Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24441

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO do 3 de abril de 2019 polo que a deputación asume a competencia delegada nela polo concello de Beariz (recadación en vía executiva das multas coercitivas).

De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004 e 106.3 da Lei 7/1985, e cumprindo o que acordou a Corporación Provincial, na sesión do día 29 de marzo de 2019, faise público que a Deputación Provincial de Ourense asume a competencia delegada nela polo concello de Beariz nos seguintes termos:

Aceptar a delegación de competencia efectuada polo Concello de Beariz a favor da Deputación Provincial de Ourense, mediante Acordo do 21 de febreiro de 2019, para a recadación executiva das multas coercitivas do artigo 100.c) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, nas condicións recollidas no acordo de delegación do Concello de Beariz, sendo en todo caso de aplicación as seguintes condicións xerais:

a) O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da recadación en vía executiva, ditando todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.

b) Para o exercicio da competencia delegada o concello debería remitir as oportunas certificacións de descuberto do tributo a que se refire.

c) A taxa que ten que satisfacer o concello pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario conforme o establecido no artigo 6, letra b) da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da Ordenanza fiscal.

d) A presente delegación estará vixente a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da provincia durante un prazo da catro anos, prorrogándose tacitamente por períodos de 4 anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra, comunicándollo á outra cunha antelación non inferior a 6 meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga.

A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas no presente acordo de delegación.

Ourense, 3 de abril de 2019

José Manuel Baltar Blanco
Presidente da Deputación Provincial de Ourense