Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2019 Páx. 11316

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de febreiro de 2019 pola que se modifica a Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

Con data do 28 de xuño de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

Dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes formuláronse un total de 11.977. Este elevado número de solicitudes presentadas e o feito de que estes expedientes se atopen aínda en fase de tramitación, determina a necesidade de incorporar modificacións nas bases reguladoras consistentes en atrasar do 1 de marzo de 2019 ao 1 de marzo de 2020 tanto o sistema de xustificación dos pagamentos mensuais mediante o ingreso do importe da renda mensual de alugamento, descontando a contía mensual da subvención concedida, na conta bancaria do IGVS designada para o efecto, contida no artigo 34, así como a implantación do novo sistema de pagamento da subvención directamente á persoa arrendadora, contida no artigo 35.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual

1. Modifícase o artigo 34 da Orde do 22 de xuño de 2018, que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 34. Xustificación dos pagamentos mensuais

Segundo o establecido no artigo 21 das bases reguladoras, a xustificación dos pagamentos das rendas mensuais desta convocatoria realizaranse do seguinte xeito:

1. Ata o 29 de febreiro de 2020, a xustificación do pagamento mensual realizarase utilizando o modelo normalizado para a achega de documentación xustificativa dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, a través dun extracto ou dun certificado bancarios, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

a) No caso de contratos de alugamento vixentes a 1 de xaneiro de 2018 ou celebrados con posterioridade a esta data e con anterioridade á notificación da resolución de concesión, o pagamento da renda das mensualidades anteriores á data da resolución de concesión deberase xustificar nos dez primeiros días naturais, contados desde a notificación da citada resolución.

b) Para o suposto da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, cando non se dispoña de contrato no momento de presentación da solicitude, deberase xustificar o pagamento da primeira mensualidade no momento de achegar o contrato xustificativo da subvención.

Nos casos de non terse xustificado o pagamento mensual da renda no prazo establecido, perderase o dereito ao cobramento da subvención do citado mes.

2. A partir do 1 de marzo de 2020, o sistema de xustificación será o seguinte:

A persoa beneficiaria da subvención deberá ingresar o importe da renda mensual de alugamento, descontando a contía mensual da subvención concedida, na conta bancaria do IGVS designada para o efecto, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes segundo as consideracións que se establezan na resolución de concesión ou de renovación.

Unha vez comprobado o ingreso realizado pola persoa arrendataria, o IGVS procederá ao pagamento íntegro da renda á persoa titular da vivenda dentro da última quincena de cada mes, mediante transferencia bancaria á conta bancaria indicada pola persoa arrendadora no anexo III.

No caso de falta de pagamento da renda, no prazo dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes, por parte da persoa arrendataria na conta bancaria do IGVS designada para o efecto, perderase o dereito á subvención desa mensualidade, e a persoa arrendataria será a responsable do pagamento íntegro da renda estipulada á persoa arrendadora na súa conta bancaria.

2. Modifícase o artigo 35 da Orde do 22 de xuño de 2018, que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 35. Pagamento da subvención

1. Ata o 29 de febreiro de 2020, o ingreso da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria da subvención sinalada para estes efectos no anexo III.

2. A partir do 1 de marzo de 2020, o ingreso da subvención realizarase na conta de titularidade da persoa arrendadora indicada no anexo III, de conformidade co disposto no artigo anterior.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda