Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Mércores, 24 de abril de 2019 Páx. 19824

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 de abril de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Dodro para relocalizar o solo urbanizable industrial S-01.

O Concello de Dodro solicita a aprobación definitiva da modificación referida, en virtude do disposto no artigo 60.16, en relación co artigo 83.5, da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo Concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Dodro dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por Orde da CMATI do 27.12.2010, cunha modificación puntual no solo rústico de protección de costas e no núcleo rural de Imo aprobada definitivamente por Orde da CMATV do 3.12.2018.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 22.5.2017 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decidiu non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, en Resolución do 26.6.2017.

4. Previamente á aprobación inicial, emitiron informes a secretaria-interventora, o 29.9.2017, e o arquitecto municipal, o 3.10.2017.

5. O Pleno do Concello de Dodro aprobou inicialmente a modificación o 5.10.2017. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 11.10.2017 e Diario Oficial de Galicia do 2.11.2017).

6. Constan certificacións da secretaria municipal do 18.2.2019 e do 28.3.2019 relativas ás alegacións presentadas no período de exposición pública e á emisión do informe do asesor xurídico municipal que considera anulada esa información pública.

7. O Pleno do Concello do 18.5.2018 decidiu someter de novo o acordo de aprobación inicial a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 29.5.2018, Boletín Oficial da provincia da Coruña do 30.5.2018 e Diario Oficial de Galicia do 31.5.2018), segundo certificación municipal do 3.8.2018.

8. Consta a emisión dos seguintes informes estatais:

– ADIF do 2.11.2017 e do 15.6.2018, favorables.

– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital) do 16.11.2017, favorable.

– Ministerio de Defensa do 28.11.2017.

– Delegación do Goberno en Galicia do 30.11.2017.

9. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 16.11.2017, indicando que non resulta necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 1.2.2018, favorable condicionado.

– Axencia Galega de Infraestruturas do 6.2.2018, favorable.

– Instituto de Estudos do Territorio do 9.2.2018, favorable condicionado.

10. Fóra do prazo previsto no artigo 60.7 da LSG emitíronse os seguintes informes:

– Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural do 25.6.2018 e posterior informe da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal do 30.10.2018, en que se considera beneficioso o cambio de localización do polígono, con condicións.

– Servizo de Infraestruturas Agrarias do 8.10.2018, favorable.

– Augas de Galicia, do 3.8.2018 e do 3.12.2018, favorables.

11. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Lousame, Padrón, Rianxo e Rois.

12. O arquitecto municipal emitiu informe o 17.1.2019, favorable.

13. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación o 21.2.2019.

14. A solicitude de aprobación definitiva realízase mediante oficio que ten entrada na Xunta de Galicia o 25.2.2019, e recíbese nova documentación o 26.2.2019 e o 12.3.2019. Con data do 21.3.2019, o Servizo de Urbanismo require ao Concello a achega de documentación, que se recibe o 22.3.2019 e o 28.3.2019.

15. En data do 2.4.2019 emitiuse o informe autonómico en materia de adaptación ao Plan de ordenación do litoral e o 9.4.2019, o informe en materia de costas.

II. Análise e consideracións.

1. A modificación tende a reclasificar o actual solo urbanizable delimitado industrial S-01 de 295.283 m2 como solo rústico de protección forestal e reclasificar como solo urbanizable industrial, coa mesma denominación S-01, un ámbito de 138.198 m2 que actualmente se encontra clasificado como solo rústico de protección agropecuaria e solo rústico de protección forestal, así como adscribir a este, como sistema xeral viario un ámbito de 5.527 m2 de solo rústico de protección de infraestruturas.

2. Arguméntase que o solo urbanizable industrial previsto actualmente no PXOM ten tipoloxía propia dun polígono de incidencia supramunicipal, mentres que non se encontra incluído no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia e que carece de viabilidade na actual situación socioeconómica, de xeito que se presenta como alternativa un solo urbanizable industrial de escala local, de menor superficie e situado nas proximidades dos principais núcleos de poboación do concello.

3. A proposta modifica ademais a forma de obtención do sistema xeral de zonas verdes ZVX-2 que se encontraba inscrito no solo urbanizable S-01 e pasa a ser obtido con cargo aos orzamentos municipais.

4. A modificación proposta está a situar parcialmente o sector de solo urbanizable delimitado industrial S-01, cunha edificabilidade de 0,6 m2/m2, nos primeiros 500 m da ribeira do mar, na zona de influencia de costas definida e regulada no artigo 30 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, en cuxa letra b) se exixe, en canto á planificación territorial e urbanística, que as construcións deberán de adaptarse ao establecido na lexislación urbanística, debendo evitar a formación de pantallas arquitectónicas ou acumulación de volumes, sen que, para os ditos efectos a densidade de edificación poida ser superior á media do solo urbanizable programado ou apto para urbanizar (delimitado) no termo municipal respectivo.

Como consecuencia, tendo en conta que a edificabilidade media ponderada que resulta dos sectores de solo urbanizable delimitado previstos no PXOM é de 0,53 m2/m2, o sector de solo urbanizable delimitado industrial S-01 non poderá exceder na súa edificabilidade a dita edificabilidade media ponderada.

Así mesmo, na tramitación do plan parcial que desenvolva o novo sector SUI-01, deberán obterse, con carácter previo á súa aprobación inicial e inmediatamente antes da súa aprobación definitiva, os preceptivos informes sectoriais, para a verificar o cumprimento do exixido no dito artigo 30 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Dodro, para relocalizar o solo urbanizable industrial S-01, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto 4 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda