Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Venres, 22 de marzo de 2019 Páx. 15582

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de marzo de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Melide na UA-4.

O Concello de Melide solicita a aprobación definitiva da referida modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento, en virtude do artigo 60.16, en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Melide conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo o 7 de abril de 1994 (NSP).

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 17 de xuño de 2016 para efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decidiu non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, mediante a Resolución do 27 de xullo de 2016.

4. O Pleno do Concello de Melide aprobou inicialmente a modificación o 28 de setembro de 2017. Foi sometida a información pública durante o prazo de dous meses (El Correo Gallego do 22 de decembro de 2017 e Diario Oficial de Galicia do 2 de xaneiro de 2018), sen se presentaren alegacións.

5. Consta a emisión dos seguintes informes estatais:

– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 22 de maio de 2018, favorable.

– Ministerio de Defensa, do 30 de abril de 2018, sen obxeccións.

– Delegación do Goberno en Galicia do 16 de maio de 2018, sen obxeccións.

– Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica) do 16 de xullo de 2018, sen obxeccións.

6. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 15 de xaneiro de 2018, onde se sinala a innecesariedade de sometemento a informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 2 de abril de 2018, favorable condicionado.

– Instituto de Estudos do Territorio do 12 de abril de 2018, sen obxeccións.

– Axencia Galega de Infraestruturas do 13 de abril de 2018, favorable.

Non consta a emisión do informe solicitado á Dirección de Augas de Galicia, tras rematar o prazo previsto no artigo 60.7 da LSG para a súa emisión con data do 11 de abril de 2018, polo que se entende emitido en sentido favorable (artigo 60.7 da LSG).

7. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Toques, Sobrado, Palas de Rei, Santiso, Boimorto e Arzúa, sen se recibir resposta.

8. Emitiron informes favorables previos á aprobación provisional o arquitecto municipal con data do 26 de setembro de 2018 e o asesor xurídico municipal con data 1 de outubro de 2018. A secretaria municipal emitiu informe o 21 de novembro de 2018 e a interventora municipal o 23 de novembro de 2018.

9. O Concello Pleno de Melide aprobou provisionalmente a modificación o 5 de decembro de 2018.

10. A solicitude de aprobación definitiva realízase mediante oficio que ten entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 11 de xaneiro de 2019.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten como finalidade mudar o uso global do ámbito de solo urbano non consolidado UA-4 de residencial a terciario comercial en edificio exclusivo, mantendo unha pequena porcentaxe de uso residencial.

2. Ademais, a modificación redelimita esa unidade de execución UA-4, coa exclusión do seu extremo sueste, que se inclúe no solo urbano non consolidado lindeiro UA-5, reordena pormenorizadamente o ámbito da UA-4 e remite a un futuro plan especial de reforma interior o desenvolvemento da UA-5, que conta actualmente con ordenación pormenorizada nas normas subsidiarias de planeamento.

3. A modificación establece unha zona para uso comercial exclusivo de 5.335 m², un ámbito para a aplicación da ordenanza denominada «residencial intensiva en ringleira» das normas subsidiarias vixentes de altura baixo+3+baixo cuberta, un espazo libre público de 2.311 m², e un espazo de equipamento público de 501 m², de altura baixo+1. Estes espazos públicos substitúen a zona verde prevista da UA-4 de 3.000 m².

4. O novo plan especial de reforma interior para o desenvolvemento da UA-5 supón unha redución da edificabilidade do ámbito, por aplicación da disposición transitoria primeira da LSG ás normas subsidiarias, respecto da ordenación actualmente vixente nun 40 %, aproximadamente. A edificabilidade máxima pasa a ser de 12.891 m² de uso global residencial, con 2.500 m² de espazos libres públicos e 1.300 m² de equipamentos públicos. Estes espazos públicos substitúen un espazo libre público previsto de 5.300 m².

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación achegada polo Concello de Melide, púidose observar que está completa, e acadou a integridade documental exixida.

Así mesmo, e posta en comparación coa normativa urbanística vixente que lle resulta aplicable, comprobouse o axuste da modificación a ela, sen que caiba formular obxeccións á proposta municipal.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, de 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 4 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Melide.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a dita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda