Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 7 de marzo de 2019 Páx. 12984

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Segunda)

EDICTO de notificación da Sentenza 443/2017 que anula a Orde do 26 de decembro de 2014, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana de Pontevedra, para establecer e regular o uso do crematorio.

O letrado da Administración de xustiza, José Miguel Formoso Sobrado, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fai saber que nos autos de procedemento ordinario nº 4110/2015 foi pronunciada sentenza, que é firme desde o 10 de xaneiro de 2019, por inadmisión a trámite do recurso de casación, e é do seguinte teor literal:

«Sentenza 443/2017.

Procedemento ordinario nº 4110/2015.

En nome do rei a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pronunciou a seguinte,

Sentenza.

Julio César Cibeira Yebra-Pimentel, presidente.

José Manuel Ramírez Sineiro.

Blanca María Fernández Conde.

María Azucena Recio González.

A Coruña, 16 de novembro de 2017.

No recurso contencioso-administrativo que co número 4110/2015 está pendente de resolución nesta sala, interposto polo procurador Jorge José Astray Suárez, en nome e representación da Plataforma de Crematorios Non en Pontevedra Leste, asistida do letrado Benito Rodríguez Bouzas, contra a Orde do 26 de decembro de 2014, publicada no DOG do 4 de febreiro de 2015, sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana de Pontevedra, para establecer e regular o uso do crematorio. É parte demandada a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, representada e dirixida polo letrado da Xunta de Galicia; e codemandada o Concello de Pontevedra, representado polo procurador Manuel Cupeiro Cagiao e asistido do letrado Xabier Munaiz Alonso. A contía do recurso é indeterminada.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante decreto admitiuse a trámite o recurso e foi requirida a Administración demandada para que remitise o expediente.

Segundo. Mediante dilixencia de ordenación acordouse a súa entrega á parte demandante para que formulase a demanda no prazo de 20 días, o que efectuou pedindo que se teña por formalizada e se dite sentenza pola cal, estimando o recurso, se declare a nulidade da disposición impugnada.

Terceiro. Por dilixencia tívose por presentada a demanda e deuse traslado á demandada para que a contestase no prazo de 20 días, o que efectuou pedindo que se desestimase o recurso e se confirmase a resolución impugnada. A parte codemandada fai pedimento no mesmo senso.

Cuarto. Fixouse a contía do recurso en indeterminada e as actuacións quedaron pendentes de sinalamento para votación e resolución, e sinalouse o día 16 de novembro de 2017 para deliberación.

Quinto. Na substanciación deste recurso observáronse as prescricións legais.

É relatora a maxistrada María Azucena Recio González.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro. O obxecto do presente recurso constitúeo a Orde do 26 de decembro de 2014, publicada no DOG do 4 de febreiro de 2015, sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana de Pontevedra, para establecer e regular o uso do crematorio.

Nos feitos da demanda, en síntese, nárrase que de maneira torta se evita o sometemento a avaliación ambiental estratéxica no seu conxunto de proxectos, sen incluílos no plan xeral, evitando así o control e participación dos cidadáns e remitindo á solicitude de avaliación ambiental individual de cada proxecto, o que impide unha valoración conxunta dos efectos nocivos con incidencia ambiental, na saúde e na calidade da auga dos cidadáns; non está de acordo coa distancia establecida para os fornos crematorios, a diferenza da existente noutras localidades; refire que se trata dunha actividade industrial potencialmente contaminante con incidencia directa no ambiente e na saúde das persoas; que os empresarios si que foron notificados individualmente no expediente de modificación puntual do planeamento pero non os demais cidadáns, cuxas alegacións foron desestimadas, o que dá lugar á publicación con infracción do artigo 14 da CE. Faise referencia ao risco para a saúde das persoas; á carencia de xustificación do proxecto de modificación impugnado, a que os cidadáns non poden coñecer as solicitudes de crematorios, a que modifica considerablemente o PXOU de maneira que afecta todas as clasificacións e cualificacións de solo no municipio sen realizar a correspondente avaliación ambiental estratéxica, cando hai proxectos que non a superaron; non se fai referencia a que o PXOU vixente carece de avaliación ambiental estratéxica en relación coa instalación de varios crematorios. A xustificación da modificación encóntrase na ausencia de zonificación de protección para estes usos na normativa autonómica e falta de ordenación urbanística no PXOU, para a preservación do dereito ao ambiente e calidade de vida no ámbito residencial do concello, e a parte demandante considera a existencia de solos urbanizables e urbanizados no municipio para usos industriais desta categoría, pero o que non prevé é o desenvolvemento dun crematorio como o de San Amaro en solo rústico ordinario non urbanizado estremeiro con solo residencial, que agora si se permite; non se razoa en que consiste a mellora de calidade de vida e do ambiente establecendo unha zona de protección de 50 metros; afecta os municipios limítrofes; ao non establecer distancia a norma autonómica, debe dar lugar a establecer unhas distancias idénticas, polo lexislador autonómico, para o mesmo territorio ou poboacións de similares características. Trátase dunha competencia autonómica e non local, de carácter lexislativo. Cando se asina esta modificación, o 26 de decembro de 2014, xa se publicara no DOG do 11 de decembro de 2014 o Decreto 151/2014, de sanidade mortuoria de Galicia, que entrou en vigor un mes despois, e que só faculta os concellos, en materia de distancias, na construción de novos cemiterios, a regular distancias superiores. Insístese na necesidade de avaliación ambiental estratéxica; infracción do artigo 2.i da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro; da Lei 6/2007, do 11 de maio, artigo 6; a Lei 21/2013, do 9 de decembro, artigo 6.1.

Canto á fundamentación xurídica da demanda, considera infrinxidos os artigos 35 e 37 da Carta europea de dereitos fundamentais pola omisión da información necesaria en materia ambiental no expediente en relación cunha actividade contaminante en que se regula unha distancia de seguranza de 50 metros á poboación, con risco para a saúde por ser actividade potencialmente contaminante no Decreto 13/2008 de Galicia e Real decreto 100/2011, artigo 8, da Lei 16/2002, Lei 27/2006, artigos 3 e 5, e Directiva 2003/4/CE, artigo 2.i) da Lei 1/1995.

Desviación de poder e arbitrariedade do órgano propoñente da modificación e da consellería por atender a intereses que non son os públicos, omítese información sobre os proxectos en tramitación, en contra dos dereitos dos artigos 33.2, 45.1 e 47 da CE. Non se xustifica o motivo de establecer a distancia de 50 metros de protección, invadindo unha materia reservada á normativa de emisións á atmosfera e protección do ambiente que corresponde ao Estado e á Comunidade Autónoma, sen xustificar a ausencia de incidencia na saúde e o ambiente. Refire as mesmas circunstancias que nos feitos da demanda.

Infracción da Directiva comunitaria 2001/42/CE, que exixe que as modificacións puntuais de planeamento deben ser sometidas a avaliación ambiental estratéxica cando regulan situacións para unha pluralidade de proxectos identificados nun ámbito xeográfico como é o de Pontevedra, cando non están amparadas por unha avaliación ambiental estratéxica do plan xeral vixente. Infracción do artigo 6.1 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental estratéxica, que é lexislación básica estatal ao abeiro do artigo 149.4.23 da CE.

Mentres que a parte demandada fai un extracto dos motivos en que se basea a demanda:

1. Inadecuada avaliación ambiental.

2. Arbitrariedade na fixación da distancia de 50 metros coas vivendas.

3. Desviación de poder para conseguir coa reforma do plan un fin distinto do que se enuncia.

E remítese ao disposto na Lei 9/2006, hoxe Lei 21/2013, e, en concreto, aos criterios do anexo II. Sinala que foron consultadas as administracións competentes e se someteu a información pública, e que como non se reclasifica o solo nin se modifica a intensidade de uso nin altera os sistemas xerais –só regula un uso determinado– non se esperan efectos ambientais significativos, sempre que se cumpra a normativa sectorial canto a emisións á atmosfera e se garanta a inexistencia de riscos para a saúde, considérase que non é necesario, así o di o órgano competente. Aínda que si que se sinala que os fornos crematorios deben cumprir co establecido na Lei 34/2007, sobre calidade do aire e protección da atmosfera e normativa de desenvolvemento, e someterse ao procedemento de avaliación da incidencia ambiental. Que só se trata, con esta modificación, de regular este uso e que non concorre ningún dos supostos dos respectivos puntos do anexo II, que contén os criterios para determinar a posible significación dos efectos sobre o ambiente, e será cos proxectos de crematorio cando se exixa, pois só se modifica o plan para sinalar as condicións a que se deberán someter os crematorios no termo municipal, desde un punto de vista urbanístico. Que con esta modificación se establece que a distancia que debe ser respectada é a de 50 metros, con relación aos usos residenciais, terciarios ou equipamentos comunitarios. Que antes non había distancia e se aplicaba a das actividades industriais.

Con relación á arbitrariedade ao fixar a distancia de 50 metros para as instalacións de crematorio con respecto ás vivendas, sinala que non hai norma que fixe a distancia e é unha potestade discrecional do planificador; que non vulnera ningunha norma; a de 500 metros é para os cemiterios novos, pero non é o caso; non hai norma que fixe a distancia mínima para os crematorios e a normativa de sanidade mortuoria a fixa só para os cemiterios.

E con relación á desviación de poder, refírese á súa inexistencia pois do que se trata é de regularizar e abaratar custos aos empresarios do sector que teñen proxectos para poderen instalarse en solos máis baratos e próximos ao centro urbano, e para regularizar unha situación e remítese aos artigos 53 e 104 da LOUGA.

Mentres que a defensa do Concello de Pontevedra insiste no mesmo senso de que se trata de regular o uso de crematorio; o que incide no ambiente é a actividade de crematorio; que se trata de non situalos en zonas residenciais; os crematorios son os que deben someterse ao procedemento de avaliación da incidencia ambiental; e que se trata de establecer a compatibilidade deste tipo de uso segundo a clasificación e cualificación do solo de que se trate. Si que houbo información pública e puideron participar os cidadáns.

Con relación á distancia dos 50 metros, refírese á zona de protección arredor do cemiterio de 50 metros, artigo 47 do Decreto 134/1998, e artigo 53 do Regulamento estatal de policía sanitaria mortuoria, 2263/1974, de onde deriva a obrigación para os municipios de maior poboación de disporen de crematorio de cadáveres dentro do recinto do cemiterio, razón pola cal se acudiu a fixar esa distancia de 50 metros, pois era necesario regular este uso e isto é o que xustifica a modificación do planeamento, e entre crematorios e usos residenciais fíxase unha distancia mínima de 50 metros.

Segundo. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, explica na súa exposición de motivos que, en materia de ambiente, a regulación básica estatal e a autonómica de desenvolvemento deben asegurar, por imperativo do artículo 45 da Constitución, a protección e preservación do ambiente, para o cal un marco básico e común é absolutamente indispensable; e que a presente lei se asenta na competencia exclusiva do Estado en materia de lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección (artigo 149.1.23.a) da Constitución).

Conforme dispón no seu artigo 6, sobre o ámbito de aplicación da avaliación ambiental estratéxica, “1. Serán obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica ordinaria os plans e programas, así́ como as súas modificacións, que adopte ou aprobe unha administración pública e cuxa elaboración e aprobación veñan exixidas por unha disposición legal ou regulamentaria ou por acordo do Consello de Ministros ou do Consello de Goberno dunha comunidade autónoma, cando:

a) Establezan o marco para a futura autorización de proxectos legalmente sometidos a avaliación de impacto ambiental e se refiran á agricultura, gandaría, silvicultura, acuicultura, pesca, enerxía, minaría, industria, transporte, xestión de residuos, xestión de recursos hídricos, ocupación do dominio público marítimo terrestre, utilización do medio mariño, telecomunicacións, turismo, ordenación do territorio urbano e rural, ou do uso do solo; ou ben,

b) Requiran unha avaliación por afectaren espazos da Rede Natura 2000 nos termos previstos na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

c) Os comprendidos no número 2 cando así́ o decida caso por caso o órgano ambiental no informe ambiental estratéxico de acordo cos criterios do anexo V.

d) Os plans e programas incluídos no número 2, cando así o determine o órgano ambiental, por solicitude do promotor.

2. Serán obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica simplificada:

a) As modificacións menores dos plans e programas mencionados no número anterior.

b) Os plans e programas mencionados no número anterior que establezan o uso, a nivel municipal, de zonas de reducida extensión.

c) Os plans e programas que, establecendo un marco para a autorización no futuro de proxectos, non cumpran os demais requisitos mencionados no número anterior”.

Conforme sinala a STS, Contencioso Sección 5 do 10 de novembro de 2015, Recurso 1658/2014, sobre a ausencia de avaliación ambiental estratéxica en Plan xeral de ordenación urbana, que deu lugar á nulidade de pleno dereito do acto de aprobación definitiva, e en que procede a estimar o recurso de casación ao terse incumprido na aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación urbana de Vigo o trámite de avaliación de impacto ambiental estratéxica a pesar da data de tal aprobación e entendendo, ademais, que non está debidamente xustificada a inviabilidade dese trámite. En consecuencia, declarou a nulidade dos acordos aprobatorios e do Plan xeral de ordenación urbana impugnados por considerar que se vulnerara o establecido pola Lei 9/2006, do 28 de abril, e pola Directiva comunitaria 2001/42/CE, do 27 de xuño. Nese suposto concreto declarárase inviable, por razóns de présa na execución de determinadas infraestruturas e proxectos, o sometemento ao trámite de avaliación ambiental do plan xeral, considerando que era de aplicación a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente. Dise nela que “… como esta sala e sección do Tribunal Supremo declarou, entre outras, nas súas sentenzas do 11 de novembro de 2014 (recurso de casación 2058/2012), 23 de decembro de 2014 (recurso de casación 3158/2012), 3 de febreiro de 2015 (recurso de casación 35/2013), 18 de maio de 2015 (recurso de casación 2524/2013) e 25 de setembro de 2015 (recurso de casación 464/2014), nas cales expresamos que os intereses públicos que aparecen vinculados á aprobación de calquera plan, o atraso que sempre debe levar na súa aprobación a substanciación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica ou a suxeición dos plans e proxectos de execución posterior á avaliación, nin tampouco que se respectasen no procedemento de aprobación do plan os principios de transparencia e participación pública, son xustificación para eludir o trámite de avaliación ambiental estratéxica, imposto polos artigos 7 e 9 da Lei 9/2008, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente”.

“…A Administración autonómica ambiental empregou neste caso, a fin de xustificar a inviabilidade de someter o Plan xeral de ordenación municipal de Vigo a avaliación ambiental, idéntica argumentación á que uns meses despois, o 20 de outubro de 2008, utilizou para xustificar a inviabilidade de someter o Plan xeral doutro municipio, concretamente Teo, á dita avaliación ambiental, xustificación que esta sala do Tribunal Supremo, na súa referida Sentenza do 23 de decembro de 2014 (recurso de casación 3158/2012), declarou insuficiente e inxustificada, doutrina que agora reiteramos polas razóns que acabamos de expresar, determinantes todas elas da estimación do motivo de casación invocado, ao terse vulnerado o establecido pola Lei 9/2006, do 28 de abril, e pola Directiva comunitaria 2001/42/CE, do 27 de xuño.

Por idénticas razóns ás que deixamos expostas para estimar o indicado motivo de casación, chegamos á conclusión de que, ao terse incumprido na aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Vigo o trámite de avaliación de impacto ambiental estratéxica, a pesar da data de tal aprobación e de que non está debidamente xustificada a inviabilidade dese trámite, en contra do establecido concordadamente no artigo 7 e no número 2 da disposición transitoria primeira da Lei 9/2006, do 28 de abril, e na Directiva comunitaria 2001/42/CE, do 27 de xuño de 2001, os acordos aprobatorios e o Plan xeral de ordenación municipal de Vigo impugnados deben ser declarados radicalmente nulos, segundo o disposto concordadamente polos artigos 62.2 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, 68.1.b), 70.2, 71.1 e 72.2 da Lei da xurisdición contencioso-administrativa”.

Ou, como se indica na STS, Contencioso sección 5 do 23 de decembro de 2014, Recurso 3158/2012, ha lugar ao recurso de casación interposto contra sentenza que confirmou a aprobación definitiva de Plan xeral de ordenación municipal por considerar a procedencia do sometemento do plan á avaliación ambiental estratéxica, á cal non foi sometido a pesar de estar suxeito a esa avaliación conforme o establecido na Directiva 2001/42/CE, do 27 de xuño, e na Lei 9/2006, do 28 de abril, que a traspuxo ao ordenamento interno, razón pola cal, con estimación do recurso contencioso-administrativo, procedeu a declarar nulo de pleno dereito o Plan de ordenación urbana. Neste caso, partíase de que foi a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible a que declarou a inviabilidade do sometemento do PXOM de Teo aos trámites de avaliación ambiental estratéxica previstos na Lei 9/2006. Nela dicíase o seguinte: “…Pois ben, imos explicar que, efectivamente, contrariamente ao establecido na Lei 9/2006 e no texto refundido da Lei do solo, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2008, así como na Directiva comunitaria 2001/42/CE, do 27 de xuño, o Plan xeral de ordenación municipal de Teo, aprobado definitivamente por Orde do 4 de xuño de 2010 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, non foi sometido a avaliación de impacto ambiental estratéxica a pesar de que este trámite esencial era necesario conforme o disposto nas referidas normas e en contra do parecer da sala sentenciadora e das administracións urbanísticas demandadas e, agora, recorridas”.

“…Como acabamos de indicar, o Plan xeral de ordenación municipal de Teo foi aprobado definitivamente pola Orde impugnada do 4 de xuño de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 112, do 15 de xuño de 2010.

Segundo consta na Resolución do 20 de outubro de 2008 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, a que se refire a sala de instancia no fundamento xurídico terceiro da sentenza impugnada, pola que se declarou a inviabilidade do sometemento do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Teo aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, …”.

“…De toda esta tramitación dedúcese que, conforme o establecido na disposición transitoria primeira 2 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, e a súa interpretación xurisprudencial (Sentenza desta sala e sección do 11 de novembro de 2014 –recurso de casación 2058/2012–), a Administración autonómica, contrariamente ao considerado polo tribunal de instancia, non xustificou a inviabilidade de someter o Plan xeral de ordenación municipal de Teo a avaliación de impacto ambental, xa que as razóns expresadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible teñen un carácter xenérico e, por tanto, non se demostrou que, no caso concreto, resulte inviable o seu sometemento á avaliación de impacto ambiental.

É certo que na nosa citada Sentenza do 11 de novembro de 2014 admitimos que o termo “inviable”, utilizado polo número 2 da disposición transitoria primeira da Lei 9/2006, do 28 de abril, non debe ser interpretado na súa xenuína significación de imposible, xa que, se así for, carecería de sentido a excepción contida en tal norma, pero tamén declaramos nesa mesma sentenza que o precepto exixe unha singular motivación, que non se cumpre co argumento de terse respectado na súa tramitación a participación pública e estar concernidos bens xurídicos e intereses públicos que cómpre protexer ou que a protección do ambiente queda garantida co sometemento dos plans e proxectos de desenvolvemento ou execución posterior a avaliación ambiental, que son as únicas razóns que, en definitiva, expresou a Administración autonómica competente para declarar a inviabilidade de sometemento do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Teo aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006, do 28 de abril, ao indicar textualmente, despois de ponderar e referirse á protección demográfica ambiental, consideradas polo propio plan, aludindo á participación pública na súa elaboración, e aos prexuízos económicos e sociais que se orixinarían se tivesen que reporse as actuacións para sometelas ao trámite exixido pola Lei 9/2006, do 28 de abril, que: «Unha vez ponderadas e analizadas as circunstancias do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Teo, aprobado provisoriamente o 26 de marzo de 2007 no Pleno do Consello, á vista dos bens xurídicos e intereses públicos que hai que protexer, tendo en conta o proceso de participación pública realizado, os custos económicos e sociais, o nivel de integración que a protección do ambiente recibe no Plan xeral de ordenación municipal, así como que a protección de sustentabilidade do medio será garantida a través de sometemento a avaliación ambiental estratéxica dos futuros trámites sobre os ámbitos de desenvolvemento deste Plan xeral de ordenación municipal», conclúese considerando que non concorren razóns que, evidentemente, demostren que resultase inviable someter o Plan xeral de ordenación municipal de Teo aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente. Indícase, ademais, que “Expresada a nosa absoluta discrepancia coa aquiescencia prestada polo tribunal a quo á declaración de inviabilidade do sometemento do Plan xeral de ordenación urbana de Teo aos trámites de avaliación ambiental estratéxica previstos na Lei 9/2006, chegamos á conclusión de que tal conformidade co proceder manifestamente ilegal da Administración urbanística implica a vulneración non só do principio de desenvolvemento territorial e urbano sustentable, recollido polo artigo 2 do texto refundido da Lei de solo, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2008, citado como infrinxido pola representación procesual dos recorrentes ao articular ambos os motivos de casación, senón tamén a conculcación do establecido nos artigos 9.3 e 103.1 da Constitución, igualmente invocados como vulnerados ao desenvolver o primeiro e o segundo motivos de casación, en canto a sala sentenciadora estendeu un manto de silencio cómplice sobre a arbitraria actuación administrativa, proscrita polo referido artigo 9.3 da Constitución, e sobre a sinuosa actividade despregada por ambas as administracións urbanísticas demandadas, e agora recorridas, dirixida claramente a incumprir o preceptuado polo artigo 7 e o número 2 da disposición transitoria primeira da Lei 9/2006, do 28 de abril, así como pola Directiva comunitaria 2001/42/CE, do 27 de xuño de 2001, disposición esta tamén citada polos recorrentes como infrinxida polo tribunal a quo seguindo o fío dos razoamentos detallados na exposición do primeiro dos motivos de casación aducidos, razóns todas polas cales procede a estimación de ambos os motivos de casación, coa conseguinte anulación da sentenza impugnada e o noso conseguinte deber de resolver o que corresponda dentro dos termos en que aparece formulado o debate, conforme o disposto no artigo 95.2.d) da Lei xurisdicional”.

“Polas mesmas razóns que deixamos expostas para estimar os motivos de casación alegados chegamos á conclusión de que, ao terse incumprido na aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Teo o trámite de avaliación de impacto ambiental estratéxica, a pesar da data de tal aprobación e de que non está debidamente xustificada a inviabilidade dese trámite, en contra do establecido concordadamente no artigo 7 e no número 2 da disposición transitoria primeira da Lei 9/2006, do 28 de abril, e na Directiva comunitaria 2001/42/CE, do 27 de xuño de 2001, o acordo aprobatorio e o Plan xeral de ordenación municipal de Teo impugnados deben ser declarados radicalmente nulos segundo o disposto polos artigos 62.2 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, 68.1 b), 70.2, 71.1 e 72.2 da Lei da xurisdición contencioso-administrativa”.

No suposto aquí analizado, do feito de que os proxectos posteriores deban someterse á avaliación ambiental, non debe deducirse a exclusión ao mesmo trámite para a modificación do plan, máxime cando se pon de manifesto, e non o negou a parte contraria, que o plan non foi sometido. Hai que engadir que, conforme dispón o artigo 93 da LOUGA, “4. A revisión do planeamento e as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación, sen prexuízo do disposto no artigo 62 da presente lei.…”.

Aínda que a posible incidencia sobre o ambiente é evidente que sexa maior cando se presente un proxecto para un crematorio e teña que analizarse se se aproba o proxecto, isto non pode excluír o sometemento ao trámite ao aprobarse a modificación do planeamento e, pois que con esta modificación se di, entre outras cousas, que a distancia que debe ser respectada é de 50 metros con relación aos usos residenciais, terciarios ou equipamentos comunitarios, pódese deducir que de forma xeral xa se está incidindo sobre o ambiente e se poden deducir efectos ambientais significativos. Dentro do anexo II refírese, entre outros criterios, á incidencia sobre a saúde, ao que hai que engadir que se trata dunha actividade contaminante, xa que así o di a Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera, e o Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental (vixente ata o 28 de decembro de 2013); e con estas referencias, sen entrar na análise do resto dos puntos, xa se deduce que si que concorre, coa aprobación do plan e sen necesidade de esperar á aprobación dos proxectos, e que é lóxico que os proxectos de autorización de crematorios non os estudase aínda o órgano ambiental.

Por consecuencia do exposto, procede a estimación da demanda, coa conseguinte anulación da disposición impugnada.

Terceiro. Con imposición do pagamento das costas procesuais á parte demandada e codemandada, dentro do límite, para cada unha delas, de 1.500 euros (artigo 139 da LXCA), referido aos honorarios do letrado da parte contraria.

Vistos os artigos citados e demais preceptos de xeral e pertinente aplicación,

Decidimos.

Por todo o exposto, en nome do rei, pola autoridade que lle confire a Constitución, esta sala decidiu estimar o recurso contencioso-administrativo interposto polo procurador Jorge José Astray Suárez, en nome e representación da Plataforma de Crematorios Non en Pontevedra Leste, contra a Orde do 26 de decembro de 2014, publicada no DOG do 4 de febreiro de 2015, sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana de Pontevedra, para establecer e regular o uso do crematorio; e anulamos a disposición impugnada.

Con condena en custas á parte demandada e codemandada dentro do límite referido na fundamentación xurídica da presente resolución.

Contra esta sentenza cabe interpor, ben ante o Tribunal Supremo ben ante a correspondente sección desta sala, o recurso de casación previsto no artigo 86 da LXCA, que se deberá preparar mediante escrito para presentar nesta sala no prazo de trinta días e cumprindo os requisitos indicados no artigo 89.2 desa lei.

Unha vez firme a presente resolución, devólvase o expediente administrativo á oficina da súa procedencia, xunto con certificación e comunicación.

Así se acorda e asina”. Seguen sinaturas e dilixencia de publicación, tamén asinada».

E para publicar no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 107.2 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, emito e asino este edicto.

A Coruña, 15 de febreiro de 2019

José Miguel Formoso Sobrado
Letrado da Administración de xustiza