe territorial de Ourense