Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 8 de abril de 2019 Páx. 17619

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de marzo de 2019 pola que se modifica a Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

Mediante a Orde do 17 de decembro de 2018 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 248, do 31 de decembro).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de outubro de 2018, na cal se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

A distribución inicial do Fondo de Compensación Ambiental destina un total de 1.707.578,00 € ao financiamento de subvencións en concorrencia competitiva. Tamén prevé a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas considérase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada para a liña en concorrencia competitiva, que se financiará con incorporacións de crédito procedente de exercicios anteriores, suposto previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 2.1.b) da Orde do 17 de decembro de 2018. De conformidade cos ditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Así mesmo, para optimizar o uso dos fondos dispoñibles considerouse necesario redistribuír a asignación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para o exercicio 2019, establecida no artigo 2.1.c) da Orde do 17 de decembro de 2018, nas aplicacións orzamentarias xestionadas pola Dirección Xeral de Administración Local que se destinan a financiar outras actuacións específicas de protección do ambiente. Este reaxuste non produce ningunha alteración no nivel de vinculación no importe total da aplicación orzamentaria afectada.

Tanto a ampliación do crédito coma a redistribución garanten o cumprimento da normativa de aplicación ao canon eólico como ingreso afectado que se debe xestionar a través do Fondo de Compensación Ambiental e a execución do mandato legal de aplicar os ingresos derivados do canon eólico á finalidade determinada na orde anual distribuidora do Fondo, segundo determina o artigo 25 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG núm. 252, do 29 de decembro).

En consecuencia co exposto, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co disposto na Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase parcialmente a distribución da asignación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para o exercicio 2019, establecida no artigo 2.1.c) da Orde do 17 de decembro de 2018 para a aplicación orzamentaria 05.23.141A.461.1 que, ao abeiro do previsto no artigo 25.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, se destina a financiar outras actuacións específicas de protección do ambiente. Esta redistribución non produce ningunha alteración a nivel de vinculación no importe total da aplicación orzamentaria afectada, que quedaría establecida nas seguintes contías:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Importe

Descrición

05.23.141A.461.0

2015 00168

400.000,00 €

Fondo de Compensación Ambiental (outras actuacións específicas)

05.23.141A.461.1

2013 00770

630.000,00 €

Outras actuacións do Fondo de Compensación Ambiental

Total

1.030.000,00 €

Artigo 2

1. Amplíase a dotación orzamentaria destinada a financiar a liña en concorrencia competitiva das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, que se establece nos artigos 2.a) e 13 da Orde do 17 de decembro de 2018.

2. O incremento da dotación será de 574.152,51 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.461.0 e de 863.037,26 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.761.0, ambas as dúas consignadas no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

A contía máxima das subvencións que se concedan na liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019 queda así establecida en 3.144.767,77 €, coa seguinte distribución por aplicacións:

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Importe adicional

Crédito total

05.23.141A.461.0

778.789,00

574.152,51

1.352.941,51

05.23.141A.761.0

928.789,00

863.037,26

1.791.826,26

Total

1.707.578,00

1.437.189,77

3.144.767,77

3. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo establecido no artigo 19.6 da Orde do 17 de decembro de 2018 para a presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza