Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 8 de abril de 2019 Páx. 17622

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de marzo de 2019 pola que se acorda a cesión definitiva de dous vehículos propiedade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza á Academia Galega de Seguridade Pública.

O Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dispón que esta é o órgano da Administración autonómica encargado da execución da política do Goberno galego en materia de emerxencias e interior, mentres que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ten atribuídas, entre outras funcións, a coordinación de policías locais e a planificación, asume a xefatura dos servizos de seguridade, a xestión e distribución dos recursos humanos e materiais destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, e a proposta ou resolución, de ser o caso, das cuestións relativas á selección, formación e perfeccionamento do persoal adscrito aos servizos policiais da Xunta de Galicia, derivada da dependencia funcional da Unidade do Corpo da Policía Nacional (UPA) adscrito á nosa comunidade autónoma, tal e como se establece no artigo primeiro da Orde do Ministerio do Interior do 19 de xuño de 1991.

O Decreto 74/2018, referido con anterioridade, sinala no seu artigo 4.b) que a Academia Galega de Seguridade Pública é un organismo autónomo adscrito á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e que axustará os seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro.

O artigo 4 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, establece que as súas funcións formativas no ámbito da formación policial son:

a) Elaborar os programas formativas e impartir os cursos dirixidos ao ingreso e á promoción interna nas distintas escalas dos corpos da policía de Galicia e das policías locais, así como a súa formación continua, perfeccionamento e especialización.

b) Colaborar coas administracións competentes na selección do persoal dos corpos da policía de Galicia e das policías locais.

c) Facilitar aos concellos os medios de coñecemento e información precisos para unha mellor execución dos servizos específicos das policías locais.

No marco do réxime legal regulador das relacións de colaboración, cooperación e coordinación, e logo da petición da Academia Galega de Seguridade Pública, considérase conveniente ceder a propiedade de dous vehículos pertencentes ao parque móbil da UPA e dependentes da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, para seren destinados a fins de utilidade pública e de interese social no eido da formación que se imparte aos corpos policiais.

Para tal fin, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza tramitou o expediente de conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 96 do regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 148/2016, da Presidencia da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade, a favor da Academia Galega de Seguridade Pública, dos seguintes bens mobles:

Marca: Ssangyong.

Modelo: Kiron.

Serie nº de bastidor: KPTS0B1FS7P070942.

Tipo: DJ/AFPL/AFB11.

Categoría: todo terreo

Nº de prazas: 5.

Data de matriculación: 19.12.2006.

Matrícula: 9771FYC.

Quilómetros: 298.626.

Marca: Nissan.

Modelo: Xtrail.

Serie nº de bastidor: JN1TENT30U0320711.

Tipo: T30/E01.

Categoría: todo terreo.

Nº de prazas: 5.

Data de matriculación:

Matrícula: 4806FJN.

Quilómetros: 325.786.

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido no artigo 82.5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 96 do regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, o ben cedido será destinado polo cesionario a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, para a formación do persoal da seguridade pública e a realización de prácticas policiais nas materias de condución de vehículos, destrezas, intervención e tránsito.

2. Se os bens cedidos non se aplicasen ao fin sinalado, considerarase resolta a cesión e reverterán ao cedente.

3. Coa cesión outorgarase á Agasp a transmisión da súa propiedade e deberá cumprir coas obrigacións da Dirección Xeral de Tráfico, realizar o trámite de cambio de titularidade dos vehículos, facerse cargo de todos os gastos de mantemento e reparación dos vehículos e os derivados do seu uso, do seguro e da inspección técnica de vehículos (ITV).

Artigo 3

A cesión terá carácter definitivo desde o momento da súa formalización mediante acta subscrita polas persoas titulares da Secretaría Xeral desta vicepresidencia e da Dirección Xeral da Agasp, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación da parte cesionaria.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 marzo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza