Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Venres, 22 de febreiro de 2019 Páx. 10926

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2019 pola que se convoca o curso monográfico A Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa: manual para a desconcentración, delegación, avocación, encomenda e suplencia.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 20/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa: manual para a desconcentración, delegación, avocación, encomenda e suplencia, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

De acordo coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as competencias exercitaranse por aqueles órganos que as teñan atribuídas como propias.

Con todo, esta mesma norma prevé, ao mesmo tempo, a posibilidade de acudir a técnicas de modulación competencial co fin de axilizar o funcionamento da Administración, incrementar a eficacia da súa actuación ou achegar a xestión pública ao cidadán. Estas figuras, que permiten flexibilizar este principio de irrenunciabilidade da competencia, son: a desconcentración, a delegación interorgánica, avocación, encomenda de xestión, delegación de firma e suplencia.

Poden, así, destacarse como obxectivos xerais do curso os seguintes:

– Estudo dos elementos que integran a competencia administrativa.

– Análise das distintas figuras de modulación competencial e o seu réxime xurídico.

– Exame dos vicios que poden afectar o acto, derivados dun defecto competencial, e as súas consecuencias.

Como obxectivo específico estudiaranse situacións concretas que pode xerar a actividade administrativa cotiá, e que poden facer conveniente o uso destas técnicas: en especial, a delegación e a suplencia.

2. Contidos.

Os temas principais de estudo e análise deste curso poden clasificarse nos seguintes módulos:

Módulo I. A competencia e os seus elementos. Vicios de competencia e efectos.

Módulo II. Desconcentración: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo III. Delegación. natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo IV. Avocación: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo V. Encomenda de xestión: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo VI. Delegación de sinatura: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

Módulo VII. Suplencia: natureza, suxeitos, requisitos e efectos.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

4. Desenvolvemento.

O curso terá unha duración de 14 horas lectivas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 11 e 12 de marzo de 2019.

Horario: de mañá e tarde.

5. Número de prazas: 70.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 5 de marzo de 2019.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderá realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo aos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

9. Publicación das relacións do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública