Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2019 Páx. 16746

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 21 de marzo de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública a separata da modificación do proxecto de construción do acceso ao Parque de Actividades Económicas de Arteixo, de clave AC/17/166.01.M1.

Antecedentes:

A proximidade do municipio de Arteixo coa área urbana da Coruña e a súa importancia estratéxica, determinada polas vías de alta capacidade A-6 e AG-55 e o porto exterior, outórgalle un papel preponderante como elemento aglutinador da demanda de solo empresarial da área metropolitana da Coruña.

En resposta a estas necesidades, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, apoiado no Estudo de viabilidade do Polígono de Actividades Económicas de Arteixo, promoveu a actuación que o proxecto sectorial desenvolve, é dicir, as actuacións do Parque de Actividades Económicas de Arteixo (Acteca) como un novo complexo multifuncional, con potencialidades de desenvolvemento a curto, medio e longo prazo, para a prestación conxunta de servizos á totalidade do conxunto do nodo loxístico da Coruña.

Así, o 2.4.2004, o Consello da Xunta de Galicia declara o Proxecto sectorial do Parque de Actividades Económicas de Arteixo como de incidencia supramunicipal, o 27.12.2004 a Consellería de Medio Ambiente realiza a declaración de impacto ambiental deste e a Axencia Galega de Infraestruturas aproba con data 12.9.2018 o proxecto de construción Acceso ao Parque de Actividades Económicas de Arteixo, cuxo obxecto é a definición dos traballos necesarios para dotar o Parque de Actividades Económicas de Arteixo dunha conexión coas estradas autonómicas AC-551, AC-552, a autovía de peaxe AG-55 e a autovía A-6, proxectándose un enlace tipo trompeta de catro ramais, situado na estrada AC-551, entre a saída número 8 da AG-55 e a glorieta de Arteixo, situada na AC-552.

Adxudicadas as obras e iniciados os seus traballos previos, ponse de manifesto unha serie de incidencias que implican a necesidade de realizar modificacións no proxecto adxudicado.

Dos estudos realizados conclúese que a construción dos elevados desmontes en rocha previstos no proxecto inicial obrigarían a cortar a AC-551 durante meses para permitir executar a totalidade das voaduras necesarias. Esta estrada é na actualidade o único acceso con capacidade suficiente ao polígono industrial de Sabón desde a A-6, cunha IMD (intensidade media diaria) superior aos 15.000 vehículos diarios, polo que o seu corte xeraría un forte impacto económico ás empresas radicadas no dito polígono, ao comprometer o seu normal funcionamento.

Por todo isto, maniféstase a necesidade de modificar o deseño do enlace para poder manter en servizo a AC-551, e autoriza o Director da Axencia Galega de Infraestruturas a súa redacción con data 7 de marzo de 2019.

A modificación consistirá en cambiar a tipoloxía do enlace definido no proxecto, de tipo trompeta, por un enlace consistente na construción dunha glorieta elevada sobre a AC-551. Con esta solución conséguese:

• Encaixar os ramais de acceso con pendentes e raios de xiro acordes coa normativa de trazado de estradas e eliminar un trazado problemático que afectaría directamente o tronco da AC-551.

• Reducir a ocupación en planta da obra, con menores alturas de desmonte e acadar un balance de terras compensado.

• Unha mellor compresión do enlace por parte dos condutores e posibilidades de trenzado de carrís de maior lonxitude que as existentes no proxecto orixinal, o que se traduce nunha mellor funcionalidade e maior garantía de seguridade viaria.

Deste xeito, a solución construtiva do enlace que se propón neste proxecto modificado, para acadar a conexión coas estradas autonómicas AC-551, AC-552, a autovía de peaxe AG-55 e a autovía A-6, ten as seguintes características:

• A conexión a distinto nivel acádase mediante unha glorieta superior de 32 metros de raio, situada sobre o tronco actual da AC-551. Para isto é preciso executar dúas estruturas de paso sobre a AC-551, cunha luz libre de 16 metros e un largo de taboleiro de 15 metros.

• Desde esta glorieta superior parte unha vía directa en dirección N-S de conexión coa trama de avenidas troncais do parque empresarial.

• Conexión da AC-551:

– Coa glorieta superior, en sentido Sabón, dispóñense ramais con carrís e cuñas de cambio de velocidade que permiten salvar a cota existente entre o trazado actual da AC-551 e a existente na glorieta superior.

– Coa vía de acceso ao polígono, en dirección A-6, resólvese con ramais que configuran lazos directos independentes.

• Conexión da AG-55:

– O actual lazo de saída da AG-55, que canaliza o movemento AG-55-AC-551 en dirección Sabón é substituído por un novo ramal que permite, por unha parte, conectar directamente coa glorieta superior de acceso ao parque empresarial, e, por outra, a través dunha segregación, conectar directamente coa AC-551 unha vez superada a glorieta superior, evitando trenzados e independizando os distintos movementos do enlace.

– A actuación complétase coa ampliación da capacidade da AC-551, de xeito que se aumentan os seus carrís para facelos homoxéneos coa sección tipo de catro carrís existente no seu treito final.

A pesar de que a modificación só afecta un cambio da tipoloxía do enlace, sen ter novas afeccións, e cunha funcionalidade superior, para os efectos de dar unha maior seguridade xurídica, proponse someter a información pública, para os efectos do artigo 21 de la Lei 8/2013 de estradas de Galicia, dado que tal e como establece o artigo 23.1 desa mesma lei:

Os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio.

Considerando todo o exposto e o establecido na normativa vixente,

RESOLVO:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e no artigo 50 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, a dita separata do proxecto modificado sométese ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado deseñado.

Segundo. A exposición ao público, para os efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña) e na casa do Concello de Arteixo (praza Alcalde Ramón Dopico, 1, 15142 Arteixo, A Coruña). Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas) atópase á disposición dos interesados o documento completo da separata do proxecto de construción.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2019

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas