Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Venres, 22 de marzo de 2019 Páx. 15586

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de marzo de 2019 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Quiroga (Lugo).

O Concello de Quiroga eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Tras examinar a documentación achegada polo Concello en relación coas consideracións sinaladas na Orde do 1 de abril de 2016 da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1.1. Planeamento municipal vixente.

O planeamento xeral vixente no Concello de Quiroga son as normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente en data do 21 de marzo de 1995, con catro modificacións puntuais (AD 26.9.1996, 17.2.1998, 14.2.2000 e 6.7.2005). No seu desenvolvemento aprobouse o Plan parcial do parque empresarial (AD 22.12.1994).

1.2. Tramitación.

1. Con data do 29 de xaneiro de 2008 iníciase na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o procedemento de avaliación ambiental estratéxica, coa presentación polo promotor do documento de inicio. Previamente constan como antecedentes unha aprobación inicial do PXOM polo Concello Pleno do 25 de novembro de 2005, logo de informe do artigo 85.1 da LOUG emitido o 4 de maio de 2005 pola CPTOPT.

2. Consta informe técnico municipal do 3 de xaneiro de 2009 respecto da calidade técnica da ordenación proxectada.

3. O 2 de febreiro de 2009 o Concello Pleno acordou aprobar inicialmente de novo o PXOM, incluíndo o informe de sustentabilidade ambiental (ISA) e sometelo a información pública mediante anuncios no DOG do 3 de febreiro de 2009 e nos diarios La Voz de Galicia e El Progreso do 11 de febreiro de 2009. No DOG do 27 de abril de 2009, ampliouse o prazo de exposición pública un mes máis.

4. Deuse audiencia aos concellos limítrofes e solicitáronse informes sectoriais. Responderon:

– O Concello de Larouco.

– A Demarcación de Estradas do Estado, Ministerio de Fomento.

– A Dirección Xeral de Ferrocarril, Ministerio de Fomento.

– A Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

– A Dirección Xeral de Telecomunicacións, Ministerio de Industria.

– A Dirección Xeral de Infraestruturas, Consellería de Medio Ambiente.

– A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Consellería de Medio Ambiente.

– A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Consellería de Cultura.

– A Dirección Xeral de Montes, Consellería do Medio Rural.

5. Mediante Resolución do 4 de novembro de 2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite a memoria ambiental do procedemento de avaliación ambiental estratéxica (DOG do 9 de decembro).

6. Consta informe da Secretaría municipal do 13 de novembro de 2014 previo á aprobación provisional.

7. O 25 de novembro de 2014 o Concello en Pleno acordou aprobar provisionalmente o PXOM.

8. Con data do 9 de febreiro de 2015 emitiuse informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a adecuación do PXOM ás determinacións da memoria ambiental.

9. En cumprimento da integridade documental do plan, o Concello de Quiroga achega en datas 11 de maio de 2015 e 29 de febreiro de 2016 documentación complementaria aprobada polo Pleno do Concello do 29 de outubro de 2015.

10. O 1 de abril de 2016 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu orde sobre a aprobación definitiva, de acordo co artigo 85.7.b) da LOUG en que non se outorgaba a aprobación e se sinalaban unha serie de deficiencias para emendar.

11. O 28 de decembro de 2018 o Concello Pleno aprobou provisionalmente o texto refundido do PXOM de Quiroga, que incorpora as correccións da citada orde e dos informes sectoriais do Ministerio de Fomento e da Secretaría do Estado para a Sociedade da Información.

12. O Consello da Xunta de Galicia, en sesión do 7 de marzo de 2019, acordou autorizar a delimitación dos núcleos rurais encravados dentro do solo rústico de especial protección de espazos naturais, segundo o previsto no artigo 32.2.f) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

II. Análise e consideracións.

Analizado o novo documento do PXOM, púidose comprobar que se emendaron ou xustificaron suficientemente as deficiencias sinaladas na Orde sobre aprobación definitiva do 1 de abril de 2016. Porén, cómpre formular as seguintes observacións:

1. O 24 de outubro de 2012 a Dirección Xeral de Patrimonio emite informe favorable condicionado ao PXOM. Mediante informe do 22 de marzo de 2016, esa dirección xeral considera que non se cumpriron todas as condicións, sobre todo canto a que:

• As alturas máximas na ordenanza RC deberán coincidir coas permitidas na ordenanza CA do mesmo quinteiro.

• De acordo coa disposición transitoria sexta da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o trazado do Camiño de Inverno estenderase á totalidade dos solos de núcleo rural tradicional delimitados que atravese e a trinta metros nos solos rústicos de calquera natureza, excluídos os solos urbanos e as infraestruturas.

2. A pequena parte ao norte do parque empresarial clasificada como urbano consolidado con ordenanza IPE deberá ser clasificada como solo rústico de protección ordinaria e de especial protección de infraestruturas na franxa da liña límite de edificación da estrada.

3. O ámbito de ordenanza RE-1 ao norte do SUNC-5 contén varias parcelas sen acceso público segundo a información catastral, polo que, de ser o caso, deberá ser sometida a un procedemento de regularización de predios.

4. A exclusión de terreos da categoría de solo rústico de espazos naturais, ao abeiro do artigo 28 das normas subsidiarias provinciais, nas zonas de explotación mineira, deberá seguir o criterio de excluír as zonas efectivamente explotadas e non a totalidade dos terreos das cuadrículas mineiras.

5. Segundo o artigo 32.2.d) da LOUG, fóra dos núcleos rurais e do solo urbano, cómpre clasificar como rústico de protección de augas a totalidade dos terreos recollidos como canles naturais, ribeiras e marxes das correntes de auga dispoñibles na cartografía hidrográfica oficial da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Quiroga, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda