Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2019 Páx. 16663

III. Outras disposicións

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2019 pola que se convoca o V Congreso da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sobre disciplina urbanística: estado do urbanismo e retos para o futuro.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) ten encomendada a función de control e disciplina urbanística na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de protexer o territorio, a paisaxe e os valores naturais que dignifican a nosa comunidade. Para levar a cabo este cometido, a APLU intenta realizar accións formativas de interese xeral, tanto para os profesionais na materia urbanística como para a cidadanía en xeral, co propósito de que as medidas para loitar e evitar os ilícitos urbanísticos non sexan só represivas senón tamén preventivas, cumprindo a formación e difusión unha das súas principais liñas de acción.

Para iso, a APLU, en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local e da Afundación Obra Social Abanca, organiza o V Congreso denominado Disciplina urbanística: estado do urbanismo e retos para o futuro, que terá lugar en Santiago de Compostela os días 10, 11 e 12 de xuño de 2019, en que se contará con expertos de recoñecido prestixio nesta materia.

Así, dentro do plan de actividades da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para o ano 2019 e de acordo coas funcións atribuídas polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, así como do Plan de Inspección da APLU para os anos 2018-2019 convócase o V Congreso APLU sobre disciplina urbanística: estado do urbanismo e retos para o futuro, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Proporcionar aos destinatarios un espazo de reflexión sobre os principais retos e cuestións de actualidade que presenta o noso sistema urbanístico, os seus problemas, conflitos e posibles solucións. Asemade, preténdese ter unha visión de conxunto sobre solucións do noso contorno ante os principais retos que presenta a disciplina urbanística, os obxectivos marcados pola Axenda Urbana, a institución da mediación como unha forma de execución de sentenzas urbanísticas, a incidencia do artigo 108 da Lei da xurisdición contencioso-administrativa e a súa proxección sobre os dereitos adquiridos por terceiros afectados, así como a incorporación de políticas de vivenda e xénero na ordenación urbanística.

Neste sentido, co obxectivo de analizar a cuestión desde unha perspectiva global, contarase con expertos dos ámbitos académico, xudicial e administrativo, coa finalidade de que cada un deles achegue as súas experiencias e coñecementos, intentando entre todos propor posibles melloras para adoptar nas actuacións futuras de cara á consecución dun urbanismo sustentable. Nesta V edición destaca a incorporación de relatores internacionais cun importante recoñecemento no seu ámbito.

Para fomentar a participación e debate, o V Congreso mantén as novidades incorporadas na edición anterior, introducindo talleres en que poderán participar un número limitado de asistentes, en función da súa traxectoria profesional e referencia curricular.

De tal xeito, o V Congreso articulase os días 10 e 11 de xuño, con conferencias a cargo de recoñecidos e prestixiosos profesionais, así como paneis de expertos en que se fomentará o debate dos relatores e do público asistente. O día 12 de xuño, en sesión de mañá, dedicarase a talleres, en que poderán participar un número limitado de persoas inscritas no Congreso, que así o soliciten no momento da matriculación e que resulten admitidos pola organización.

Con posterioridade á realización deses talleres, formarase un grupo de traballo cos asistentes profesionais procedentes doutras administracións públicas que voluntariamente queiran participar, coa finalidade de compartir experiencias e xerar sinerxías en materia de disciplina urbanística. A participación neste grupo de traballo tamén se solicitará no momento de realizar a inscrición.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Un novo modelo urbano. Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable 2030.

– A cidade próxima.

– Deben as políticas de xénero incorporarse no urbanismo?.

– A mobilidade como eixe do desenvolvemento sustentable.

– A execución de sentenzas urbanísticas: a mediación como alternativa.

– Anulación de licenzas e demolicións urbanísticas: a propósito do artigo 108 LXCA.

– Medidas lexislativas para a seguridade xurídica do urbanismo.

– A cidade e a súa planificación no dereito público.

3. Talleres e grupo de traballo.

O mércores día 12 de xuño, en sesión de mañá, realizaranse seis talleres. A inscrición no taller é voluntaria e para garantir unha participación activa reducirase o aforo a un número reducido de participantes por taller.

No momento de matricularse no Congreso deberán solicitar, de estar interesados, a súa inscrición no taller elixido acreditando o interese e idoneidade para participar nel. Asemade, deberán achegar unha breve referencia curricular, segundo o formulario de inscrición.

Os participantes para integrar os respectivos talleres serán elixidos en función do seu perfil profesional, unha vez rematado o prazo de inscrición e antes do comezo do Congreso. Deste xeito, recibirán unha comunicación informándoos de estar admitidos no taller e outorgándolles un prazo para facer o ingreso da cota de inscrición do taller.

Cada asistente ao Congreso poderá participar nun só taller. No obstante, no caso de que queden prazas vacantes nalgún taller, a organización, en función da demanda existente, poderá permitir a asistencia a máis dun taller logo de pagamento da correspondente cota de inscrición.

As conclusións dos talleres poderán ser obxecto de publicación no enderezo web da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

De non obterse unha matrícula suficiente nalgún dos talleres, a organización poderá decidir que non se realice, ou a substitución por outro taller.

Os talleres propostos son os seguintes:

Taller 1: cidade compacta versus cidade difusa. Densidade apropiada.

Taller 2: actúa sobre a cidade existente. Experiencias prácticas.

Taller 3: repensando o planeamento urbanístico. Cal debería ser o seu contido?.

Taller 4: aspectos rexistrais do urbanismo.

Taller 5: control xudicial dos actos urbanísticos.

Taller 6: despoboamento rural: unha visión de conxunto.

Grupo de traballo: disciplina urbanística comparada.

O grupo de traballo está destinado a profesionais procedentes doutras administracións públicas que voluntariamente queiran participar, para a posta en común de distintas formas de actuación en materia de intervención urbanística.

A finalidade do grupo de traballo é xerar un foro de intercambio de sinerxías, experiencias e opinións entre representantes de distintas administracións.

A participación neste grupo de traballo tamén se solicitará no momento de realizar a inscrición e será gratuíta.

4. Comunicacións.

As persoas previamente inscritas no Congreso poderán presentar unha comunicación por participante que verse sobre temas relacionados co contido do programa. As comunicacións serán enviadas ao enderezo electrónico congreso.aplu@xunta.gal ata o 20 de maio de 2019 ás 15.00 horas.

As normas para a presentación das devanditas comunicacións estarán dispoñibles na web http://www.axenciaurbanistica.es.

5. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas, das universidades, persoal das entidades do sector público, xuristas, técnicos, profesionais e interesados en xeral.

Emitirase un diploma acreditativo da asistencia.

6. Desenvolvemento.

Lugar: auditorio Abanca. Santiago de Compostela.

Rúa do Preguntoiro, 23, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña.

Datas: 10 e 11 de xuño (mañá e tarde) e 12 de xuño de 2019 (tsalleres e grupo de traballo, en sesión de mañá).

Horario: 10 e 11 de xuño das 9.30 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 20.00 horas; 12 de xuño de 10.00 a 14.00 horas.

Duración: 18 horas (20 horas incluíndo a participación nun dos talleres).

7. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

8. Inscrición.

O importe da matrícula no Congreso é de vinte e cinco euros (25 €).

O importe da matrícula nos talleres é de quince euros (15 €). A matrícula nos talleres é opcional. Para matricularse nos talleres é requisito imprescindible estar matriculado no Congreso. O pagamento do taller farase efectiva unha vez que a persoa solicitante reciba a súa admisión no taller.

A organización poderá, en función da demanda dos talleres e cando quedaran prazas vacantes, admitir que unha mesma persoa solicitante poida realizar dous talleres o que comportará unha cota de quince euros por taller.

A participación no grupo de traballo previsto para o día 12 de xuño será gratuíta e circunscríbese a persoal doutras administracións públicas.

O persoal que, no período de matrícula, estea en servizo activo na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda terá a matrícula gratuíta. Os concellos adheridos á APLU, terán dereito a unha praza gratuíta por cada concello.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web da APLU: http://www.axenciaurbanistica.gal.

O prazo para inscribirse no Congreso estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 15.00 horas do día 3 de xuño de 2019.

O prazo para solicitar a inscrición nos talleres e presentar comunicacións estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 15.00 horas do día 20 de maio de 2019.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, no teléfono: 981 54 43 25 ou no enderezo electrónico congreso.aplu@xunta.gal.

9. Modificacións.

A APLU resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste congreso, así como a facultade de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Certificado de asistencia oficial.

Entregarase un certificado de asistencia telemático, que se enviará ao enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición, a aquelas persoas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do Congreso e o selo oficial da institución.

Os asistentes ao taller terán unha acreditación no propio certificado de asistencia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2019

José Antonio Cerdeira Pérez
Director xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística