Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 15 de maio de 2019 Páx. 23673

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de marzo de 2011 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Hépotas, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 10 de marzo de 2010, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Hépotas promovido por Hépotas, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, o plan no concello de Muras queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional 2ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Parque Eólico Hépotas.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2011

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Parque Eólico Hépotas

1. Relación co planeamento urbanístico local.

De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o plan do concello de Muras queda vinculado ás determinacións contidas nos proxectos sectoriais que sexan aprobados mediante resolucións do Consello da Xunta.

Sobre a base do citado acordo (Consello da Xunta do 1.10.1997), quedan expresamente cualificadas como de carácter territorial as obras necesarias para a execución de proxectos de parques eólicos e, consecuentemente, de acordo coas resolucións do Consello da Xunta de Galicia para cada un dos parques «non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no citado proxecto». (...art. 28).

2. Usos permitidos.

No ámbito de aplicación destas normas non se autorizará a construción de ningunha clase de edificación, agás as necesarias para a construción de instalacións de enerxías renovables, logo de aprobación definitiva dun plan ou proxecto sectorial, e permítese a explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atenten contra os valores esenciais que se protexen.

1.1. Adecuación do plan municipal de Muras.

O concello de Muras conta actualmente con normas subsidiarias de planeamento municipal formuladas pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo e aprobadas o 18 de setembro de 1987. Para os efectos consideraranse, así mesmo, as normas complementarias e subsidiarias de plan provincial (Lugo) 1991.

1.1.1. Afección ao planeamento urbanístico de Muras.

Na data de redacción do presente proxecto sectorial o concello de Muras non dispón de Plan de ordenación urbanística vixente. Os terreos afectados pola implantación do proxecto clasifícanse, por tanto, de acordo coas normas subsidiarias de planeamento municipal de Muras.

En calquera caso, debe considerarse a normativa máis recente aplicable ao territorio afectado do concello de Muras, ao non dispoñer esta entidade local de planeamento urbanístico específico, que son neste caso as normas complementarias e subsidiarias de plan provincial (Lugo) 1991. Esta normativa delimita o espazo natural denominado Serra do Xistral e Cadramón (Lugo), dentro do cal se encontra a área de implantación do proxecto do Parque Eólico Hépotas (8 MW). De acordo coas normas complementarias e subsidiarias do plan provincial, aplicarase á área de implantación do parque a categoría de solo rústico de protección de espazos naturais, que é a categoría de solo rústico máis restritiva.

No que respecta á planificación municipal, as actuacións previstas no proxecto de execución do Parque Eólico Hépotas son as que se indican na seguinte táboa, coas figuras de protección sobre as cales se asentan as infraestruturas do parque:

Actuación/infraestrutura

Clasificación do solo

NSPM Muras

NCSPP

DOG núm. 72, do 16.4.1991

Construción da vía de acceso ao parque desde a estrada CP-65-2

Solo non urbanizable común

Solo de espazo natural Serra do Xistral e Cadramón

Acondicionamento da vía principal desde a Cruz do Navallo ata o lugar de Navallo de Arriba

Solo non urbanizable común

Construción de nova vía sobre pista existente desde o lugar de Navallo de Arriba ata AE-01

Solo non urbanizable común

Construción ramal de acceso á subestación

Solo non urbanizable común

Construción de edificio de control e parque intemperie da subestación eléctrica do parque

Solo non urbanizable común

Construción vía principal do parque e da totalidade dos aeroxeradores AE-01, 02, 03 e 04

Solo de protección oficial

Implantación de torre de control de datos meteorolóxicos no alto de pico Escoiras

Solo non urbanizable común

Na seguinte táboa preséntase un resumo da ocupación directa prevista polo proxecto dentro do municipio de Muras:

Elemento

Unidades

m2/ud

Ocupación (ha)

% de superficie

Zapatas

aeroxeradores

4

225

0,09

4,01

Plataformas montaxe

4

1.600

0,64

28,57

Gabias cableamento

992,43 m

1

0,092

4,43

Vías

2.231 m

5

1,1155

49,89

Edificio control

1

290

0,029

1,29

Parque intemperie

1

2.620

0,262

11,69

Total

2,24

100 %

Nota: na estimación da superficie de ocupación considérase unicamente as gabias de cableamento que non discorren paralelamente ás vías, así como ás vías de novo desenvolvemento e non o acondicionamento dos xa existentes.

A superficie ocupada polo conxunto das instalacións do proxecto no municipio de Muras é de 2,40 ha.

1.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal.

A área de afección do proxecto sobre o concello de Muras, que é proposta para a súa reordenación como solo rústico de protección de infraestruturas, limítase exclusivamente á área da poligonal que se presenta nos planos de ordenación proposta no anexo 2.

Por iso, no momento en que se leve a cabo a primeira modificación puntual do Plan urbanístico de Muras ou se adapte á Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos do anexo 2 de ordenación urbanística do presente proxecto sectorial cualificándoos como solo rústico de protección de infraestruturas, de acordo coa seguinte proposta de modificación:

Ámbito e licenzas:

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada pola poligonal que se presenta nos planos do anexo 2 deste proxecto sectorial destinado á instalación de infraestruturas vinculadas á utilización do recurso natural vento.

A área de ocupación efectiva das infraestruturas do Parque Eólico Hépotas no municipio de Muras comprende un total de 2,40 ha, das cales 1,25 ha se corresponden con zonas de afección de vía, tanto de nova construción como vía reformada para utilización durante as obras e a operación do parque e vías melloradas. Prevese a construción de novas vías de servizo ao parque na vía de conexión de acceso ao parque pola estrada provincial CP-65-2, ramal de acceso á subestación e vía principal que vertebra e dá acceso á totalidade dos aeroxeradores proxectados. A área do territorio proposta para a súa reordenación como solo rústico de protección de infraestruturas esténdese ao longo de 38,75 hectáreas.

Condicións de uso.

Os usos destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, coa aprobación do proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas e as actividades forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 200 m do aeroxerador máis próximo.

Condicións estéticas:

As construcións e instalacións que proxecten situarse neste tipo de solo deberán adaptarse ao ambiente en que se sitúen. Para iso, a tipoloxía das construcións deberá ser acorde coas características da contorna e os materiais empregados para cubertas de edificacións deberán harmonizar coas demais construcións da contorna.

O edificio de control ocupará unha superficie en planta rectangular de 15,05×19,15 m, cunha altura de cumieira de 3,50 m, dimensións análogas ás construcións existentes nas explotacións gandeiras da contorna, e cuxo aspecto exterior se acomodará á arquitectura tradicional acabando as fachadas con revestimento monocapa en cores ocre ou siena natural. Constará dunha única planta e dúas alturas, planta baixa e soto para aproveitar ao máximo o espazo existente.

A cuberta do edificio será plana, sen que en ningún caso se poida superar a altura máxima de 3,5 metros na totalidade do edificio. As tonalidades empregadas nas superficies illantes da cuberta deberán ser acordes coas tonalidades empregadas nos muros de cerramento do edificio.

Debido ás características particulares das instalacións, por necesidades de seguranza e control de acceso a estas, proxéctase un cerramento da totalidade das instalacións da subestación eléctrica. Este levarase a cabo a través dunha malla metálica cunha altura de 2,40 metros. A malla terá unha abertura non superior a 5 cm de lado e utilizaranse a cor verde na súa totalidade. Na contorna da subestación dispoñeranse especies vexetais autóctonas como Ulex europaeus (toxo) e herbáceas na totalidade dos noiros, o cal facilitará a integración na contorna.

En previsión do persoal de planta encargado do control e mantemento das instalacións do parque e as súas infraestruturas, así como das visitas periódicas de persoal pertencente a empresas subcontratadas para asistencia técnica, as instalacións dispoñen dunha zona de aparcadoiro, con capacidade para catro vehículos. Unha praza estará destinada ao persoal de vixilancia do parque. Outra praza estará destinada ao persoal de mantemento dos aeroxeradores e das instalacións eléctricas. Unha terceira será destinada ás visitas e a cuarta praza ao persoal da empresa distribuidora. Os vehículos que visitarán as instalacións do parque serán de tipo medio, vehículos todo terreo e furgonetas.

Os compoñentes exteriores dos aeroxeradores serán de cor branca con acabamento semimate, sen arestas vivas nin superficies metálicas reflectoras.

Considérase que estes criterios de deseño das edificacións reducen significativamente a aparición de contrastes cromáticos coa paisaxe da contorna que poidan afectar a calidade desta e cumpren cos condicionantes determinados na declaración de efectos ambientais.

Igualmente, tanto as casetas prefabricadas como todas aquelas construcións temporais utilizadas durante a fase de obras serán de cores mates non reflectoras e retiraranse no momento en que remate a obra, así como calquera indicación, cartel, etc.

Condicións dos servizos:

De acordo co previsto no artigo 42.1 da Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética comprométese a resolver pola súa conta os servizos de:

• Acceso rodado.

• Abastecemento de augas.

• Saneamento e depuración de augas residuais.

• Enerxía eléctrica.

Igualmente, deberá prever a dotación de aparcadoiros logo de xustificación da superficie que se propoña. Para que así conste, preséntase de forma anexa certificación asinada polo promotor da obra do compromiso sinalado.

2. Prazo de adaptación do planeamento urbanístico.

As determinacións contidas neste proxecto sectorial de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

A adecuación do plan urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción e tramitación:

• Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, que, obviamente, pode ser expresamente para esta adaptación.

• Da revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

• Da adaptación do plan á Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 24 da Lei 10/1995, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25, á marxe de cando adecúen o plan, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as conseguintes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

4. Carácter territorial das obras.

De acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta do 1 de outubro de 1997 e por Resolución do 20 de decembro de 2002, pola que se aproba definitivamente a modificación do plan sectorial de incidencia supramunicipal, as obras e instalacións do Parque Eólico Hépotas quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial.