Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Xoves, 25 de abril de 2019 Páx. 20275

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de abril de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución dos recursos de reposición interpostos contra a clasificación do monte veciñal en man común San Salvador-ampliación, do concello de Guitiriz (expediente 12/2016).

Para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 27.3.2019, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera, Carlos Vázquez Díaz e Antonio José López-Acuña Herrero, e da secretaria Lucía Belver Quiroga, tomou o seguinte acordo:

«Monte de San Salvador-ampliación (expediente 12/2016), pertencente aos veciños da parroquia de San Salvador de Parga, no termo municipal de Guitiriz. Na reunión celebrada polo Xurado o 8 de novembro de 2018, acordouse, aceptando a proposta do instrutor, clasificar como veciñal en man común unha superficie de 70,90 hectáreas, de conformidade coas parcelas e lindes que constan na resolución do expediente.

• O día 12.12.2018 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Lugo un recurso de reposición contra a resolución referida, presentado por Camilo Miragaya Seijas, no cal, en síntese, manifesta o seguinte:

1. Que se produciu a caducidade do expediente.

2. Que o procedemento non se adecúa ao seu obxecto, xa que entende que este é o deslindamento do monte.

3. Ausencia de proba sobre a condición de monte veciñal en man común do terreo que o alegante manifesta ser da súa propiedade (parcela 238 do polígono 49 do concello de Guitiriz).

E por iso solicita que se anule a resolución impugnada ou ben que se exclúa da ampliación a leira citada.

• O día 17.12.2018 tivo entrada no Rexel un recurso de reposición contra a resolución referida, presentado pola comunidade propietaria do MVMC de San Salvador no cal, en síntese, se manifesta o seguinte:

Que no relativo á exclusión na resolución ditada de 7 parcelas que foron obxecto da solicitude de ampliación, non están de acordo cos motivos esgrimidos para deixalas excluídas daquela, polos seguintes motivos:

1. Pola posesión inmemorial da comunidade dos terreos que ocupan as ditas parcelas, tendo en conta a natureza declarativa do acto clasificatorio.

2. Tivéronse en conta alegacións presentadas de xeito extemporáneo.

3. O Catastro non atribúe titularidade, máxime cando a atribución da titularidade catastral non se acompañou da comprobación previa da validez e legalidade do acto adquisitivo de dominio.

4. Improcedencia da invocación rexistral, non sendo esta impedimento ningún para a clasificación dun MVMC, dadas as súas notas de inalienabilidade e imprescritibilidade, e debendo prevalecer o aproveitamento inmemorial polo común dos veciños.

É por iso que solicita que se revise a resolución e se acorde a ampliación do MVMC de San Salvador nos termos en que foi solicitado.

Ademais, con data 25.1.2018 a comunidade presenta un escrito de alegacións complementarias no cal vén rebater a validez dos títulos presentados polos particulares que pretenderon a exclusión das parcelas.

Na resolución de clasificación acordouse deixar fóra desta as parcelas de que os alegantes tiñan a titularidade catastral, pola presunción do artigo 3.3. do Real decreto lexislativo 1/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do catastro inmobiliario: “Salvo proba en contrario e sen prexuízo do Rexistro da Propiedade, cuxos pronunciamentos xurídicos prevalecerán, os datos contidos no Catastro inmobiliario presúmense certos” e considerando que tal presunción non resulta destruída pola comunidade solicitante da ampliación, o que é motivo suficiente para considerar a existencia dunha discusión de propiedade, e procede descontar as ditas parcelas da superficie en clasificación.

Non obstante, a parcela 238 do polígono 49, que reclamaba Camilo Miragaya Seijas e que modificou a súa titularidade catastral unha vez iniciado o expediente de clasificación, non foi excluída polo disposto no artigo 24 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común, que establece que: “Ningún terreo afectado por este poderá ser obxecto de alleamento, división ou gravame, ata que o Xurado dite a resolución oportuna”, e por considerar que o documento de partición achegado non acredita a correspondencia coas parcelas catastrais obxecto do expediente. As restantes alegacións feitas por este recorrente foron contestadas xa na propia resolución do expediente.

Considérase que as alegacións presentadas nun e noutro sentido non motivan unha modificación da resolución, ao non introduciren cuestións que non foran consideradas na dita resolución, e proponse desestimar os recursos presentados.

Examinados os ditos recursos, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimar os recursos de reposición interpostos, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa».

Lugo, 8 de abril de 2019

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo